Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os seres humanos levamos milenios integrados na mesma especie biolóxica por máis que somos enormemente diferentes uns dos outros en intelixencia, en habilidades, en conciencia moral, en emocións e sentimentos, en carácter e noutros numerosos atributos. Todos eses trazos explican que a coexistencia entre seres tan heteroxéneos non resulte nada fácil, e a proba está en que dedicamos diariamente unha enorme cantidade de enerxía en superar conflitos, en harmonizar vontades, en alcanzar acordos ou en facer concesións, ás veces con bágoas reprimidas.

            A parte desa convivencia entre iguais, vivimos nunha sociedade na que estamos obrigados a someter gran parte das nosas actividades e dos nosos desexos a normas e principios que non emanan da nosa vontade, senón de disposicións e normas legais que proveñen de criterios externos a nós. Esa é a factura que debemos pagar por vivir dentro dunha colectividade rexida por sistemas politicamente organizados, nos que existe un Goberno -que organiza a convivencia-, un parlamento -que crea leis polas que nos administramos- e un organismo, que recae na xustiza, encargado de que se cumpran esas leis.

            Dentro desa comunidade existen diferentes formas de relacionarse eses tres piares esenciais, que se denominan réximes políticos -acervo de condicionantes das interaccións políticas-, que están formados por valores, normas, autoridades, estruturas e modelos cos que se organiza o poder. As máis importantes formas de relación entre eses tres piares son: a república, a monarquía, a democracia, a ditadura, a tiranía, a oligarquía… ás veces recoñecidas con denominacións incluso diferentes.

            Na sociedade na que nos tocou vivir, pasamos dunha ditadura de trinta e nove anos (1939-1978) a unha monarquía parlamentaria. Vivimos, formalmente, nun Estado democrático e constitucional. Residimos, pois, nun Estado de dereito e de benestar. Temos unha economía social de mercado e uns valores que se sosteñen nun modelo de convivencia no que resplandecen a liberdade, a xustiza, a igualdade, a solidariedade, o pluralismo político, a dignidade da persoa, o respecto aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas. A Constitución protexe os dereitos fundamentais das persoas e establece uns principios para orientar e controlar as actuacións dos poderes públicos.

            Igual que noutros países, a sociedade española foi evolucionando e cambiando ao compás das intensas metamorfoses producidas no mundo occidental. Balanceámonos no mesmo carrusel dos países que se engalanan coa mesma ou similar cultura, reproducindo os seus modelos de vida e as súas cosmovisións (Weltanschauungen)- ou formas de ver o mundo.

Cambio de paradigma social

Ata comezos do século XX, a sociedade española funcionaba con parámetros enraizados nos principios da Ilustración asumindo os criterios progresistas da modernidade. A Ilustración xogou un papel decisivo na formación das democracias modernas, focalizando o seu dinamismo na educación (sapere aude) como instrumento para o progreso. Foi igualmente a Ilustración quen promoveu a creación de sistemas educativos modernos deseñando a idea de que o poder lexítimo debe ser limitado polos dereitos dos cidadáns.  O adaíl desta última idea foi o ilustrado Charles Louis de Secondat, barón de Montesquieu (1689-1755), autor do libro O espírito das leis, no que, seguindo o modelo político inglés, defendía a monarquía constitucional e a separación de poderes como garantía contra o despotismo.

Os valores densos e compactos, que estaban avalados polo espírito da Ilustración, instauraron en Europa a orde social baixo o abrigo da modernidade. Este concepto de modernidade estivo sempre unido á idea de progreso e do poder da razón humana como avalistas da liberdade. A modernidade foi, indiscutiblemente, o epítome dos procesos sociais e políticos asociados ao crecemento económico e á conduta moral.

Non obstante, a partir da ditadura franquista, a sociedade española adoptou un conxunto de novos estereotipos de conduta, moitos deles importados do exterior, que afectaron á forma de vivir e de pensar da cidadanía. Abrollou unha profunda disrupción ideolóxica e un cambio de valores e de modelos económicos e políticos. Tales mutacións transformaron as relacións persoais, emerxendo simultanemante enormes reivindicacións colectivas aos gobernos e ás institucións públicas, así como tamén se incrementaron os enfrontamentos políticos e os ciclópeos disturbios de orde pública. Todo aquel acontecer transgresor coincidiu, ou foi consecuencia, dos grandes enfrontamentos bélicos do momento: guerra do Vietnam, Guerra fría, Primavera de Praga, movementos sociais globalizados (protestas do 68, movemento feminista, movemento ambientalista…), reivindicación dos Dereitos civís (Martin Luther King), revolución cultural (China)…

            Aquel tremendo impacto global desorientou a unha sociedade tradicionalmente amarrada a gonzos fixos e resistentes, provocando nas vidas privadas un colosal desaxuste existencial, difícil de asimilar, e desatando un enorme desconcerto nas relacións de convivencia.

