Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (V): ”Preguntas incómodas antes da despedida”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Dedicado a José Benito Sieiro, que marchou a pasada fin de semana.    

                               In memoriam

            O sol estaba a punto de concluír o seu paseo patagón e o día comezaba a devalar sobre as nevadas e maxestosas montañas andinas, testemuñas omnipresentes do canal Beagle e gardiás permanentes de herméticos segredos indios das tribos canoeiras dos onas e dos yagáns. Atravesando a bocana do canal, Charles e mais eu camiñamos cara á oficina na que horas antes fomos presentados. Era o momento da despedida.

Antes de nos despedir, gustaríame que respondeses a certas preguntas que che quero formular e que responden a dúbidas que foron nacendo das nosas conversas. Para empezar, cal foi a verdadeira relación entre ti e Fitz Roy? É unha dúbida que me asalta despois de coñecer as diferentes opinións que circulan pola autoestrada da historia e polos vieiros das vosas biografías. As opinións sobre esa amizade desabotoan moitas das miñas dúbidas e mesmo abren a porta a manipulacións interesadas. Durante esta enigmática viaxe, que tan amablemente dirixiches e con tanta ilusión me harmonizaches, non saiu da túa boca ningunha crítica nin palabra difamatoria contra o capitán. Sempre te manifestaches condescendente e respectuoso con el. Pero que pasou realmente entre ti e Fitz Roy unha vez que este se enterou da túa publicación da “Orixe das especies”, despois de regresar a Inglaterra? Sentiuse defraudado por ti ao revelares as consecuencias dos teus propios achados na expedición do Beagle?

Sei que as miñas preguntas son audaces e comprometidas. Entendo tamén que as respostas teñen que ser excesivamente difíciles para ti.   

-“Non te informei ata agora de como Fitz Roy accedeu a capitán do Beagle para realizar aquela importante viaxe pola Patagonia. Quen realmente debía capitanear o barco era Pringle Stokes, que fora o comandante xefe da expedición do Beagle, en maio do ano 1826, para inspeccionar as costas meridionais de América. Pero Stokes non logrou a meta que lle propuxera o Almirantado inglés. Recoñeceu os seus propios erros na estratexia dos relevantamentos, o que supoñía un ano máis da súa vida e da tripulación nos angustiantes canales de Terra de Fogo. Nesa situación, a finais de xullo de 1828 fondeou no porto de Hambre, enfermo e baixo de moral polas privacións e perigos que sufrira a súa tripulación. Naquel momento de enorme depresión, o día 12 de agosto dese mesmo ano suicidouse disparándose un tiro na cabeza.

            Foi entón cando Robert FitzRoy asumiu o mando do Beagle con decisión. Pero aquel terrible suceso de Stokes paseaba con reiteración patolóxica pola súa cabeza. E así, incapaz de borrar da súa mente aquel funesto episodio, invitou á súa corrosiva obsesión a acompañalo para repetir de modo mimético o plaxio de Stokes. Fitz Roy suicidouse o 30 de abril do ano 1865”.

Sepultura de R. Fitz Roy, na Abadía de Westminster. E foto súa

Que mágoa! O que me contas parece o guión dunha traxedia grega.

Parece ser que Fitz Roy nunca creu na evolución. Era tremendamente creacionista dadas as súas profundas crenzas relixiosas. Considéraste ti responsable da súa morte por publicar “A orixe das especies”, despois de lle prometer -ao parecer- en Valparaíso non publicar a túa teoría sen consultar antes con el?

-“Cando me enterei do suicidio, caeu sobre a miña conciencia unha enorme culpabilidade considerando a situación de desconfianza que nos afectou despois do regreso da viaxe. No ano 1836 toda a tripulación estaba feliz de regresar a Inglaterra. Foron cinco anos moi duros de viaxe, aínda que desde o punto de vista científico tamén resultaron moi interesantes. Moitos de nós non sabiamos que nos depararía o futuro. Eu estaba preocupado polas explicacións que daría ao meu pai sobre a viaxe e do importante que fora para min. En cambio, temía como respondería el ao comunicarlle que eu non pensaba ser pastor anglicano. As miñas primeiras intencións non eran outras que dedicarme ao estudo da Natureza ao dispoñer dunha enorme cantidade de achados de especies que acumulara na viaxe e tiña que clasificar. E, probablemente, tentaría regresar á Universidade de Cambridge utilizando a miña amizade co meu antigo titor o profesor Henslow.

