Espazo Común rexistra unha petición de Pleno Extraordinario

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A formación de Espazo Común do Carballiño ven de rexistrar unha petición para a celebración dun Pleno Extraordinario na que piden un acordo para propiciar un cambio no Carballiño. A nota explicativa dos seus motivos é a seguinte:

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“O pobo do Carballiño atópase, hoxe por hoxe, nunha encrucillada da que é imprescindile saír na dirección correcta pois pode que non haxa moitas máis oportunidades.

Estamos a vivir tempos nos que todo muda moi rápido e a deriva do interior galego é de todo menos positiva e as posibilidades de que as consecuencias do despoboamento e o aíllamento nos devoren son moi elevadas.

Perda e envellecemento de poboación, desaparición de servizos básicos coma os de transporte ou os sanitarios, escasas oportunidades de futuro para os máis xoves, empeoramento e abandono das infraestruturas…

Estamos nun momento no que as accións que se acometan van decidir se pobos coma o noso teñen futuro ou non.

Ben seguro que todos desexamos que esta disxuntiva se resolva de xeito favorable para nós pero isto non vai acontecer por sí só.

Cómpre traballar moito e ter claro cara a onde se quere camiñar.

Cómpren proxectos, ideas, gañas de emprender.

Cómpre carácter e iniciativas para esixir aos de máis arriba o que é noso por dereito e que estamos a deixar escapar sen repoñernos hai xa tempo.

En resumo, cómpre todo o que hoxe en día non hai polo que un cambio de rumbo é imprescindible.

Temos por diante unha boa cantidade de decisións fundamentais nas que atinar na súa resolución é a clave absoluta de todo o que virá e do pobo que herdarán os nosos fillos e netos:

-A ubicación do CENTRO DE SAÚDE, que algúns seguen empecinados en „enterrar“ na actual Estación de Autobuses. Non se debe esquecer tampouco a falla de persoal e de servizos que padece o Centro actual. A acción resolta do Concello resultará clave para revertir esta situación.

-O mantemento e a posta en valor do PARQUE MUNICIPAL. O parque urbano máis grande de Galicia, a nosa xoia da coroa que estamos deixando podrecer.

-O proxecto de novo PARQUE EMPRESARIAL, unha necesidade imperiosa para a xeración de emprego da que levamos anos escoitando contos pero sen ver unha soa realidade.

-A perentoria necesidade de construción dunha CIDADE DEPORTIVA que acubille a tódolos deportistas das moitas disciplinas que hoxe se practican no Carballiño.

-A adxudicación do CONTRATO DO CICLO INTEGRAL DA AUGA: é dicir o máis caro da historia deste Concello que rondará os 50 millóns de euros e que terá un impacto  tremendo durante os vindeiros 25 anos no día a día dos veciños. É obrigatorio facer ben os proxectos e optar pola profesionalidade e a solvencia cun concurso transparente e deixar de lado o amiguismo.

-A recuperación do RURAL E DAS NOSAS PARROQUIAS que non poden quedar só en lugares lonxanos a onde se manda a desbrozar pola festa do pobo. Hai que poñelas en valor e darlle calidade de vida para que a xente nova aposte por vivir nas aldeas.

-Dar un pulo ao TERMALISMO como atractivo turístico é outra desas asignaturas pendentes que, con pouco, pode aportar inxentes beneficios ao noso pobo.

-Rematar dunha vez co proxecto do PARQUE ETNOGRÁFICO e poñelo en valor coma complemento á recuperación do Parque Municipal.

-A FESTA DO PULPO está estancada nun modelo que se fotocopia ano a ano dende hai xa demasiado tempo. Hai que modernizar a nosa festa senlleira e á vez recuperar tradicións que foron suprimidas e que son parte da súa esencia.

-A EDUCACIÓN, aínda que o Concello non ten competencias si que hai moito que se pode facer neste eido para fixar poboación e incluso para promover a natalidade atraendo familias novas. Un bo SERVIZO DE CONCILIACIÓN cun horario racional, EVITAR O PECHE DE COLEXIOS, mellor organización do persoal, racionalizar as AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO…

-A CASA DA XUVENTUDE. Despois de anos e anos de promesas, xa non queda concello do tamaño do Carballiño que non conte cun espazo de lecer para a xente máis nova. Resulta urxente cubrir esta eiva.

-O ASILO DO CARBALLIÑO hai tempo que se converteu nalgo que contradí absolutamente o seu espírito orixinal e traizoa a memoria dos seus fundadores e de toda unha vila. A acción dende a alcaldía é esencial para recuperar a senda que esta institución nunca debeu perder.

Esta listaxe podería ampliarse moito máis que están á cola e que precisan atención urxente pero hai unha cousa ben clara, ningunha vai saír adiante con éxito se non se lle pon moito interese, aínda máis sentido e, sobre todo, traballo.

Ao noso entender, estas características están nas antípodas do proceder habitual do actual goberno polo que consideramos unha temeridade deixar todas estas decisións nas máns dun goberno queimado, desgañado e con nula eficiencia na toma de decisións.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                                  SOLICITAMOS

  1. A adhesión dos membros da corporación do Carballiño a un gran acordo para propiciar un cambio político neste Concello”.