Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


“En el frondoso vergel folklórico de Galicia refulge con encanto singular la noche de San Juan. Es quizá la fiesta de mayor interés y en la que perviven mitos, creencias y supersticiones de más hondas raíces.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 La supervivencia de estas tradiciones no es primitiva de Galicia, ni siquiera de España.

La noche de San Juan, dentro de la clasificación que de las fiestas ha hecho Hoyos y Sainz, corresponde a la primera sección de las naturales o primitivas, grupo de las míticas y estacionales.

 El día 21 es el solsticio de verano. El sol empìeza a declinar. A este día, cristianizado luego con la fiesta del Precursor [s. Xoán Bautista], alude el romance que recogió Murguía:

 “Madrugada de San Xoán,

madrugada a máis garrida,

que baila o sol cando nace

e ri cando morre o día”

 “El fuego, con el agua constituye lo más característico de la Noche de San Juan. El fuego tiene diversos aspectos que ya fueron señalados por V. Risco: cósmico-agrario, mágico y terapéutico”.

 “El mito pagano se cristianizó después conmemorando la festividad del Precursor. Hay una leyenda que asegura como origen de estos fuegos el recuerdo de la gran hoguera que en la cima de una montaña hizo encender Santa Isabel a Zacarías [pai de S. Xoán] para anunciar a María y a la madre de Judas el nacimiento de San Juan.

 Las hogueras, (lumeiradas, fogueiras, cachelas, lumes) son lo más típico y extendido de esta noche”.

  Jesús Taboada Chivite: La noche de San Juan en Galicia (1952)                       

  Permítanme, todas as persoas que se acheguen a esta andaina, estas verbas introdutorias e de síntese sobre tema tan amplo, tomando como alicerce o ilustre etnógrafo verinense que, con sabedoría e a boa hora, soubo recoller en innumerables artigos un amplo mostrario de “Ritos y creencias gallegas”, publicados en 1980 pola editorial Sálvora na colección de Antropología.

 As publicacións relacionadas co tema, anteriores ou coetáneas aos membros da xeración Nós na revista do Grupo e posteriores a esas datas, foron moitas e revisadas e ampliadas, que, no caso que nos ocupa, non foron tidas en conta, non pola falta de interese, senón  en base a criterios de divulgación máis ca  de investigación, pero que si convén sabermos que son obxecto de atención  en tratados e monografías de amplo espectro por especialistas -que non é  o meu caso-.

  Máis alá da bibliografía que poida achegarse sobre  A noite de San Xoán, o certo é que hoxe, en pleno século XXI,  quizá maís ca nunca, o ritual ten unha raizame ben asentada. Máis urbana ca rural-tradicional, pero a realidade é a que é: “onde non hai persoas, malamente se pode pensar en esmorga”. Véxanse como mostras as fogueiras/ cacharelas que se organizan en núcleos urbanos das grandes cidades como no Berbés en Vigo, en Vista Alegre en Santiago, ou que pensarmos das concentracións masivas nas praias do Orzán na Coruña, ou na de praia América-Panxón de Nigrán e unha longa listaxe ás que se suman as celebracións de asociacións de veciños, de familias ao redor do churrasco e, sobre todo das sardiñas que, como ben dí o refrán: “Por San Xoán, a sardiña molla o pan”.

 A miña experiencia local, ten como lembranza algunha falcatruada desa noite como a de arrancar algunha cancela e escondela, ou algún carro movelo de sitio á porta doutro veciño. Do que si teño memoria clara  é o de espetar arredor das ventás e das portas das diferentes construcións familiares (casa, cortes, palleiros, hórreos, forno…) as “rosas” do sabugueiro

Igrexa parroquial de Froufe; A Alén acochada na fraga. A virxe do Carme e San Xoán

que neste tempo está florecido e arrecende un olor caracterísitco, ademais dos “estralotes” ou “sanxoás”, que, segundo a tradición evitan que o resto do ano entren “as meigas” ou outros espíritos malignos… [As pólas do sabugueiro, como o seu sámago ten unha “carne” branda,  era empregado para fabricar os tiratacos, xoguete no que ao crear unha cámara de aire permitía disparar os froitos do loureiro ou da estopa de liño]. Na actualidade, e froito do abandono dos lugares, a árbore que predomina no interior das ruínas é, precisamente, o sabugueiro, como que quixera seguir protexendo o lar da desfeita anunciada.

