O grupo municipal socialista consegue que se aprobe a súa moción para incrementar o número de prazas e as actividades do programa de conciliación dos centros cívicos de Ourense

Tamén conseguiron os e as edís do PSdeG o respaldo da oposición para que o goberno local emprenda diferentes proxectos de colaboración interinstitucional e saque do abandono ás dotacións termais da cidade

“Non é froito do azar, do infortunio ou dunha maldición bíblica, senón do desleixo, a inacción, a falta de planificación e a ausencia de interese amosadas polo executivo local”, afeou ao executivo, o edil José Ángel Vázquez Barquero, ante a súa pasividade neste eido

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 1 de marzo de 2024. O grupo municipal socialista conseguiu o respaldo maioritario da oposición (PP e BNG) para aprobar a moción de termalismo na que se reclama ao goberno local que abandone o autoillamento institucional e traballe de forma colaborativa con outras administracións. “Actúa coa prepotencia propia dun novo rico. Só sabe confrontar. Dialogar e cooperar son verbos que non coñece porque non sabe ou porque non quere facelo”, recriminou ao rexedor o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero.

Na iniciativa, tamén se pide a inclusión do Concello de Ourense na mesa termal provincial e que a administración local inicie os trámites ante a Xunta de Galicia para conformar, dunha vez por todas, o consorcio interinstitucional que xa se aprobou hai anos por unanimidade da corporación en 2007 e que o PSdeG vén reclamando en múltiples ocasións que se leve a cabo. O edil, encargado de defender o texto, sinalou que a cidade vive “unha situación calamitosa e caótica na que ningunha instalación termal opera con normalidade e as que aparentan facelo apenas acadan os máis elementais estándares de idoneidade e calidade”.

Jácome e os concelleiros e concelleiras de Democracia Orensana votaron en contra, na súa liña de non facer nada para promover este eido, tanto de mellorar a vida dos ourensáns e ourensás como de amosar o máximo potencial da cidade aos turistas que a visitan. “Non é froito do azar, do infortunio ou dunha maldición bíblica, senón do desleixo, a inacción, a falta de planificación e a ausencia de interese amosadas polo executivo local”, lamentou Vázquez Barquero.

No que se refire á outra moción do grupo do PSdeG, para que permanezan as actividades de conciliación na rede de centros cívicos que dan sustento a máis dun cento de familias, tamén resultou aprobada co respaldo da oposición e a abstención do executivo local. A portavoz dos e das socialistas, Natalia González Benéitez, expuxo a necesidade de ampliar o servizo que xa se presta e lamentou a pousa seriedade de Jácome ao ausentarse do salón de plenos case sempre que se abordan estas problemáticas. “Cando os temas sociais entran pola porta Jácome sae pola ventá, o que non nos sorprende porque é un paralelismo da súa forma de gobernar”, resumíu.

“Xa comezamos o mandato, alá polo mes de xullo, coa matraca de que a continuidade do programa estaba no aire e o goberno suprimía as actividades de verán dos centros cívicos municipais alegando, daquelas, falta de crédito aínda que nós consideramos que é máis unha falta de previsión e vontade política. O mesmo que acontece agora”, advertiu.

“Traemos esta iniciativa non só para que manteñan o que xa funciona, senón para que se aumente o número de prazas e actividades ofertadas. E que non só se faga durante o período lectivo, senón tamén en época de vacacións”, afirmou a tamén secretaria xeral da formación en Ourense. Nesta liña, a edil criticou o caos e descontrol imperante na área de servizos sociais e que o executivo de Jácome funcione a base de improvisación, deixando para o último momento a confirmación da continuidade do programa.

Así mesmo, respondeu –ante a explicación que deu a concelleira Ana Fernández, que leva a carteira, sobre que sempre houbo problemas nesas partidas orzamentarias por non dotalas en condicións o bipartito do PSdeG-BNG– cunha pregunta: “Cando, dende fai 13 anos, estivo en risco como está agora continuamente algún programa de conciliación? Nunca. Porque a pesares de que as partidas sexan insuficientes existe algo que é a capacidade de xestión que vostedes non teñen”.

Lamentou, finalmente, que a prioridade do alcalde sexa seguir gastando en orquestras e asesores mentres as familias teñen que saír a rúa para evitar que desaparezan os seus dereitos. Rematou cualificando ao grupo de goberno de “hipócritas” por presentar no ano 2015 unha iniciativa para que se aumentasen as prazas dos programas de conciliación e non ter feito nada por que así sexa durante os 5 anos que levan á fronte do Concello de Ourense.