Viñetas desde o Atlántico presenta as autoras e autores da súa 27ª edición

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Neste 2024, o festival reunirá a figuras como Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos

As temáticas sociais, a internacionalización —cunha  ollada ao mellor cómic chegado de América Latina— e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, a sección que recolle todas as exposicións do festival, que serán un total de 18

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Viñetas desde o Atlántico 2024 poñerá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho

Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converterase un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia, baixo a dirección do coruñés Manel Cráneo

A Coruña, 4 de xullo de 2024.- A Coruña converterase un ano máis no gran referente das e dos amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. O autor coruñés Manel Cráneo asume a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que se desvelará ao completo nos vindeiros días e que incluirá charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil.

Neste 2024, o festival reunirá a figuras como Genie Espinosa —autora do cartel desta edición da cita—, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, que contarán con exposicións monográficas do seu traballo. Viñetas quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho. As temáticas sociais, a internacionalización —cunha ollada ao mellor cómic chegado de América Latina— e a aposta polas novas voces e a banda deseñada independente e experimental serán as claves de Viñetas desde o Atlántico 2024. 

A sección angular do programa desta 27ª edición do festival, bautizada neste 2024 como Viñetas Expo, concentrará 13 exposicións de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, individuais e colectivas, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras, das que pronto se coñecerán os detalles.

As sedes oficiais das exposicións de Viñetas Expo serán o Kiosco Alfonso, Palexco, o Palacio de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso e o Centro Ágora. A estes espazos sumaranse, tamén, as seguintes entidades colaboradoras: o Circo de Artesáns, a A. C. Alexandre Bóveda, a Cervezoteca Malte, a Pulpeira de Melide e o Bar 13, que organizarán un programa expositivo especial en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

En palabras de Manel Cráneo, director artístico de Viñetas desde o Atlántico, “o festival coruñés de banda deseñada regresa neste 2024 cunha aposta importante na súa parte expositiva. Este anos ofrécese unha selección de exposicións oficiais exclusivas ás que se lle unen outras paralelas en colaboración con diferentes entidades e locais da cidade”. E engade: “Ademais, un dos puntos fortes desta edición e a recuperación dos convidados internacionais”.

Cráneo salientou que “os fíos que unen esta edición nas mostras oficiais son as temáticas sociais e a banda deseñada independente e experimental, con Genie Espinosa, Marc Torices, Susanna Martín e Yeyei Gómez. Palexco, Palacio Municipal e a Casa Museo Picasso acollerán estas exposicións”.

A sala principal Kiosco Alfonso recupera a idea de convidados internacionais, centrándose este ano na outra beira do Atlántico, coa mirada enfocada no Brasil e na Arxentina, da man de Lucas Varela, Kundo Krunch e Marcello Quintanilha. Ademais, este ano súmase o Centro Ágora, destinado á banda deseñada para público infantil, cunha retrospectiva de Jorge Campos. E preto de 50 autoras e autores galegas e galegos verán a súa obra repartida nas diferentes salas deste Viñetas desde o Atlántico, fito do que moi pronto ofreceremos todos os detalles.

Pola súa banda, Inés rey, alcadesa da Coruña, declarou que: “o Viñetas é un dos grandes referentes culturais de Galicia e España e, como tal, desde este Goberno municipal quixemos reforzar a nosa aposta, renovando a súa dirección e dándolle visibilidade dentro e fóra da cidade”. A rexedora fixo referencia á participación do festival no pasado Salón Comic Barcelona, unha das citas de banda deseñada máis importantes do país, onde se presentou o cartel obra de Genie Espinosa. “Este ano estamos levando a cabo importantes esforzos para que sexa a edición do Viñetas máis completa e, como tal, estamos implicando todos os nosos recursos, como se pode ver na previsión de exposicións nas salas municipais”, engadiu Inés Rey.

A CATALÁ GENIE ESPINOSA ASINA O CARTEL DE VIÑETAS 2024

O cartel da 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico está asinado pola autora barcelonesa Genie Espinosa e mantén á Torre de Hércules como motivo principal. A torre é o centro de reunión de diferentes personaxes que reflicten a diversidade social. A ilustración de cores vivas e alegres de Espinosa representa a lectura da banda deseñada como elemento común de entretemento, aprendizaxe e coñecemento e como ferramenta de inclusión social. Nel están presentes referencias a obras fundamentais do cómic, como Maus, de Art Spiegelman, ou Persépole, da iraniana Marjane Satrapi, recentemente galardoada co Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.

27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.