 Con respecto á presenza vexetal nesta celebración pagá-cristianizada e a modo de síntese, recollo un extracto de X. Taboada, que dí: “Las hierbas y las flores  que en Galicia se utilizan con fines profilécticos, curativos o mágicos con el nombre de “herbas de San Xohán”, recogidas en la fiesta del Bautista, son la: digital (sanxuais, sanxoans), hinojo (fiuncho, fionllo, fiollo, fenollo, ..), citiso (codeso) , helecho macho (dentabrum, fentobrum..), trovisco, ramos de nogal (nogueira), ramos de aliso (ameneiro, amieiro),espadaña, saúco (binteiro, sabugo, sabugueiro, bieiteiro), malva, artemisa de menudas flores blanca, cantueso (arzáis), rosas de nabo, ágramo, herbas de San Pedro, rosa de sábrego, poutas de lobo, matricaria (herba de Nosa Señora) , hojas de roble  (carballo), romero, siempreviva, etc. De estas y algunas más hay constancia en Galicia que se recojan y usen en la fiesta de San Juan.[No Irixo, algunhas delas en abundancia)

 En el Ciprianillo, que se refiere a la zona galaico-portuguesa, se citan el trébol tetrafólico [catro follas], de tanta tradición sanjuanera en otras regiones, y el azivro, ambos con fines mágicos a emplear en esta noche”.[Con respecto ao trevo, ben saben os sempre doutos lectores que, dada a súa excepcionalidade, e segundo a tradición, aínda hoxe é considerado como presaxio de boa sorte e de amuleto. O acivro, agora abondo estendido entre nós nos xardíns como árbore ornamental, era escaso ou case invisible, agás no bosque de ribeira ou de “regha”, como é o caso do “diestro” da Cidá, ou na parte maís alta e á vez sombría das fragas de  Froufe, A Espiñeira ou Reádigos].

Igrexa parroquial e casa reitoral

 -Sobre o solsticio de verán hai unha historia moi interesante que ten como punto de referencia a capela de San Miguel de Celanova, que cada vinte e un de xuño se alinea o sol de tal xeito que entran os raios de luz por unha ventá e saen por outra posterior ata poder ver unha estrela que brilla saíndo polo oeste da capela mozárabe-

 Curiosamente, nestes días que teño visitado o lugar da Alén-Froufe e a parroquia de Zobra, levando como guía senlleiro a Manuel González, “alias Catelino” de Carballeda, sorprende nestas datas o elevadísimo numero de acivros ao pé da estrada, dos que ademais algúns están en plena floración, ata o extremo que se pode dicir que destaca máis a cor vermella do froito do que a verde brillante da folla. –Que, xa é dicir!.

  Para poñerlle “ramo” a esta introdución, e sempre segundo as atinadas e líricas reflexións de Taboada Chivite, : “Estas hierba y flores de San Juan tienen las mismas propiedades que el rocío de esta noche, pero en medicina popular se emplean con carácer permanente…..

 Es que en el mundo vegetal queda esta noche el germen de mil maravillas y sobre él vierte la noche y  su rocío estupendos y esotéricos hechizos.”

 “Un prodigio poético relacionado con el mundo vegetal que parece tomado de un cuento de  Grim o de Perrault, es el que refiere Murguía: Cubriendo un helecho con una servilleta blanca en la noche sanjuanera al día siguiente aparecerá llena de gnomos” . -Aí queda o desafío!.

 O refraneiro popular sobre o solsticio, a noite e o S. Xoán, tanto na liña profana coma relixiosa, é de  tanta  amplitude, que pon demanifesto a  popularidade e tradición secular en moitos ámbitos da vida cotiá:

 -Un “anillo” me deu Pedro, outro “anillo” me deu Xan. Como hei de sachar o millo, con dous anillos na man?.

-San Xoán o vintecatro, san Pedro o vintenove e san António o trece por ser o máis xove.

