Onte inaugurouse a 40 MIT con todo o Auditorio do Castelo cheo para arroupar o espectáculo Dique, de Nova Galega de Danza, que recibiu posteriormente o Premio de Honra desta edición.A venda de entradas anticipada cada vez é máis rápida e na primeira fin de semana agárdase cheo en todos os espectáculos. O público valora a convivencia interxeracional e a calidade dos espectáculos, así como o deseño de actividades complementarias que fan da visita a Ribadavia todo un paquete de vivencias inolvidables.Engadimos algúns fragmentos do discurso do Director da MIT, que reivindicou un cambio de modelo das políticas culturais en Galicia despois de máis de 40 anos de Autonomía, adaptado aos novos retos sociais, académicos, artísticos e internacionais dunha cultura galega cada vez máis innovadora e ambiciosa. Tamén achegamos algunhas fotografía do día inaugural.Moitas grazas,
“A Mostra de Ribadavia está quizais no seu mellor momento da historia e isto non é nin por unha teima illada, nin por un acaso nin por unha responsabilidade individual. Nas institucións culturais sempre se debería traballar tamén coa perspectiva do que pode xermolar, máis alá, no futuro, na comunidade e no común. […]
A MIT hoxe ten que dar conta da responsabiolidade e defensa do que as xestoras culturais Encarna Lago e Silvia Fiallega denominan institucións permeables, esas que traballan “con” e non “para” a sociedade, institucións como garantía de cultura participativa, proactiva, como servizo público amplo e activadora de experiencias transformadoras, memorias e capacidades diversas do contexto.
0 anos serven tamén para visualizar os cambios, os retos e os riscos, a mediación e a permanencia, fóra da eventualidade dos eventos.
O festival viu unha expansión notable e constante no ámbito internacional, popular e académico, frontes esenciais da identidade dun festival símbolo coma este, en contínuo cálculo da súa postura e da súa perspectiva, con decisión, responsabilidade social e sen equidistancias. Porque como nos di Jazmin Beirak, a través da cultura, as persoas reúnense non polo que son (ou polo que se impón) senón polo que queren facer.
A MIT foi e será sempre festa revolucionaria, escenario irredento, acción artística con compromiso social, cultura de coidados e acompañamento, planificación sustentable, esixencia e ambición dunha nova visión da cultura para os nosos tempos. A MIT, símbolo e guieiro da cultura escénica con raíz e aberta ó mundo. A cultura como dereito e motor de igualdade.”