Roteiros de Lalín e Roteiros de O Carballiño fan a primeira etapa do Camiño a Santiago da Xeración Nós entre Ourense e Amoeiro

Hoxe día 28 de abril de 2024, organizado conxuntamente por Roteiros de Lalín e Roteiros de O Carballiño fixemos a primeira etapa do Camiño a Santiago da Xeración Nós entre Ourense e Amoeiro. Cuarenta e cinco sendeiristas participamos na actividade completando unha distancia de quince quilómetros. A ruta sae de Ourense pola ribeira do Miño e logo continúa coa subida dura da Costiña de Canedo. En Beiro visitamos o Castro e a Abadía de estilo románico. A ruta seguiu polo Camiño Real ata Amoeiro. Alí fomos recibidos polas autoridades municipais. Logo tivemos un xantar de confraternidade e visitamos o Pazo de Trasalba, sede da Fundación Otero Pedrayo. Este Camiño seguirá por Maside, O Carballiño, O Irixo, Vilatuxe (Lalín), Silleda e Ponte Ulla para rematar en Santiago, recreando a peregrinaxe que en 1926 fixeron os membros da Xeración Nós e que foi precursora das Xeiras que realizou o Seminario de Estudos Galegos.