O grupo municipal socialista advirte de que o goberno de jácome adxudicou a unha empresa de propaganda a elaboración dos pregos da nova contratación do servizo de auga e saneamento

A mesma empresa foi contratada para encargarse dun informe que xustificara que era máis rendible a compra de novos autobuses no canto de licitar de maneira completa o servizo de transporte urbano 

A portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, lembra que o rexedor tamén intentou que fora unha das empresas que se encargaran da atención teléfonica a persoas maiores 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 10 de abril de 2024. Dende o grupo municipal socialista advirten de que unha empresa que oferta servizos de propaganda, segundo aparece no rexistro mercantil, foi escollida en varias ocasións, a través de contratos menores, para levar a cabo tarefas como un informe que xustificase a compra de novos autobuses (no canto de licitar de maneira completa o servizo de transporte urbano) ou poñer en marcha a atención telefónica a persoas maiores da cidade.

En xaneiro de 2021, o alcalde convocou unha Xunta de Voceiros na que trasladou a todos os grupos políticos “as vantaxes de gastar 14 millóns de euros en novos autobuses sen proceder á licitación completa do servizo”, segundo lembra a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez. Nesa reunión avalouse a decisión cun informe que aparentemente presentaba algunhas eivas e que fora elaborado pola empresa Gallaecia Broadcast SL.

“Dous anos despois, en xaneiro de 2023, dende o grupo municipal socialista alertabamos de que o executivo de Jácome adxudicara dous contratos para o acompañamento a persoas maiores que vivían soas a empresas que non estaban rexistradas para a prestación de servizos sociais e que o que ofertaban eran servizos de comunicación”, lembra a tamén secretaria xeral da formación en Ourense.

Outra vez saía o nome da mesma empresa e o dun particular para, por un importe de 18.000 euros, levar a cabo ese proxecto, que tildaban de “piloto”, enmarcado no programa da terceira idade do Concello, tal e como se reflicte no decreto de adxudicación (de data 30 de de decembro de 2022). “Ante o escándalo público de dita contratación para un servizo tan sensible e no que se requería, obviamente, unha especialización e uns requisitos legais para a prestación do mesmo, o goberno revocou ambos decretos e anulou dita adxudicación”, resume a socialista. 

Recentemente, o 25 de xaneiro de 2024, o executivo local adxudicou, a través doutro contrato menor, a Gallaecia Broadcast SL (por importe de 18.000€) “nin máis nin menos que a asistencia técnica nas labores de apoio relacionados co servizo municipal de auga e saneamento, apoio no análisis e auditoría do cumprimento das obrigas por parte da actual empresa concesionaria e na elaboración das bases e estudo económico da nova licitación”, expón a voceira do PSdeG. 

Natalia González recorda que as dúas aparicións anteriores desta empresa remataron de maneira abrupta e esixe ao rexedor “que explique públicamente que é o que está a facer cos pregos de contratación dos servizos esencias e de todas as concesións en precario do Concello de Ourense”. E remata destacando a incoherencia de outorgar tarefas sociais a empresas que non son profesionas deste eido e que poden poñer en risco xurídico as futuras licitacións municipais.