            A verdade, a autoridade, a amizade, o compromiso, o respecto, a familia, o traballo, a responsabilidade… foran no recén pasado valores firmes, resistentes e fundamentais. O cambio de paradigma substituíunos por valores dúctiles e esponxosos, nos que se disolven os anteriores valores macizos. A mentira, a falta de palabra, o relativismo moral, o desprezo á autoridade, a disolución da familia… forman parte da ampla lista redactada por ese cambio paradigmático. Nese novo modelo innovador, os valores e as crenzas perderon a coherencia e a continuidade. Comezaba a emerxer un novo mundo con múltiples opcións de consumo, ateigado de medios de comunicación e saturado de ideoloxías. O sociólogo polaco Zygmunt Bauman (1925-2017) denominou a ese novo paradigma social “sociedade líquida”.

A familia no novo paradigma

Nese cambio de paradigma a familia xoga un rol fundamental a nivel individual e colectivo. Aristóteles anticipara no libro da Política ese papel esencial da familia na orixe do Estado (“porque a natureza non fai nada en van… a asociación natural e permanente é a familia”). O sociólogo alemán Ulrich Beck empezou a falar de “categorías e institucións zombis” na nova sociedade, que “están mortas e aínda vivas”. Cita como exemplos desas categorías zombis a familia, a clase social e a veciñanza. A familia é peza fundamental da maquinaria social, tanto como espazo físico e afectivo, onde se xeran relacións de carácter íntimo entre persoas relacionadas con vínculos de sangue, como afectivos ou legais que, á súa vez, forman redes de parentesco. A familia cumpre as funcións de transmisión de valores, normas, crenzas e pautas de comportamento que ao final repercuten na colectividade social.

Tomemos a familia, por exemplo, nese novo paradigma. Que é na actualidade? Que significa? En tempos de divorcios normalizados, é posible que o núcleo da vida familiar empece a desintegrarse antes xa da proxenitura. Non resulta nada insospeitable que nos casos de divorcio coñezamos casos nos que nas fins de semana conviven nun mesmo matrimonio “os vosos fillos, os meus fillos e os nosos fillos”. Ou mesmo asistamos a situacións moi peculiares con cada divorcio e con cada nova unión de conxunturas posmatrimoniais entre pai e nai e entre avós e netos. Antes, o pai era o home, e a nai, a muller. Agora depende. A nai pode ser o home e o pai a muller. Antes o matrimonio era de home e muller, hoxe tamén depende, porque o marido pode ser a muller e a esposa outra muller. Ou a esposa, un home, e o marido, outro home.  

               Desde o punto de vista dos netos, o significado dos avós debe determinarse por medio de decisións e de eleccións individuais dos pais; estes, nalgúns casos, empaquétanlle os fillos aos avós para quedaren eles liberados, e noutros impídenlles incluso poder velos ou intimar. Ambas condutas son execrables, social e psicoloxicamente, porque deterioran as relacións filioparentais e, sobre todo, vitimizan e prexudican para o futuro a vida afectiva dos cativos. Moitos deses casos resólvense, lamentablemente, nos xulgados. 

A política no novo paradigma

En España estamos a deslizarnos sobre unha crise política grave e profunda. A gran maioría social é sabedora de que a clase política vive absolutamente afastada da realidade por estar exclusivamente afanada polo seu porvir. Para que non se note tanto o seu interese egoísta e corporativista, os políticos, tratando de confundir á sociedade, desvían a súa atención buscando inimigos cos que loitar no ring das ideoloxías tomando ao adversario político como o inimigo do cidadán. Os debates parlamentarios, as declaracións nos medios de comunicación, as campañas electorais e as mensaxes lanzadas nas redes sociais revelan unha única mensaxe: atacar ao adversario para aniquilalo politicamente. Non envían mensaxes relacionadas cos problemas sociais nin propoñen solucións; e logo láianse de que son os medios de comunicación e as críticas dos propios cidadáns quen poñen en perigo a democracia. Eles son quen realmente a poñen en risco coa corrupción, cos programas electorais incumpridos, coas mentiras vendidas como posverdades, coa transgresión do principio democrático de que todos somos iguais ante a lei (promúlganse leis que só benefician aos políticos), coa ruptura da separación de poderes… e sobre todo cos malabarismos e cambadelas no ámbito xurídico. Os últimos escándalos políticos relacionados coa xustiza reflicten con total evidencia o desgaste democrático. A loita fratricida entre partidos pola configuración dos altos tribunais de xustiza -Tribunal Supremo, Tribunal Constitucional, Consello Xeral do Poder Xudicial, Fiscalía Xeral do Estado- para garantir no futuro o éxito dos seus intereses, insulta á nosa intelixencia e fulmina á moral.