Ao chegar a Inglaterra, antes de baixar do Beagle a terra firme, o capitán preguntou á tripulación cales eran os nosos proxectos e ambicións. Algúns responderon que tratarían de volver realizar unha viaxe exploratoria como a que acababamos de realizar, pero coa esperanza de obter un rango maior. A un da tripulación ocorréuselle delatarme explicándolle ao capitán que o “señor Charles Darwin di que quere ensinar en Cambridge aínda que teme non poder logralo”.

-“Non se me afogue nun vaso de auga -díxome Fitz Roy-, pois co éxito do libro que escribiremos os dous, o seu nome será coñecido en toda Inglaterra. Ofreceranlle o cargo que queira”.

Daquela eu pregunteille: “E vostede, capitán, supoño que non pensa pedir o mando doutro barco?”

-“Non, non… pois xa realicei dúas longas viaxes e agora teño que pensar na miña carreira en Londres. Teño pensado iniciar unha carreira política…e escribir o noso libro”.

Despois de desembarcar do Beagle, cales foron as túas primeiras angueiras?

-“Os primeiros días en Londres dediqueinos a visitar á miña familia. A primeira visita, ao meu pai, que a pesar dos meus temores non me preguntou nada sobre o meu futuro. El poñía moita atención no que eu lle relataba, sobre todo do meu proxecto en publicar con Fitz Roy un diario da viaxe. Con todo, non me preguntou nada sobre a miña vocación de pastor. Posteriormente, visitei aos meus irmáns -a miña nai falecera- e contactei cos meus antigos profesores e con algúns amigos. Pasados eses primeiros días de visitas, empecei a poñer en orde todos os datos recolleitos na viaxe para publicalos. Non obstante, aqueles primeiros apuntamentos que pensaba publicar, como o meu Diario, terían que formar parte dunha publicación conxunta cos escritos de Fitz Roy. Por iso, unha vez que rematei o meu traballo envieino ao editor para a súa lectura. Pero ao enterarse o capitán daquel envío enfadouse tremendamente por non enviarllo antes a el para ver se consideraba facer algunha corrección. Afeoume de forma incrible dicíndome que violara a nosa promesa de Valparaíso.

En que consistía aquela  trascendental promesa?

-Nun momento daquela longa viaxe, un integrante da nosa expedición e mais eu pasamos varios días percorrendo xuntos o val do río Santa Cruz, mantendo moitas charlas sobre as miñas teorías e as súas posibles derivacións, científicas e sociais. Ao decatarse o capitán, reprochoume que sacase a conto co meu compañeiro as miñas teorías sobre a evolución.

“Señor Charles -díxome-, como lembrará vostede, nunha das miñas charlas xa lle expliquei que esas teorías súas terían un tremendo impacto na sociedade británica xa que a dedución evidente das mesmas era que Deus non existe. Naquela conversación xa lle expliquei que o seu futuro, como tamén as nosas carreiras -e niso inclúo a todos os oficiais do Beagle- se verían seriamente prexudicados se, como resultado da viaxe, se xeraba un debate que minase os mesmos alicerces do Imperio Británico. Lembra o que acordamos naquela ocasión?

-Si, capitán. Recordo que acordamos non divulgar a teoría ata que non contase con probas”.

 E ti publicaches sen contar con el e sen dispoñer de probas?

-“Efectivamente. Por esa razón me responsabilicei da súa morte e me sentín culpable”.

  Diversas edicións da obra cumbre de Charles Darwin

-Actualmente, hai científicos que defenden a tese de que ti e Wallace chegastes á teoría da selección natural simultaneamente. Que tes que dicirlles a eses científicos?

-“Iso é un erro, e non por moi repetido é máis certo. É un dato constatable que eu anotei o meu rexeitamento do fixismo das especies xa durante a travesía no Beagle (1831-1835). Eu tiven clara a teoría sobre a evolución por selección natural, vinte anos antes que Wallace”.

Outros conceptos que se confunden a miúdo son os de evolución e darwinismo. Sabemos que “evolucionismo” é a idea de que os organismos se modificaron ao longo da historia da Terra. Esta idea básica exprésase xa na filosofía de Epicuro, segundo o poema “De rerum natura” do seu seguidor Lucrecio, así como nos escritos de filósofos ilustrados como Maupertuis, Diderot… e se intúe en formulacións do naturalista Buffón. Penso que o teu propio avó Erasmus Darwin e o zóologo Lamarck expoñen teorías evolucionistas.

-“A orixinalidade da miña teoría non é que haxa evolución, é que o mecanismo fundamental que determina a evolución é a selección natural. E os puntos clave desta teoría son: (a) Se hai reprodución, os organismos producen copias máis ou menos exactas de si mesmos; (b) se hai variación, os organismos se diferencian entre si nalgunha propiedade; (c) se hai herdanza, os organismos se parecen aos seus proxenitores; (d) se hai competencia polos recursos, non toda a descendencia producida pode sobrevivir e reproducirse na mesma medida.

