A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) colaborou co Concello de Ribadavia para visibilizar a problemática que atopan as persoas con mobilidade reducida cando se desprazan polos espazos e itinerarios das vilas e cidades.
Hoxe desenvolveron unha actividade de sensibilización na que representantes da vida política e social de Ribadavia tiveron que desprazarse en cadeira de rodas polo municipio.
“Ponte no meu lugar” é unha actividade que COGAMI iniciou por vez primeira no ano 2016 para que axentes políticos, sociais, empresariais, e a sociedade en xeral, vivan en primeira persoa a discapacidade e poidan empatizar coa súa problemática.
Para as persoas en cadeira de rodas foi unha gran oportunidade de amosar aos demais as dificultades no seu día a día en cousas básicas, que lles restan autonomía. Para a cidadanía esta experiencia deixou unha sensación agridulce, xa que foron conscientes do que dende fora parece que está adaptado pero a realidade é outra para estas persoas.