            A maquinaria política ten nesta democracia do século XXI unha misión deliberadamente pragmática que consiste en seducir á cidadanía coa persuasión en lugar da convicción. A persuasión é unha estratexia para conseguir a adhesión de vontades mediante aspectos emocionais, mentres que a convicción consiste en lograr unha adhesión a través de argumentos lóxicos. Na convicción intervén sempre a verdade, que se ten que manifestar -aínda que non guste- con franqueza, sen rodeos e sen medo ás consecuencias. Os gregos e romanos tiñan esa cultura da convicción, que denominaban parrhesía,permitíndolles aos cidadáns cuestionar aos gobernantes e dicirlle sen medo a verdade ao poder. Porén, nesta tensa e asañada sociedade, a persuasión parece dominar no actual deseño democrático. Foucault explicaba que a parrhesía non ten cabida na democracia: “A democracia -publicaba Foucault- non é o lugar onde a parrhesía se exerza como un privilexio e un deber”.

            Os cidadáns observamos como a actitude e proceder da clase política non responde ás nosas expectativas, por iso consideramos que a política nestes momentos non é máis que un construto mental utilizado exclusivamente como un modelo e un postizo pretexto de múltiples debates promovidos desde unhas institucións reais do Estado. Pero calquera destes debates está demasiado lonxe de xustificar, de explicar e de encarar a realidade social.  

É unha política de metaverso onde se intentan dirimir xogos de tronos. Nestes xogos, a historia e as narrativas son máis poderosas que calquera poder político ou militar. Como di Tyrion Lannister, un dos personaxes da serie: “Non hai nada máis poderoso no mundo que unha boa historia. Ninguén pode detela. Ningún inimigo pode vencela”. O poder non reside nos tronos ou nas armas, senón na percepción da xente. Ou, como manifesta Lord Varys: “O poder reside onde as persoas cren que reside. É un truco, unha sombra na parede. E así un home moi pequeno pode proxectar unha sombra moi grande”.

Estas son as mensaxes dos discursos políticos que calan na sociedade e que a gran maioría dos cidáns non se cuestiona. Hai rubor a opinar en contra da masa e un enorme temor ao poder establecido, razón suficiente para que cada vez se acrecente máis o rabaño ideolóxico.

Nese xogo de tronos, a ambición excesiva polo poder e os conflitos entre as castas nobres levan a unha espiral de violencia e destrución. Confésao Cersei Lannister: “Cando se xoga ao Xogo de Tronos, só se pode gañar ou morrer. Non hai termo medio”.

Xogo de Tronos transmite unha mensaxe sobre o poder das narrativas, sobre a natureza cíclica da historia e sobre a necesidade de aprender dos erros do pasado para construír un futuro mellor. A filosofía da política actual parece responder á impactante frase de Cersei Lannister: “Os deuses non teñen piedade, por iso son deuses”. Para a política actual o poder e a supervivencia son os únicos obxectivos.

            Logo destas consideracións, cabe abrir unha reflexión profunda e preguntarnos: Realmente está en risco a democracia? Teremos que responder que o seu percorrido na sociedade non é doado. Xa o advertía Rousseau: “Un estado de deuses  gobernaríase democraticamente, pero un goberno tan perfecto non convén aos seres humanos… Nunca houbo verdadeira democracia, e nunca a haberá” (O contrato social). Aínda que tamén avisaba: “Nunha democracia nunca se corrompe ao pobo, pero frecuentemente se lle engana” (Rousseau: Contrato social).

Eses extraordinarios ilustrados do século XVIII, que a nivel teórico reivindicaban os sistemas máis democráticos e xustos, decatábanse da dificultade de seren instituídos e consolidados na sociedade. Kant reivindicaba no seu libro A paz perpetua o goberno  republicano como un “Estado de anxos”, pero que os seres humanos son incapaces de vivir nunha constitución tan sublime dadas as súas tendencias egoístas.  