As consecuencias que derivan destes presupostos son:

(1) os individuos con propiedades que ofrezan vantaxes na competencia polos recursos sobrevivirán mellor e reproduciranse máis eficazmente.

(2) Ao longo de vastos períodos de tempo poden producirse cambios evolutivos nas devanditas propiedades.

As características da evolución por selección natural son o gradualismo (cambio multixeneracional), o cambio poboacional (cambio na frecuencia de distintos fenotipos nas poboacións, non nos individuos mesmos) e a ausencia de teleoloxía, xa que ningún axente selecciona nada cun obxectivo específico. O proceso funciona só sempre que se dean as condicións necesarias.”

O que acabas de explicar encaixa perfectamente coa ciencia. Hoxe sabemos que hai reprodución, que hai variación, que hai herdanza, que hai competencia polos recursos, que certas propiedades ofrecen vantaxes en aptitude, e que en organismos de curta vida se pode observar a evolución en acción. Non obstante, a túa teoría presenta flancos vulnerables. En especial, desde enfoques éticos e relixiosos.

-“Creo que os resultados do proceso evolutivo analizados desde a selección natural teñen as mesmas implicación éticas que pode ter a estrutura atómica da materia ou a táboa periódica dos elementos químicos. Non se debe confundir unha teoría científica cunha ideoloxía social. Eu utilizo metáforas para explicar estes conceptos biolóxicos. Cando utilizo o termo “selección”, moitos poden interpretar esa palabra como un proceso discriminatorio. Do mesmo xeito, ao utilizar a metáfora “loita pola existencia” pode levar a pensar nun combate ou nunha agresión directa. Igual que ao empregar a expresión “competencia polos recursos” se pode interpretar que a base do proceso é o enfrontamento. Que pasaría se en lugar desas expresións utilizase outras metáforas? Imaxina que en vez de “selección” utilizo “concurso de méritos”. E no canto de “loita pola existencia” utilizo “obtención de recursos e eficacia reprodutora”. E en lugar de “competencia”, uso “diferenzas en eficacia na perpetuación”. Quizais así, me tivese aforrado moitas críticas á miña teoría.

Estou convencido de que esta teoría sempre experimentou resistencia á súa aceptación. Inicialmente, houbo unha forte resistencia relixiosa baseada sobre todo na proposta sacrílega de que “o home vén do mono”. Pero tamén notable foi a resistencia científica desde os inicios. Lembro a Jean-Louis-Rodolphe Agassiz, que xa daquela criticou a mobilidade das especies. Non me esquezo de Fleeming Jenkin, que resaltou como a dilución da herdanza facía inviable o mecanismo da selección. Ou mesmo a William Owen, que tratou de expoñer as evidencias da ortoxénese no rexistro fósil como contraditorias coa miña idea. Estou convencido que existiron moitos malentendidos que dificultaron a comprensión da selección natural”.

Creo que foi Georges-Louis Leclerc, o conde de Buffon, quen afirmou por primeira vez que “a Terra tiña talvez miles de millóns de anos, e que a escala de tempo era tan grande que a vida podería ter evolucionado a partir dun único ancestro”. Dicir algo así era expoñerse a ser tildado de herexe, por suxerir que a Terra era máis antiga que o que dicía a Biblia.

“El sabía que facer esa afirmación era perigoso, polo que, tan pronto como o escribiu, agregou un párrafo dicindo: ‘Pero, por suposto, isto é unha especulación ridícula, porque o Libro do Xénese nos di o contrario’. Así puido salvarse”.

Tamén te critican porque na evolución non existe dirección nin obxetivo ningún (teleoloxía), pero ademáis por unha suposta incapacidade da teoría evolucionista para explicar a orixe das especies.

-“Está claro que os críticos deses aspectos se moven no vitalismo, no transformismo lamarckista, no mutacionismo e no esencialismo. A hipótese que propoño, dentro da teoría da evolución, para explicar a separación irreversible de liñaxes evolutivas é o principio de diverxencia. De conformidade con el, a selección natural favorece variantes dunha especie que sexan diferentes aos fenotipos máis frecuentes nalgún trazo que afecte á súa interacción co medio. Esa diverxencia leva dificultades cada vez maiores para a mestura de fenotipos diverxentes con aqueles máis frecuentes na poboación por diferenzas no hábitat, na fenoloxía reprodutiva, na atracción sexual e nas dificultades debidas a adaptacións diferentes. Seguidamente, a selección natural favorecerá caracteres que impidan a hibridación cando o proceso está moi avanzado, xa que hibridar significa perda de aptitude dos descendentes. Finalmente, producirase a total separación reprodutiva das dúas liñaxes ou especiación. A especiación está sempre baseada na selección natural.

