- Eladio Santos destaca “o rigor” co que traballa o persoal da Administración Xeral do Estado na provincia, garantindo unha atención ao cidadán da máxima calidade.
Ourense, 24 de xuño de 2024.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a reunión da Comisión de Asistencia ao Subdelegado na que se fixo balance da xestión dos organismos da Administración Xeral do Estado (AXE) na provincia de Ourense no que vai de ano.
Os diferentes responsables deron a coñecer ao subdelegado un minucioso informe do acontecido durante o 2024 nos seus respectivos organismos, así como as necesidades que detectan de cara a ofrecer o mellor servizo ao cidadán.
Entre os aspectos comúns, os responsables das diversas unidades sinalaron que aínda que se mantén nalgunhas a cita previa, aplícase con flexibilidade, compaxinándoa coa atención presencial sen cita. Ademais, determinados colectivos, como é o caso das persoas maiores de 65 anos, son atendidos sen necesidade dela para realizar os seus trámites nas oficinas de Tráfico, entre outros organismos.
Dende a Dirección Provincial de Tráfico tamén se fixo fincapé na mellora observada nos datos de sinistralidade no que vai de ano, cunha baixada no número de falecidos e feridos graves nas estradas ourensás, as cales carecen de puntos negros e de tramos de concentración de accidentes. Ademais, continúan as campañas de seguridade vial dirixidas a asociacións de veciños e escolares, entre outros.
Pola súa banda, no SEPE de Ourense obsérvase un incremento no nivel de cobertura de perceptores en relación ao mesmo período do ano anterior e os recoñecementos das prestacións están a realizarse nun prazo menor que a media estatal.
Dende a Xefatura Provincial de Telecomunicacións destaca o traballo levado a cabo para a axilización dos permisos precisos para a aplicación dos plans PEBA-NGA e ÚNICO, que teñen como obxectivo achegar a banda ancha a toda a poboación antes do 31 de decembro de 2025. De feito, neste momento tan só están pendentes os relativos á Comarca de Conso-Viana.
Un balance positivo que o subdelegado do Goberno recoñeceu, destacando que “todos os organismos da Administración Xeral do Estado na provincia traballan con rigor e achegando completa información ao cidadán”.
No tocante ás necesidades plantexadas durante a reunión atopouse a falta de persoal, ocasionada polas numerosas xubilacións que están afectando á AXE nos últimos anos. Neste senso, Eladio Santos lembrou que nos próximos días prevese a publicación da Oferta Pública de Emprego do Estado para este 2024, que suma máis de 40.000 novas prazas, co obxectivo de facer fronte a esta demanda.
Á reunión asistiron o comisario xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez; o comandante xefe de Persoal e Apoio da Garda Civil, Rodrigo García de la Rosa; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; o xefe da Sección Técnica da Unidade de Estradas, Jaime Suárez Aller; a directora provincial do INSS, Carolina Gancedo Méndez; o delegado provincial en funcións do INE, José Manuel Gerpe Vispo; o xefe de Inspección de Telecomunicacións, Enrique San Martín; o director do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, Francisco González Pérez; a directora provincial do SEPE, María Míguez Aquino; o secretario xeral da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Manuel González Torres; a xefa de unidade da Delegación Económica e Facenda, M.ª José Pérez Rodríguez; a directora de MUFACE, Laura Velázquez Santiago; e o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias Carral.