A VII edición da “Ourense Strade Termal” reunirá a preto de 400 deportistas de 19 provincias diferentes

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Este evento deportivo, que se celebrará o 21 de abril co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde e da Axencia de Turismo de Galicia, ofrece aos deportistas dous percorridos de 110 e 80 km, con diferentes zonas de “sterrato”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente do Inorde destacou a “gran acollida” que ten cada ano esta proba e puxo en valor o carácter “dinamizador” deste tipo de eventos afirmando que “a oferta de aloxamento do Xurés está ao 100% de ocupación e, ademais, xéranse pernotacións noutros puntos próximos da provincia”

Muíños, 17 de abril de 2024.

A VII edición da “Ourense Strade Termal” celebrarase o vindeiro domingo, 21 de abril, co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde e da Axencia de Turismo de Galicia, reunindo a preto de 400 deportistas de 19 provincias diferentes para gozar do “sterrato” nesta proba única na provincia de Ourense.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no complexo turístico de O Corgo en Muíños, nun dos enclaves polos que transcorre a proba. No acto participou o deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o deputado de Deportes, César Fernández; o xefe do servizo provincial de Turismo da Xunta, Cecilio Santalices; os alcaldes de Muíños e Lobios, Plácido Álvarez e Mª Carmen Yáñez, respectivamente; o vereador da Cámara Municipal de Montalegre, Jorge Fidalgo; a xerente do Inorde, Emma González; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e os Gardas Civís de Tráfico de Ourense, Damián Novoa e Manuel Rodríguez, que se encargarán da seguridade viaria durante a proba xunto aos GES de Muíños e Lobios.

O presidente do Inorde destacou a “gran acollida” que ten cada ano esta proba e puxo en valor o carácter “dinamizador” deste tipo de eventos afirmando que “a oferta de aloxamento do Xurés está ao 100% de ocupación e, ademais, xéranse pernotacións noutros puntos próximos da provincia”. A “Ourense Strade Termal” logra en cada edición “atraer a máis participantes de fóra de Galicia, principalmente de Madrid, País Vasco, Cantabria, Asturias e do norte de Portugal”, salientou Rosendo Fernández.

Esta nova edición da “Ourense Strade Termal” levará aos cicloturistas apaixonados do “sterrato” a descubrir fermosas paraxes da Baixa Limia, pertencentes aos concellos de Lobios e Muíños. Ademais, a “Ourense Strade Termal” conserva o seu carácter internacional e levará aos participantes novamente ata a Cámara Municipal de Montalegre.

A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, ofrece aos deportistas dous percorridos: o gran fondo de 110 quilómetros e cun desnivel de 1.800 metros, e un  mini fondo de 80 quilómetros con 1.200 metros de desnivel acumulado, dúas distancias con tramos de terra compactada. A saída, será ás 9.30 horas no Balneario Lobios Caldaria situado en Riocaldo (Lobios), onde tamén será o punto de chegada