Non faltan científicos que mesmo aceptando a túa teoría introducen o concepto do “deseño intelixente”, esa idea que vén rechear a resposta que nunca concedeches relacionada coa falta de finalidade na teoría da evolución. O bioquímico Michael Behe argumentou a favor do concepto de “complexidade irreducible”. E propuxo que certas estruturas biolóxicas son demasiado complexas para ter evolucionado a través de procesos graduais e que, polo tanto, deberon ser deseñadas por unha intelixencia superior.

-“Na miña teoría non entran esas ideas porque exceden á experiencia empírica, e polo tanto non son científicas. Sei que se pretendeu introducir na miña teoría o concepto de “deseño intelixente”, porque era unha forma de apelar á idea de Deus como deseñador dos fenómenos evolutivos. Tamén se procurou criticarme por non poder inserir dentro da evolución unha explicación da aparición de características complexas, argumentando que o proceso da evolución era demasiado lento e gradual como para explicar a aparición de estruturas complexas, como os ollos e as ás.

Porén, non faltaron defensores teus fronte a esas críticas. É o caso de Richard Dawkins, que publicou un libro titulado “O reloxeiro cego”, no que trata a teoría da evolución, centrándose especialmente no concepto de selección natural e no modo como esta pode explicar a diversidade e complexidade da vida na Terra. Dawkins utiliza a metáfora do reloxeiro cego para ilustrar como a selección natural pode dar a aparencia de deseño na natureza, incluso en ausencia dun deseñador consciente. Argumenta que a complexidade aparente das estruturas biolóxicas se pode explicar mediante procesos evolutivos sen necesidade de acudir a unha causa sobrenatural ou deseñadora.

            -“Estou informado da defensa que Dawkins ofrece no seu libro sobre a Teoría da evolución a da súa crítica á idea do deseño intelixente. Pero tamén estou informado da opinión do biólogo Stephen Jay Gould, que a pesar de non criticar directamente a Teoría da evolución, propuxo a idea de “equilibrio puntuado”, suxirindo que a evolución pode suceder en refachos curtos de cambio seguidas de períodos de estabilidade, o que desafía a noción de cambios graduais e continuos que eu propoño.

Quero informarche de que aínda na actualidade, seguen existindo críticas á túa teoría, ata o punto de que algúns países impiden a explicación da teoría da evolución no ensino. Que mensaxe lles podes enviar a ese 26% de europeos, ao 32% de americanos (EEUU), ao 40% de europeos do Leste, ao 56% dos habitantes de Israel e ao 70% dos turcos, que todos eles opinan que Deus creou aos seres humanos coa súa forma actual?

-“Son consciente de que as implicacións filosóficas e relixiosas da miña teoría non escaparon á atención dos meus coetáneos nin dos críticos posteriores. Pero tamén estou convencido de que todos os que citas se moven por fundamentalismos relixiosos e por ignorancia científica. A existencia de Deus é salvable dentro da miña teoría, o mesmo que se pode rescatar o concepto de creación. O libro bíblico do Xénese non se debe interpretar no sentido literal. Os días que aparecen na creación do mundo non son días de vintecatro horas, senón dilatados períodos de tempo. E en cada longo espazo de tempo deses sete días as cousas foron cambiando como agora, modificándose, evolucionando. A vida comezou polos seres máis simples, pero co paso do tempo foise convertendo en máis complexa e diversa. Por iso se pode ensamblar que as múltiples estruturas biolóxicas actuáis son resultado dos primeiros principios da materia, que todos eses críticos poden asignar á creación. Digamos que a creación donou os materiais básicos para a construción do mundo actual.

Cal é a explicación de que nesa obra tan importante sobre a evolución non encarases directa e profundamente a evolución humana? Céntraste na evolución dos animais e non explicas a evolución do ser humano. Lembro este par de liñas na penúltima páxina do libro: “No futuro afastado albisco campos abertos á investigación máis importantes. A psicoloxía estará baseada nun novo fundamento, o da necesaria adquisición gradual de cada capacidade mental. Lanzarase a luz sobre a orixe do home e sobre a súa historia”.

