O presidente provincial participou na inauguración da 25ª Feira do Viño de Valdeorras, da que forman parte 21 adegas: “O Consello Regulador da Denominación de Orixe fai un traballo serio e rigoroso que se vislumbra ben nesta feira. Sen ese esforzo, non habería este éxito”, recalcou
O presidente provincial, Luis Menor, vén de participar na inauguración da XXV Feira do Viño de Valdeorras que se desenvolverá durante esta fin de semana na praza de Viloira, no Barco de Valdeorras, e da que forman parte 21 adegas desta Denominación de Orixe.
Menor felicitou ao Consello Regulador polo seu labor, “un traballo serio e rigoroso que se vislumbra ben nesta feira. Sen ese esforzo, non habería este éxito”, dixo. Do mesmo xeito, lembrou que a Deputación sempre mantivo e continúa a manter unha cooperación activa con este organismo: “Sempre tivemos e teremos claro que o apoio ao sector do viño é primordial”. De feito, sinalou que o sector vitivinícola “é un valor engadido a este territorio que temos a obriga e o pracer de impulsar, axudar e promover con cantas accións se nos requiran”.
Neste senso, lembrou a colaboración que a Deputación prestou para a nova sede deste organismo, así como a segunda fase desta mellora que na última modificación de crédito da institución provincial consignou 100.000 euros para este fin. “Sempre estaremos ao carón de todas as iniciativas que beneficien e potencian o noso territorio”, recalcou Luis Menor.