As e os representantes socialistas recolleron as diferentes achegas feitas por produtores, colleiteiros, adegueiros os enólogos co obxectivo de dar traslado das mesmas ao Goberno central, ao Parlamento de Galicia, á Deputación de Ourense e os concellos
Inician así unha rolda de contactos cun sector que consideran “clave” e “estratéxico” para a economía da provincia e que os levará a reunirse coas 4 Denominacións de Orixe presentes en Ourense
Ribadavia, 10 de maio de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter un encontro co sector vitivinícola da Denominación de Orixe do Ribeiro co obxectivo de analizar cales son as necesidades que ten o sector nestes momentos e que proxectos serían axeitados levar a cabo nesta DO. As e os socialistas inician así unha rolda de contactos cun sector “clave” e “estratéxico” na economía da provincia e que os levará a reunirse coas 4 denominacións de orixe presentes en Ourense.
O acto contou coa presencia do secretario provincial e senador, Rafael Rodríguez Villarino; coa deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; coa deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; co voceiro do grupo provincial socialista, Álvaro Vila Araújo; co deputado provincial socialista na comarca do Ribeiro, Emilio Luís Díaz; e con concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios que pertencen a Denominación de Orixe do Ribeiro. No acto celebrado no salón de actos da cooperativa Viña Costeira tamén estiveron presentes representantes dos distintos elos do sector vitivinícola como son os produtores, os colleiteiros, os adegueiros e os enólogos, así como os diferentes sindicatos.
As e os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense recolleron diferentes achegas do sector co obxectivo de dar traslado das mesmas ao Goberno estatal, ao Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense e os diferentes concellos da bisbarra do Ribeiro. O senador e secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, en calidade de voceiro do PSOE na Comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación do Senado tomou boa nota das diferentes necesidades artelladas polos profesionais do sector co obxectivo de dar traslado das mesmas a comisión de Agricultura e ao propio ministro de Agricultura, Luís Planas.
“Pretendemos facer unha valoración global da situación do sector na comarca do Ribeiro e posteriormente no resto de denominacións de orixe, para trasladarlle a situación ao propio ministerio”, explicou Villarino. O obxectivo final que se marcan os socialistas é que unha delegación das diferentes Denominacións de Orixe da provincia de Ourense “poida reunirse co propio ministro para analizar a situación e as necesidades de futuro”.
No transcurso do encontro analizáronse polo miúdo os retos e as problemáticas das 4 Denominacións de Orixe coas que conta a provincia, facendo especial fincapé na situación dos mercados, a produción, a adecuación das novas tecnoloxías ou a potenciación do enoturismo. Tamén se falou das diferentes axudas que recibe o sector no Ribeiro, co fin de “seguir mellorando a súa chegada e facilitar os trámites para o acceso ás mesmas”.
As e os socialistas reuniranse en próximas datas co resto de Denominacións de Orixe da provincia co fin de obter as necesidades e os retos de futuro que se lle presentan e poder artellar fórmulas para unha mellor xestión de axudas ao sector