Pombal na Alén. Na lumieira  Año1856 [Será unha mágoa que se esborregue]

 A reiteración do nome en tantos contextos evoluiu a algunhas variantes na tradición oral como “alcume” con algún cualificativo e significados variables: Ser un Xanciño (un ninguén); Xan Carallás (mítico fundador de Redondela); Xan das mozas; Xan do Outeiro (paciencia, picardía, lonxevidade, gaiteiro de sona, ludopatía, gula); Xan Quinto (célebre bandoleiro como Pepa a Loba, ou Manuel Casanova queaos ricos roubaban e aos pobres socorrían”. Non embargantes, se hai algún Xoán que se fixo especialmente popular nos últimos anos é o de  Xan da Arzúa, personaxe de Allariz que, cando os xudeus intentaban impedir a procesión do corpus, montou nun boi moi bravo que tiña e escorrentounos, posibilitando así a procesión. Disque deixou unha manda de repetir anualmente esta acción intimidatoria, que acabou evolucionando ata a actual festa de “Corre-lo boi”, de ampla sona máis alá da comarca alaricana.

 Se estes primeiros parágrafos están adicados de xeito esquemático á parte pagá que precede á celebración cristianizada, desde o solsticio de verán do día vinte e un ata a noite da véspera de San Xoán, que decirmos do San Xoán, chamado o Precursor, -por se ter retirado ao deserto, onde comezará a anunciar a inminente chegada do Mesías- cuxo padroado é exercido en Froufe, e que se considera dos de culto máis antigo entre os das parroquias de Galicia, como no caso de Santa Baia ou San Pedro, dos que temos representación nas parroquias do Irixo, en Reádigos, Dadín e  A Espiñeira, respectivamente.

Acceso ao lugar de Froufe, en cuxa casa vén de empadroarse unha persoa.

Segundo a tradición, este San Xoán Bautista, -que non é o Evanxelista– e curmán de Xesús,   sitúano cronoloxicamente arredor dos anos 5 antes de Cristo e o 30 despois de Cristo, polo tanto coetáneo a Xesucristo e fillo de Isabel e Zacarías. Sendo mozo, retirouse ao deserto, onde viviu en austeridade e penitencia. No ano 27 apareceu na rexión  do Xordán, en cuxo río do mesmo nome bautizaría a Xesucristo. O suceso que transcendeu máis da súa vida, foi, xustamente, a morte por decapitación e orde de Herodes Antipas, a petición de Herodias, a súa dona, por unha suposta relación incestuosa daquel coa súa cuñada.

 A representación máis usual é a de “fraco, nervado, espeluxado e barbado, como consecuencia da súa vida ascética no deserto. Este santo é facilmente recoñecible por ir vestido cun basto pelexo de animal a xeito de túnica.; na man leva unha longa  vara rematada nunha cruz, e ao seu carón está deitado un año de branca la (símbolo de Cristo/ Agnus dei), que pode estar colocado tamén sobre un libro; ademais da actitude dirixíndose ás xentes, adoita ser representado no momento de levar a cabo o bautismo de Cristo”.

 A importancia deste profeta, ao que moito confundirían co verdadeiro Mesías agardado, foi tal que, a diferencia de case todos os demais santos, a celebración de san Xoán coincide coa presunta data do seu nacemento, e non da súa morte.[ Doutores ten a Santa Madre Igrexa,  e destacaba este último dato o profesor X. Manuel García Iglesias no acto de presentación do seu libro sobre a igrexa de Banga en 2016].

No lugar de Subirol, a pizarra está omnipresente, mantén algunhas mostras da arquitectura tradicional ben conservadas e outras nas que se respectou a restauración (2024)

 Sobre a talla que representa o S. Xoán na igrexa parroquial de Froufe podemos confirmar que responde en boa medida a esta descrición sinalada con carácter xeral: barba, abondo espeluxado, fraco, túnica sinxela e ao seu carón un libro no que descansa un año – en honor á verdade, algo deforme e la descolorida-. A portiña do sagrario-expositor  representa a S. Xoán de mozo co “agnus dei” ás costas, que, neste caso, o año resulta máis agrazado e pode ter presente o momento no que Xoán Bautista ve a Xesús e exclama. “Veleiquí o año de Deus, que quita o pecado do mundo”.

 Nestes días previos á festa, adiantada ao 22 por razóns obvias de asistencia dun maior número de persoas e tamén de axenda do párroco, estase a cumprir co ritual da novena como marca a tradición aínda que en precario pola ausencia continuada daquel, e que a veciñanza con moita devoción e entrega organiza a tarefa: os homes encárganse do toque das campás e dos foguetes, as mulleres adecentan o interior da igrexa traendo a un primeiro plano as imaxes de S. Xoán e da virxe do Carme que son as que van saír á procesión o día da misa solemne. Ademais de  repoñer as flores frescas, son as encargadas de rezar o rosario.

