Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda
Entre a Intelixencia Artificial (IA) e a física cuántica, as transformacións a nivel científico e social están modificando de forma acelerada a nosa forma de ver o mundo e, especialmente, o modo de ubicarnos dentro del. Gran parte dos dispositivos tecnolóxicos e do inxente control que se exerce sobre as nosas vidas por parte dos gobernos e das institucións públicas están supeditados á influencia e ao poder da Intelixencia Artificial. Esta facilítalles en tempo record todos os nosos datos, acusándonos incluso no caso de intentar manipulalos ou de lles ocultar algún segredo persoal.
Por outra banda, a física cuántica está revolucionando os alicerces da sociedade, reformando os criterios e as fontes do coñecemento, e modificando de forma radical a manipulación tecnolóxica. Un extenso catálogo de dispositivos tecnolóxicos cos que estamos tan familiarizados son efectos da física cuántica, como é o láser dos reprodutores DVD, a televisión dixital, as máquinas de resonancia magnética (RM) e de tomografía de emisión de positróns (PET), etc.
Pero, comecemos por enfocar o rostro da felicidade para comprobar o seu encaixe na mecánica cuántica.
Que é a felicidade?
A diferenza de conceptos como a saúde, o sufrimento, a maternidade, a vida, a guerra… e termos de semellante índole, a felicidade é unha palabra excesivamente ambigua e imprecisa. Cada persoa mantén a súa propia versión acerca da felicidade, o que con frecuencia nos fai tropezar con concepcións diferentes sobre o que é ou como lograr alcanzala. Ben é certo que intentando esclarecer o seu significado se publicaron incontables libros sobre o tema, aínda que en realidade todos se quedaron na pel do problema ou revoando sobre algunha das súas múltiples arestas. Esa é a razón de que proliferasen tantas publicacións ao longo da historia sobre este asunto. Atopamos publicacións sobre a felicidade no campo da psicoloxía, da ética, da socioloxía, da neuroloxía, da metafísica… tentando descifrar ese enigma vital tralo que corremos de modo iluso e desesperado. Nun breve e sinxelo achegamento, podemos concebir a felicidade como aquilo que queremos e buscamos; pero é unha procura que implica tratar cun obxecto perpetuamente perdido ou cunha ilusión á deriva. A felicidade sería o último elo do desexo, ese mítico obxectivo que unha vez conseguido se detería nel a función anhelante en satisfeita plenitude.
Unha extractada e rápida aproximación aos catálogos de diferentes editoriais facilítanos coñecer publicacións como estas: El contenido de la felicidad, de Fernando Savater; La conquista de la felicidad, de Bertrand Russell; El viaje a la felicidad, de Eduardo Punset; El camino de la felicidad, de Jorge Bucay; El laberinto de la felicidad, de Álex Rovira e Francecs Miralles; Una teoría de la felicidad, de Enrique Rojas; Tesis básicas sobre la felicidad y la libertad, de Margarita Mauri; etc.
A profusión de máximas, sentenzas ou frases que circulan sobre a felicidade, atribuídas a grandes filósofos e ilustres escritores, resulta imposible catalogalas dada a inmensa cantidade de citas achadas, a variedade de enfoques definidos e a heteroxeneidade de respostas ofertadas. Pero do que non cabe dúbida é de que a procura da felicidade constitúe unha das grandes aventuras humanas e que por algo segue sendo un constante rastrexo na historia da humanidade e unha innata obsesión na vida dos seres humanos.
Que é exactamente a felicidade? No caso de saber que é, de que modo podemos alcanzala? “Como si fuera una mariposa difícil de atrapar, la ciencia y la filosofía siempre han intentado saber dónde se posa: ¿en los bienes materiales?, ¿en las personas queridas?, ¿o es sólo una utopía? En definitiva, ¿ser feliz es una meta o una manera de andar por el mundo? (Álex Rovira e Francecs Miralles: El laberinto de la felicidad).
