O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na inauguración da 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro que achega aos espectadores nove xornadas de programación cun total de 21 espectáculos con compañías que proceden de 5 países
Menor puxo en valor a longa traxectoria deste “evento consagrado no panorama cultural da nosa provincia” froito “do traballo e implicación de numerosas persoas comprometidas coa nosa cultura, pero tamén co noso territorio”
Lembrou que esta mostra foi recoñecida co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural na edición de 2023, o que reafirma o compromiso e apoio da Deputación de Ourense “co mellor escaparate das artes escénicas galegas”
Ribadavia, 19 de xullo de 2024.O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde na inauguración da 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro que, segundo afirmou, “fortalece a capitalidade de Ribadavia “como referente galego e nacional no mundo do teatro”
Luis Menor puxo en valor a longa traxectoria deste “evento consagrado no panorama cultural da nosa provincia” froito “do traballo e implicación de numerosas persoas comprometidas coa nosa cultura, pero tamén co noso territorio”, porque tal e como dixo o presidente provincial “a MIT non se entendería noutro lugar que non fora na capital do Ribeiro”.
Así mesmo, Menor destacou a importancia da cooperación entre institucións para sacar adiante “un proxecto cultural tan ambicioso” que consegue o apoio das administración tanto a nivel central, como autonómico, provincial e local.
Neste sentido, o presidente provincial reafirmou o compromiso e apoio da Deputación de Ourense con este certame cultural, “conscientes da importancia que ten non só para Ribadavia senón para a toda a provincia acoller un evento destas características consagrado como o mellor escaparate das artes escénicas galegas”.
Evento que, como lembrou, foi recoñecido co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural na edición 2023.
No acto inaugural tamén participaron o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o conselleiro de Cultura, José López; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o director da MIT, Roberto Pascual. O grupo Nova Galega de Danza -premio de honra da MIT- inaugura co seu espectáculo “Dique” esta edición que será máis plural, máis inclusiva e a máis festiva que nunca.
A MIT propón nesta 40ª edición un completo e variado programa organizado en nove xornadas que ofrecerá aos espectadores un total de 21 espectáculos con compañías que proceden de 5 países.