 O programa relixioso no Día Grande inclúe a misa cantada pola coral de Botos-Lalín, e o acompañamento do Grupo de Gaitas do Irixo; despois de que este xa dera a alborada polos lugares da parroquia e  a súa actuación estelar na sesión “vermú”.

 A parte musical complétase coa verbena e o “espectacular folión” a partir das 00.30 h.

 Se xa temos a festa montada, o que cómpre é que a asistencia sexa masiva, de novos e vellos, para que a comisión siga mantendo a tradición durante moitos sanxoáns vindeiros.

 Nunha folla volandeira, que se reparte entre os asistentes aos actos relixiosos, e a modo de coplas, recóllense algúns datos da biografía de S. Xoán, na que, entre outros, se narra a súa decapitación:

“Salomé, hija de Herodías,

bailando con gentileza,

pidió a Herodes tu cabeza,

porque tú la reprendías.

 Y Herodes a su pesar,

aunque mucho te estimaba,

tu cabeza le entregaba

por premio de su bailar”

 Do  historiador J. Hervella, que ten publicada unha extensa información sobre esta igrexa,  destacarei, por exemplo, a información relativa á existencia dunha Cofradía de S. Xoán (1678-1832), pola cal se obrigaba os cofrades a un donativo anual  de “sete reais” , a cambio dunha misa cantada na Ascensión, con tres curas. Ademais dun AUTO DE ÁNIMAS, na véspera do S. Xoán con seis curas para que os fieis puidesen confesarse e comungar o día do Patrón. Cando acaecía a morte dalgún dos cofrades, o enterro ía acompañado dunha ampla mostra de velas e catro fachóns, con cargo á confradía.

 Sobre a construción da igrexa, a opinión máis estendida é a de que sería reconstruída sobre outra medieval, durante o primeiro terzo do século XVII -na porta lateral consta a data de 1603 e no retablo a de 1634-, e posteriormente habería outras ampliacións e modificacións de xeito case continuado ata a presenza como párroco de Don Camilo Duro, natural da parroquia. No banco do retablo do altar maior hai unha inscrición de 1834 que recolle a restauración daquel e o da Nosa Señora da virxe do Carme no lateral esquerdo.

 Se de inscricións estamos a falar, desta igrexa podemos afirmar que de entre todas as do concello do Irixo  é das que presenta un dos textos maís longos a ambos lados da porta principal con arco de medio punto. Informan do cura que promove a súa construción e contribúe con trinta ducados, ademais de incluír os nomes dos fregueses cos respectivos  lugares que colaboraron con materiais e co seu traballo (Ano 1622). -Para esta interpretación parcial contei  coa colaboración de Manuel -Catelino- e os seus compañeiros de angueiras polo Candán e O Testeiro : Paco Cuíña, Daniel e Alex Negreira).

SOBRE A ALÉN (Diccionario Madoz; 1850: –Existiendo también una casa aislada llamada ALÉN, que es muy antigua y da nombre a una familia-)

 Por outra banda, e sen saírmos da parroquia, para min o maís importante, polo tempo tan delongado que levaba agardando para satisfacer a miña curiosidade, foi o de correr unha aventura con Manuel de Carballeda para descubrir as maravillas do lugar da Alén. Intentárao, accedendo  eu só polo lugar de Subirol, un día de calor tórrida do mes de agosto,

A Covela e Froufe desde a Alén:xilbarbeira, corticeira, ponte, muíño, acivro, ruína

pero cando cheguei á metade da fraga, despois de ter xa alcanzado a ver unha corticeira maxestosa,  tiven que dar volta porque me entrou algo de “canguelo” na espesura do bosque cos carballeiros, corticeiras, castiñeiros, acivros, que contribuían ao benestar co frescor pero ao mesmo tempo impedían orientarme, despois de saber que alí estaba a xoia da coroa: un pombal, que eu tiña visto en fotos pero quería admirar á beira, porque me parecía tan irreal como senlleiro, aínda sabendo que a microtoponimia -como case sempre- non deixaba lugar á dúbida, como así foi.