Hai propiedades ou atributos, dos obxectos en xeral e das persoas en particular, que se someten a unha comprobación intersubxectiva que resultan facilmente verificables. Baruch Spinoza definía os atributos como “aquilo que o entendemento percibe da substancia como constituíndo a súa esencia” (Ética). Habitualmente, tales propiedades axústanse a un modelo que os uniforma, que os clasifica e ordena, eliminando calquera polémica no que á súa catalogación corresponde. O peso, a estatura, a enfermidade, a riqueza, a temperatura… son exemplos de tales propiedades. A báscula, o metro, a analítica bioquímica, o diñeiro e o termómetro… son os dispositivos ou recursos que miden e bareman tales características. Esas propiedades teñen a súa propia autonomía e, ata certo punto, a súa propia independencia con relación aos suxeitos sobre os que recaen. Pero non ocorre o mesmo con outro tipo de atributos, como é o caso da felicidade, do amor, da ilusión, da empatía, da amizade… a cuxos conceptos lles outorgamos unha maior dependencia respecto á persoa á que se imputan e ao suxeito que os imputa. Ningunha destas propiedades é independente da persoa que as experimenta, pero tampouco ningunha outra persoa se pode decatar da presenza ou ausencia de tales atributos noutro individuo. É dicir, non son intersubxectivamente comprobables. E aí radica a dificultade de abordar tales cuestións, entre as que incluímos a da felicidade.
Esta reflexión abre unha grecha a outros dous conceptos importantes: o de ser e o de ter. O ser exerce a parte esencial dos entes, porque é consubstancial con eles. O ter é un elemento accidental que modifica de modo eventual e circunstancial a esencia. O que pertence ao ter pode estar presente ou ausente nos entes sen que estes deixen de ser o que son. A racionalidade pertence ao ser da persoa, forma parte da súa esencia; a enfermidade, a cor, a nacionalidade, a riqueza e a pobreza corresponden aos accidentes da persoa, incumben ao seu ter. “A felicidade non é un modo de ser, pois doutra maneira podería pertencer tamén ao home que pasase a vida durmindo ou vivise como unha planta, incluso ao home que sufrise as maiores desgrazas. Xa que isto non é satisfactorio, a felicidade ha de considerarse unha actividade que debe situarse entre as cousas desexables en si mesmas” (Aristóteles: Ética a Nicómaco).
Asumindo a premisa de que a felicidade incumbe ao ter e non ao ser, en que consiste esa peculiar e cobizada idiosincrasia humana? Valorando as incalculables teorías que existen sobre o tema, elixo as seguintes como as máis representativas.
Teorías sobre a felicidade
Aristóteles deixou establecido que todos os seres humanos se propoñen alcanzar a felicidade. E despois de indagar en que consiste, analizou cun exame minucioso todas as opinións emitidas polos pensadores que lle precederon, decidindo descartalas para reforzar a súa propia tese, que a felicidade consistía “na posesión da sabedoría. Na sabedoría consiste o ben supremo”, dixo Aristóteles, e a ese ben supremo identificouno coa felicidade, eudaimonía (Ética a Nicómaco,Libro X).
Epicuro (341-270 a. C.) valoraba a felicidade como sinónimo de ben, e este conséguese positivamente mediante o pracer. Con todo, o pracer non se debe entender como unha procura desenfreada de deleites: “hai que calcular que, dos desexos, uns son naturais e outros vans. E dos naturais, uns son necesarios, outros só naturais. E dos necesarios, uns son necesarios para a felicidade, outros para o benestar do corpo, outros para a vida mesma… Unha recta visión destes desexos sabe referir á saúde do corpo e á imperturbabilidade da alma toda elección ou rexeitamento, pois esta é a consumación da vida feliz… Quen non ten aquilo que nos permite vivir con cordura, honestidade e xustiza, non pode vivir con pracer… Trátase de saber escoller, porque non todo aquilo que parece un pracer é en realidade tal, polo que non todos os praceres deben ser escollidos, xa que ás veces o ben se converte nun mal e o mal nun ben… Habemos de lembrar que o futuro non é noso pero tampouco é totalmente non noso, para que non esperemos absolutamente que sexa, nin desesperemos absolutamente de que sexa” (Carta a Meneceo).