Moito antes destes referentes ilustrados, Platón xa rexeitaba a democracia (directa) non só por unha razón emocional – foi unha asemblea democrática quen condenou ao seu mestre Sócrates-, senón e sobre todo por unha razón teórica: porque a democracia, ao seu entender, é o goberno do “vulgo”, de individuos que se definen basicamente pola ignorancia e pola súa ambición de pracer. Tanto Platón como o seu discípulo Aristóteles criticaban a democracia (directa) porque nela había o risco de que o goberno opinase e votase de forma irracional sobre proxectos importantes da sociedade dada a súa profunda ignorancia.

Ese prototipo de individuo inculto, vulgar, ordinario… que configura, invade e modela á sociedade democrática, definiuno con extraordinaria perspicacia e lucidez Ortega y Gasset: o home-masa. O home-masa é o arquetipo de persoa que aterrou na vida para facer o que lle pete. É o neno mimado, o “señorito satisfeito”. Cando a vida do “señorito satisfeito” se converte en figura predominante na sociedade, é preciso dar a voz de alarma e anunciar que a vida se acha ameazada de dexeneración, é dicir, de relativa morte. O home-masa herdou das xeracións anteriores a civilización, as comodidades, a seguridade económica, os produtos tecnolóxicos, o ensino para todos, a sanidade pública… Este novo personaxe reflicte con precisión a ilusión propia “do fillo de familia”, porque no ámbito familiar, todo, ata cos maiores delitos pode quedar impune. Ese señorito cre poder comportarse fóra da casa como na casa, pensando que nada é fatal e irremediable. E isto é unha auténtica barbaridade. A revolución dixital colabora nesas tendencias individualistas do home-masa transformando a cultura, o pensamento e os comportamentos da persoa. Por iso, o señorito satisfeito dixital non distingue entre a realidade e o mundo virtual. Non sabe a diferenza que existe entre o ben e o mal.

Cada día, os medios de comunicación informan do vandalismo, dos asaltos, das liortas, dos acosos sexuais… que se orixinan con sentido de total impunidade, o que nos debe inducir a pensar na audaz situación pola que deambula esta sociedade.

Vivimos no ámbito do individualismo, soamente limitado pola esixencia da tolerancia absoluta. Cada un constrúe a súa propia vida sen ningunha referencia aos valores esenciais nin sacrificio polos demais. Pero debemos pensar que toda a clase  política e todos os gobernos proceden desta mesma sociedade. Todos son fillos dela e, polo mesmo, algunha responsabilidade debemos ter na súa elección como representantes nosos.

Por que non se buscan solucións a esta situación de malestar xeralizado? Onde están os intelectuais e as súas as críticas na procura de alternativas? A esta última interrogante, con manifesta visión profética, xa contestou hai décadas Ortega y Gasset:

“No es admisible que las personas obligadas por sus relevantes condiciones intelectuales a asumir la responsabilidad de nuestro tiempo vivan, como el vulgo, a la deriva, atenidas a superficiales vicisitudes de cada momento, sin buscar una rigurosa y amplia orientación en la historia… Los pueblos europeos están desde hace siglos habituados a que conforme van aconteciendo los cambios históricos haya gentes que se encargan de intentar aclararlos, de procurar definirlos. Ha sido esta la labor de la pura intelectualidad… la realidad es que los organismos sociales europeos estaban habituados a contar con que se haga luz sobre lo que va pasando…. Pues bien, por primera vez desde hace muchos siglos esa labor de esclarecimiento ha quedado incumplida durante los últimos años. Los más auténticos intelectuales, por razones diversas y bien fundadas, han guardado absoluto silencio” (J. Ortega y Gasset: Meditación de Europa).

Temos que admitir que habitamos unha sociedade onde se impoñen os criterios das masas, os gustos e as modas da colectividade, e iso explica que, sen solución de continuidade, pasemos de admirar a Luis Eduardo Aute, a Joan Manuel Serrat e a Rocío Jurado para, deseguido, exaltar e aplaudir a un chiquilicuatro. Sen ningunha dúbida, consumouse o triunfo da vulgaridade.


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “

Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (V): ”Preguntas incómodas antes da despedida”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (IV): ”As investigacións de Charles Darwin, prolegómenos da teoría da evolución”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.