O grupo municipal socialista esixe a dimisión de Gonzalo Pérez Jácome ante a sentenza que dictamina que o condena por acoso laboral a un traballador municipal

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A sentenza 00288/2024 do Xulgado do Social considera a conduta do rexedor de Ourense constitutiva de acoso no traballo fronte ao interventor municipal e declara nulo o seu cese

O Concello deberá abonar unha indemnización, conxunta e solidariamente co alcalde, de 30.000 euros

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O xulgado do social de Ourense vén de declarar nulo o cese do interventor do Concello e dictaminou que considera probada unha situación de “acoso no traballo” promovida polo alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, a través de reiteradas manifestacións durante as sesións plenarias e as súas redes sociais. Ademais, a sentenza recolle que se indenmice cunha cantidade de 30.000 euros ao habilitado nacional e declara a nulidade do cese do seu posto.

“A sentenza recolle e tipifica unha conduta que ás e aos membros do grupo municipal socialista non nos resulta allea. O continuo abuso da súa posición con difamacións, calumnias e insultos que exceden, con moito, da crítica política e que so teñen como fin danar á persoa á que se dirixen, despreciala e desprestixiala, son unha constante no salón de plenos e no Concello de Ourense”, subliña a edil do PSdeG María Fernández Ojea.

O xuíz afirma, nesta liña, que o rexedor iniciou “unha campaña de desprestixio” do interventor municipal “que non tiña outra finalidade que xustificar ante a opinión pública o futuro cese do seu posto por resultar un funcionario incómodo” e que o apartou dos seus labores malia a existir un informe do Ministerio de Facenda “que se opón radicalmente a elo”. Así mesmo, sinala o maxistrado que se trata dunha actuación “completamente ilegal pola falta de competencia do alcalde, conforme á normativa vixente, para proceder ao cese do demandante”. Ante estas explicacións, dende o grupo socialista consideran que a dimisión de Gonzalo Pérez Jácome debería de producirse de xeito inmediato.

“Esta non é a primeira denuncia á que se enfronta o alcalde e o Concello de Ourense e reflicte, ao longo das súas 18 páxinas a situación tóxica e de perigo para a saúde mental e laboral das traballadoras e traballadores municipais, así como das e dos membros da Corporación”, recorda a edil socialista. Trátase da segunda sentenza que o goberno da terceira cidade de Galicia, baixo o bastón de mando de Jácome, acumula por un delito de acoso laboral logo de que a xefa da Policía Local, María Barrera, levase ao xulgado á Administración e se dictaminase outra indemnización de 30.000 euros.

Así as cousas, dende o grupo socialista consideran que os feitos que se relatan no dictame  son de “extrema gravidade e ademáis reiterativos”. E que o rexedor “lonxe de por fin a unha conduta non só reprobable, senón ilegal, a incrementa a diario danando a integridade da institución á que representa e xerando un clima de toxicidade” nunha contorna na que el é o xefe de persoal.