O Concello de Piñor informa de que o Programa de Educación e Apoio á Familia pon en marcha unha nova actividade para os nenos e nenas, trátase da SEMANA ZEN.
Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo Fondo Social Europeo a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027, levarase a cabo a actividade SEMANA ZEN, unha maneira orixinal, lúdica e chamativa de traballar cos nenos e nenas o autocontrol emocional e a xestión na resolución de conflitos. Os nenos e nenas realizarán sesións de relaxación, mindfullness, ioga… ademais de contacontos e actividades variadas para traballar as diferentes emocións e a resolución de conflitos, aproveitando as vacacións escolares da Semana Santa.
As actividades están destinadas a nenos e nenas de 4 a 13 anos, levándose a cabo en horario de 9:00h a 14:00h no Centro Social de Albarona, os días 25, 26 e 27 de marzo, e o 1 de abril. A inscrición deberá formalizarse en Servizos Sociais ata o 20 de marzo ás 14:00h.
Animamos á poboación a inscribir ós seus fillos e fillas nesta actividade, que ademais de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, permitirá que os nenos e nenas desfruten aprendendo.