-“Pois a pesar desa mínima referencia á evolución do ser humano, a publicación do meu libro desatou unha aterradora tormenta. Ao ano seguinte de aparecer, celebrouse unha reunión da Asociación Británica para o avance da ciencia en Oxford, na que o bispo Wilberforce condenou publicamente as miñas ideas como contrarias á revelación divina. E mesmo se atreveu a preguntarlle a Thomas Huxley, defensor da evolución, se descendía do mono por vía paterna ou materna. Como ves, as críticas multiplicáronse por todas partes.

            Teño idea de que apareceu unha crítica científica á túa teoría, que se ampliou a Lamark, sobre a defensa de que os caracteres adquiridos se herdan polos descendentes. Sería Augusto Weisman quen tratou de rectificar a vosa teoría negando que se herden os caracteres adquiridos. Quixo demostralo empiricamente cortando o rabo a ratos de 21 xeracións seguidas, constatando que os seus herdeiros seguían desenvolvendo rabos normais, pois ningún naceu sen rabo.

-”Faltoume tempo de vida para comprobar que esa miña teoría non era correcta. Eu defendía que a evolución é lenta e que os grandes cambios evolutivos se producen pola acumulación de cambios pequenos a través de longos períodos de tempo. E os caracteres adquiridos precisan de tempos máis dilatados para poder transmitilos á descendencia. Teño que recoñecer que dentro da miña teoría hai aspectos mellorables”.

            Pois recoñecerás que ese é un problema substancial tal como o interpreta a bioloxía posterior a tí, que considera basicamente a evolución como a evolución do xenoma. Hai unha notable diferenza entre o xenotipo -o xenoma- e o fenotipo -o aspecto corporal e a conduta-. Só os cambios no xenoma son relevantes para a evolución. Aínda que a selección natural actúa directamente sobre o fenotipo dos organismos individuais, esa actuación só ten efectos evolutivos unha vez que incide sobre a estrutura do xenoma.

No caso de que existise vida noutros planetas, evolucionaría como evoluciona na Terra? Imaxinemos que no planeta Vinland, da galaxia Andrómeda, aparecesen unhas bacterias, como apareceron no noso planeta, a evolución actuaría seguindo o mesmo proceso que aquí? Aparecerían co paso do tempo seres humanos coma nós?

-Iso é impredicible. A evolución non explica nin predí o curso concreto da evolución biolóxica. Simplemente expresa que é consistente coas leis da física, pero as leis da física permiten moitas alternativas. A evolución biolóxica é un fenómeno histórico, pero continxente. Ese fenómeno podemos describilo e constatalo, pero non podemos explicalo nin predicir como vai seguir. Aquí mesmo, na Terra, se a vida volvese empezar cen veces, seguramente produciría cen resultados diferentes. Sería posible que en ningunha delas aparecésemos os humanos.

En cambio, o que si nos ofrece a teoría da evolución é un esquema teórico, probablemente o único coñecido, no que é posible acoplar datos eventuais referentes aos seres vivos dunha forma coherente e compatible coa ciencia.

Dicir que os seres humanos somos produto da evolución non é explicar o inexplicable, senón comprender que o mundo da vida é compatible coas leis da física e da bioloxía. Despois de todo, cada ser humano é como un milagre da evolución, un caso infinitamente azaroso.  

Quixera rematar e preguntarche antes de nos despedir e de agradecerche as túas impagables leccións, se quedaches satisfeito e orgulloso daquela viaxe no Beagle da que tanto aprendiches e nos regalaches.

-“Foi con moito o acontecemento máis importante da miña vida e foi quen determinou a miña vocación e a miña profesión. Creo con absoluta convicción que a esa travesía lle debo a educación real e a primeira formación da miña mente. Porque me vin obrigado a prestar gran atención a diversas ramas da historia natural e grazas a iso se perfeccionou a miña capacidade de observación. O que daquela con máis intensidade brillaba na miña mente era o esplendor da vexetación dos trópicos. Con todo, a sensación de sublimidade dos grandes desertos da Patagonia e as montañas cubertas de bosques nesta Terra de fogo deixaron en min unha pegada indeleble na miña mente. A vista dun salvaxe espido aquí por onde estamos pasando agora mesmo é algo que non se pode esquecer nunca. E isto que che conto agora, xa o manifestei daquela despois de rematar a viaxe”.

            Moitas grazas, Charles, polas túas impagables leccións. Foi unha acerto e unha honra ter elixido esta viaxe enigmática na que tanto aprendín e na que de tanto pracer gocei.

            Entramos na oficina para confirmar o final da nosa viaxe. Unha señorita da oficina acercouse a min para retirarme o brazalete azul ionizado que me colocaran no brazo pola mañá. Xirei para despedirme de Charles, pero xa desaparecera.


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (IV): ”As investigacións de Charles Darwin, prolegómenos da teoría da evolución”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.