Aurora Marco presenta en Celanova o seu último ensaio: a biografía de Carmiña Sierra

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • A historiadora manterá un coloquio coa escritora Susana Sanches Arins (autora de “Seique”).
  • A xornada abrirase co documental “Dores”, de Coral Piñeiro, sobre a represión na Illa de San Simón e na área de Pontevedra.

A primeira muller que ingresou no Seminario de Estudos Galegos chamábase Carmiña Sierra Domínguez. Naceu en Pontecesures no ano 1906, estudou Filosofía e Letras en Compostela, obtivo unha cátedra de Literatura Española e exerceu en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Na guerra participou da resistencia antifranquista e foi encarcerada na prisión de Ventas (Madrid), onde pasou tres anos. En 1950 exiliouse a Venezuela.

A historia desta muller espertou o interese dunha das grandes especialistas da memoria do país, Aurora Marco, que da man de Alvarellos Editora vén de publicar esta ampla biografía: Carmiña Sierra, a primeira muller do Seminario de Estudos Galegos.

Ás 17,30 horas deste sábado, 23 de marzo, dará comezo no Auditorio Ilduara de Celanova a xornada final do ciclo Memoria e Muller, organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova en colaboración coa Concellería de Igualdade do Concello de Celanova.

A presentación do libro de Aurora Marco terá como prólogo o pase do documental Dores, de Coral Piñeiro, que conta entre outras a historia da Illa de San Simón, convertida nun campo de concentración para presos republicanos, ducias deles recluídos alí tras pasar por Celanova.

O fío condutor das dúas obras porao a escritora Susana Sanches Arins que manterá un coloquio con Aurora Marco na presentación e, antes, aparecerá tamén no filme de Piñeiro contando parte da historia que deu pé ao artefacto literario que foi o seu celebrado Seique.