Laura Novelle ( O Carballiño). Profesora de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, escritora e divulgadora. Responsable do blog Docendo Discitur: https://docendodiscitur.blog/
Cada 23 de abril, celebramos un Día dedicado ao libro e a lectura. ¿Cultura ou «postureo»? Neste artigo ofrezo unha visión persoal e algunhas propostas.
O 23 de abril celébrase o Día do Libro. Ver postos de libros nas rúas ou descontos nas librarías son as súas manifestacións máis habituais. ¿Por qué esta data? A UNESCO escolleuna porque arredor dela faleceron tres grandes da literatura universal: William Shakespeare (1565-1616), Miguel de Cervantes (1547-1616) e o Inca Garcilaso de la Vega (1563-1616).
Non estou en contra das celebracións culturais. Creo que son positivas. Pero tamén penso que o plantexamento actual que se lle da ao Día do Libro non contribúe a que cumpra a función educativa e social que se debería ter.
Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Cultura, correspondentes ao ano 2023, Galicia está na media española de lectura, mentres que os territorios onde menos se le son Andalucía, Murcia e Canarias. Para min, o dato máis rechamante é ese 35,9% da cidadanía española afirma non ler nunca. Entre os motivos máis citados están a falla de tempo libre e de interese. Menos do 2% dos enquisados aduce como causa a falla de saúde ou as limitacións visuais.
Malia que as cifras non sempre casen ben coas realidades socio-demográficas, somos un país que non le. ¿Motivos? Diversos, desde logo. Resultaría demasiado extenso abordalos aquí. Como indicacións xerais, hai que ter en conta que vivimos nunha era maiormente visual e instantánea, de ocio mercantilizado, na que a lectura ten moitos outros competidores que ofrecen outro tipo de gratificacións. Amais, a lectura non lineal que favorece Internet (picoteo desordenado, antes que afondamento contextual) resta capacidade de análise e concentración. Lemos a diario, si, pero facémolo de xeito superficial, sen asimilar e rodeados de centos de páxinas web que non achegan nada útil, só barullo, publicidade, datos insubstanciais.
O Día do Libro como celebración segue ancorado no século XIX, cando os lectores estamos mergullados nun século XXI onde todo acontece a un ritmo acelerado. «Profe, coas túas clases entendemos moito máis o que sae na tele e nos xornais» comenta abraiado o meu alumnado de Historia do Tempo Presente cando falamos na aula de Palestina, de Ucraína, do avellentamento da poboación, do capitalismo tecnolóxico que nos goberna. ¡Nunca coma hoxe foi tan necesario ler para entender o que (nos) pasa, poñelo en relación con outros feitos e desenvolver o xuízo crítico!
Por esta razón achego, desde o meu punto de vista e valéndome da miña experiencia como bibliotecaria e docente, algunhas propostas para darlle verdadeiro significado cultural a esta data:
- Día sen clase, portas abertas nos centros educativos. O 23 de abril debería ser un día non lectivo pero si de portas abertas á cidadanía con actividades para familias, librarías e sociedade en xeral. A escola é o centro de todo, non pode quedar á marxe con cousas como unha simple lectura do Quixote. Os niveis iniciais poden facer actividades cos pais e nais (lecturas compartidas), mentres os niveis superiores (5º e 6º de Primaria, ciclos da ESO), poden apostar por outro tipo de obradoiros, encontros con escritores locais, concursos, maratóns de lectura… Hai mil posibilidades, sempre que os estudantes teñan canles para expresar qué lles gustaría ler. Debe ser algo guiado, mais nunca imposto.
- Bibliotecas como lugares de encontro social. No mundo actual, pasear pola rúa e ir a unha biblioteca pública son as dúas únicas actividades saudables que podemos facer de balde, sen ter que pagar nada. ¡E non o estamos aproveitando! Obradoiros de escritura ou elaboración de marcapáxinas, lecturas dramatizadas, charlas, xogos, escape-rooms literarios para mozos aproveitando sagas de moda. Abrir o abano de posibilidades fai da lectura algo máis vivo e dinámico. En definitiva, máis conectado coa sociedade, da que debería ser espello.
- Proxectos colaborativos a nivel local. Os concellos tamén poden poñer en contacto asociacións, tecido cultural e cidadanía para argallar proxectos que se poidan manter e repetir no tempo. Exemplos: colaboración con residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade, hospitais, unidades de psiquiatría, prisións, centros de menores, albergues. Todo o mundo ten dereito a sentirse parte de algo e todo o mundo ten dereito a participar e decidir qué tipo de actividades son as que importan.
A lectura, como o amor, é algo que non admite imperativos. As dinámicas de arriba a abaixo non adoitan funcionar. Por iso é importante socializala, levala a rúa e mantela viva dándolle voz á xente. ¿Qué sería da lectura sen lectores? Dicía Joge Luís Borges que de todos os instrumentos do home, era o libro o máis asombroso por ser unha extensión da imaxinación da memoria. Asombrémonos, pois, entre páxinas de papel ou de tinta electrónica, porque mentres lemos, vivimos dúas veces. ¡Feliz Día do Libro!
Outros ártigos de Laura Novelle:
A opinión de Laura Novelle. “3 de Decembro: algúns datos para reflexionar “