 Desta volta, a camiñada realizada foi seguindo un carreiro que desde a estrada que conduce a Froufe-A Covela, se desvía á man dereita ata acadar o río Viñas (Espiñeira), en cuxa canle se atopa a primeira mostra de interese patrimonial: un muíño en ruínas, e ao seu carón unha ponte dun só van que debeu ser reconstruída no punto actual desde outro máis abaixo. Os alicerces da ponte están asentados sobre un subsolo de xistos, ao que segue unha cachotería tamén a base de lousa e se completa cuns piares que tempo atrás deberon servir de soporte para unha varanda de ferro ou madeira.

 A ambas  marxes do río, a vexetación invádeo todo: á esquerda predominan os carballeiros e algún que outro castiñeiro, as marxes do río son fértiles en amieiros, freixos, dentabrúns…O carreiro, na aba da fraga pola que se chega á Alén, é sinuoso e case impracticable: carrascos, carqueixas, uces, xestas, silvas e algún toxo malamente permiten o paso. A medida que se ascende van aparecendo colonias de acrivros e azoutacristos que, por un lado desfrutan da sombra, e, por outro buscan o sol, namentres carballos e corticeiras o cobren todo e  os restos de caracochas “fosilizadas” lembran un pasado de soutos meleiros.

 A sabedoría do guía e a curiosidade que nos anima a seguir lévannos á descuberta do prezado ben arquitectónico: O Pombal.

 O concello do Irixo non é moi xeneroso neste tipo de construcións, como tampouco o é de pazos. Así, se nos atemos ao refrán popular: “Casa con capela, pombal e ciprés, pazo é”, pode afirmarse que actualmente non hai ningúnha construción  que cumpra eses requisitos, nin nas reitorais nin nas casas afidalgadas. Os pombais que se conservan: na Ponte, A Sueirexe, Campeliños, O Coto, e Vilameá responden case todos eles á mesma planta e materiais empregados; sen embargo o da Alén é orixinal, senlleiro, sobre todo pola cantería e material empregado que, como non podía ser doutro xeito, utiliza exclusivamente a pizarra da contorna, tanto as pezas enteirizas das xambas como  a lumieira onde consta a data de construción (1856). Son arredor de 200 niños cos que conta para a crianza dos prezados pichóns.

 O cualificativo de senlleiro aplicado a este pombal,  polo menos no que acada ao concello do Irixo, é unha evidencia. Polo tanto, deben  adoptarse as medidas necesarias para a súa conservación e visibilización entre propios e foráneos e, a curto prazo ser declarada a contorna de protección medioambiental e etnográfica. O feito de ser considerado como lugar baleirado, non debe ser razón para que non poida ser considerado como “LUGAR SENLLEIRO”. Non como “Aldea modelo”. Iso é diferente, porque non estamos a suxerir   ningún tipo de explotación gandeira nin forestal, nin tampouco de asentamento humano, -que podería ser- pero si de exemplo de conservación e de recuperación do Patrimonio como foi, por exemplo,  a do “Salgueiro” en Muíños. Esta, dentro do Parque natural Baixa Limia -Xurés, adquirida pola Xunta e de acceso restrinxido-. No caso da Alén-Froufe quizais podía sumarse á Rede Natura 2000 -Serra do Candán e ser catalogada como Zona de Especial Conservación, ou crear un centro de Interpretación da natureza, dada a riqueza patrimonial que reúne. Porque, ademais da singularidade do pombal en aceptable estado de conservación, hai outros motivos, como os de tipo medioambiental, notables pola diversidade da flora e fauna, así como outros de interese aquitéctonico en estado ruinoso: casas, palleiros, hórreos, albariza, socalcos, mina e puzo de rego…-Teno case todo!

Para empezar, propoñemos ao Concello que, como primeira medida se limpe o acceso ao lugar e a súa contorna, desde a estrada a Froufe a maís interesante, ou desde Subirol, e se adopten as medidas de seguridade e protección que se esixan para o caso, como por exemplo a sinalización e determinadas prohibicións de tipo etnográfico e medioambiental.

