As e os socialistas consideran “inadmisible” a actitude do rexedor e do seu equipo de goberno, que leva días sen contestar as chamadas de Barxa para a entrega de 2.000 volumes dos 7.000 totais que pretende entregar a biblioteca municipal
Germán García-Ávila considera “inadmisible a deixadez do rexedor” e insta ao goberno municipal do Partido Popular a que “non cometa o error de non aceptar a doazón, tal e coma se comprometeu o pleno municipal no seu momento”
Viana do Bolo, 10 de xullo de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo rexeita e lamenta as últimas novas sobre a posibilidade de que o concello non acepte a doazón, aprobada en pleno por unanimidade, da biblioteca do avogado, escritor e intelectual, Nemesio Barxa Álvarez. As e os socialistas consideran “inadmisible” a actitude do rexedor e do seu equipo de goberno, que leva días sen contestar as chamadas de Barxa para a entrega de 2.000 volumes dos 7.000 totais que pretende entregar a biblioteca municipal.
Dende o grupo municipal socialista lembran que no ano 2017, Nemesio Barxa doou de xeito “altruísta e sen condición algunha”, máis de 7.000 volumes da súa biblioteca persoal a biblioteca pública de Viana do Bolo. Ata o de hoxe foron entregados uns 700 volumes, quedando pendente unha nova entrega de 2.000 exemplares, que o avogado e escritor pretendía entregar xa, para a posteriormente facer entrega do resto. As e os socialistas consideran que esta doazón amosa “a preocupación de Nemesio pola cultura e o seu arraigo polo concello que o veu nacer”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que nos últimos días, Nemesio Barxa tentou pórse en contacto co alcalde de Viana para facer entrega de novos exemplares da súa colección, pero ata o de agora “non recibiu resposta”. Ante esta situación, o edil socialista considera “inadmisible a deixadez do rexedor” e insta ao goberno municipal do Partido Popular a que “non cometa o error de non aceptar a doazón, tal e coma se comprometeu o pleno municipal no seu momento”.
“As e os socialistas de Viana do Bolo agradecemos a Nemesio Barxa esta mostra de agarimo e tódalas manifestacións que ten feito, amosando o seu amor por Viana”, afirma García-Ávila Arias. O voceiro do PSdeG-PSOE vianés tamén subliña neste senso que “non é doado atopar un xesto de maior amor a un pobo que consideralo seu e non hai mellor maneira de amosalo que legar o seu tesouro literario amasado ao longo dunha vida”.
Dende o PSOE de Viana lembran que xa no ano 2021 presentaron unha moción para que a biblioteca municipal pasase a levar o nome de Nemesio Barxa, pero tal e como sinalan “ata o de agora nada se fixo”. As e os socialistas consideran que o “desleixo” do alcalde é total e pídenlle que “rectifique de forma inmediata, aceptando a doazón e nomeando a biblioteca co nome de tan ilustre veciño”.
Nemesio Barxa Álvarez naceu en Caldesiños no ano 1935, os seus pais exercían de mestres na bisbarra de Viana do Bolo. Iniciou os seus estudos universitarios na universidade de Salamanca, onde cursou a licenciatura en dereito e desenvolveu a súa longa carreira profesional na cidade de Ourense, ocupando ademais diferentes e importantes cargos en institucións tanto a nivel estatal como europeo.