Inscricións na entrada á igrexa e detalles do retablo

 Desde o punto de vista humano, o lugar da Alén, e tal e como se recolle en 1850 no Diccionario Madoz  “que es muy antigua y da nombre a una familia” podemos considerar que A Alén de Froufe é como mínimo tetracentenaria, é dicir, de arredor de 400 anos, porque no catastro de Ensenada (1753)  constan dúas casas petruciais : a de Favián do Barro e a de Juan da Alén. Sobre o apelido Dobarro, son abondas as mostras da súa presenza, especialmente nas parroquias de Froufe, A Espiñeira e Zobra, e senón non hai máis que darse unha volta polos cemiterios das tres parroquias, ademais das que o levamos na actualidade pola parte dos concellos de Lalín, Silleda e O Irixo.

 O petrucio da Casa da Alén, Juan, que, a maiores adopta o apelido “Alén” (Máis alá,ao lonxe, O máis alá) responde indudablemente a dúas motivacións: a do patrón da parroquia e o lugar de nacemento. En 1753 conta con sesenta anos e deixa unha longa descendencia de cinco fillos nesa data. Esta extensa familia non foi razón para pasar fame porque conta cun patrimonio abondoso: casa, pombal, muíño propio e grandes extensións de terro como a identificada como “Leira grande”,”cavida novente y cinco ferrados”.…ademais de viña e algunha cepa das que aínda queda por alí algún toro que a fan milenaria, e facenda numerosa de cabrún, ovino e vacún, ademais das catorce colmeas que debían preservarlas dos osos coa albariza –hai valados dela– porque daquela aínda quedaba algún por aqueles lares.

 Da liñaxe de Juan é  un presbítero  coñecido tamén polo nome de Juan da Alén que foi enterrado no coro da igrexa en 1827, coa asistencia de “veinte y dos señores sacerdotes, se descargaron por su Ánima trescientas misas inclusas las de tercio, se le dio sepultura en el coro de la iglesia…” , e pola súa irmáTomasa Alén, falecida en 1830 e enterrada no mesmo coro, dispuxo en testamento: “asistiesen a su entierro y mas funerales ocho señores sacerdotes, incluso el párroco, y se descargasen por su alma cien misas, inclusas las de tercio..”

 Como xa se comentara nunha colaboración anterior, a persoa da casa petrucial da Alén, que transcendera á parroquia foi a de Agustín Alén, quen despois de ter estudado Leis na Universidade de Santiago -en 1814 expídeselle unha relación de méritos, nos que entre outros constan os de: “Grado de Bachiller en Derecho Civil, e Grado de Bachiller en Cánones  por unanimidade”: “Relación de los méritos, ejercicios literarios y servicios patrióticos del Licenciado Don Agustín Alén: Consta es hijo legítimo : nattural de San Juan de Froufe, en el Obispado de Orense, Reyno de Galicia: de edad de quarenta y tres años cumplidos en diez de agosto del presente año” (1797).

 Polo tanto, e dados os méritos que concorrenno lugar da Alén, tanto de carácter natural como humano, con base documental  e oral, entendemos que deba ser declarado como LUGAR SENLLEIRO e ser incorporado ao “Catálogo de bens suxeitos a protección”.

 Como coda, e xa que deambulamos pola terra parturenta do Ilustrísimo Don Emilio Duro Peña (Froufe-Froufe, 1919- Ourense 1995), que se criou na reitoral da parroquia, desde onde aínda hoxe resultan visibles algúns tellados da Alén,  que á calor e  ensinanzas do párroco e tío Camilo Duro o bautizou na pía bautismal do lugar, como Xoán Bautista bautizara a Xesucristo no Xordán, non podemos esquecer unhas verbas na súa lembranza e seguirmos reivindicando un recoñecemento público pola súa copiosa obra de investigación  en diferentes arquivos da provincia. Polo que reitero e me apropio daquela mensaxe tan contundente, que el tiña reservada para o mosteiro de San Pedro de Rocas antes da súa restauración, 1979,  que podemos adecuar á situación xeral do patrimonio actual no concello, tanto o de responsabilidade pública como privada, civil ou relixiosa: “SITU ADMIRABILIS, ANTIQUITATE VENERABILIS, STATU DEPLORABILIS”. 

 Beizón a todas aquelas persoas que, dun ou outro xeito, contribúen á conservación e difusión do Patrimonio material e inmaterial local. Nesta ocasión, en particular á veciñanza da parroquia de Froufe no seu Día Grande do San Xoán.

Froufe, ao abrente do 21 de xuño de 2024, cando o sol estará a bailar por riba de Pena Negra.

Xulio Dobarro Ferradás


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.