Para a filosofía estoica (Zenón de Citio, 334-262 a. C), a felicidade consiste na práctica da virtude, e esta redúcese á sabedoría. Para o estoicismo a sabedoría consiste en lograr o ben de cada persoa integrada dentro do ben total do Universo. A orde particular de cada persoa é unha parte da orde total. Por iso, o sabio estoico bástase a si mesmo e non debe deixarse impresionar por nada. Debe manterse impasible ante os sufrimentos físicos e morais, ante a dor, a enfermidade, a morte, a fortuna e as opinións humanas. “Has de ser como unha roca contra a que se estrelan todas as ondas. Ela está firme e a ondada amánsase no seu derredor” (Marco Aurelio: Meditacións).
Séneca (4 a. C.-65 d. C.). I), filósofo estoico, opinaba que sen cordura ninguén é feliz, nin é cordo aquel a quen lle apetecen cousas daniñas coma se fosen as mellores. É feliz o que ten un xuízo recto; é feliz o que está contento coas circunstancias presentes, sexan as que fosen, porque é amigo do que ten; é feliz aquel para quen a razón é a que dá valor a todas as cousas da súa vida.
Un indiscutible referente das reflexións sobre a felicidade nos primeiros séculos da Alta Idade Media é San Agustín (354-430). O bispo de Hipona afirma que todos desexamos vivir felices posto que a felicidade é un desexo innato. E cando tenta explicar en que consiste a felicidade non dubida en dicir que “non pode chamarse feliz quen non ten o que ama, sexa o que for, nin quen ten o que ama se é pernicioso; nin quen non ama o que ten, aínda cando sexa o mellor. Porque quen desexe o que non pode conseguir, vive nun tormento. Quen logra o que non é desexable, engánase. E quen non desexa o que debe desexarse, está enfermo. Calquera destes tres supostos fai que nos sintamos desgraciados, e a desgraza e a felicidade non poden coexistir nunha mesma persoa. Por tanto, ningún destes seres é feliz. Quédanos outra cuarta solución: que a vida é feliz cando se posúe e se ama o que é mellor para a persoa… Polo tanto, se queremos vivir felices, debemos posuír o que é mellor para nós” (De moribus Eccl. cath.)
No século XVII, dentro da modernidade, a figura de Baruch Spinoza (1632-1677) apórtanos unha nova visión da felicidade. “A experiencia ensinoume que canto ocorre frecuentemente na vida ordinaria é van e fútil… Na vida, as persoas consideran como o ben supremo estas tres cousas: riqueza, honra e pracer sensual… Tras observar que nin a riqueza, nin as honras, nin o pracer proporcionan unha alegría constante e durable, pregunteime como alcanzar a felicidade, canto tempo podemos conservala e que tan felices podemos ser. E a miña resposta consiste en considerar a felicidade como unha converxencia entre a sabedoría e a liberdade” (A reforma do entendemento).
Immanuel Kant (1724-1804) utiliza o termo felicidade entendéndoo como unha tendencia para buscar o propio interese, a propia conveniencia. Dando cumprimento a esta tendencia o ser humano non fai outra cousa que seguir a súa natureza; pero como ningunha das decisións morais pode basearse nas inclinacións, non é esta a felicidade que ten cabida na moralidade. Nos postulados da razón práctica a felicidade aparecerá como un dos elementos que integran o Ben supremo. Esta felicidade é aquela da que a persoa se fai digno cando a súa actuación se rexe polo deber.
Nietzsche (1844-1900) desmarcouse do tema da felicidade afirmando que a teimosía de querer custe o que custe ser felices é unha doenza que só aflixe a uns cantos pensadores ingleses (Xenealoxía da moral).
Bertrand Russell (1872-1970) sabe que moitas causas que poden carrexar a nosa desgraza e infortunio escapan ao noso control individual: guerras, enfermidades, accidentes, explotacións económicas, tiranías… Para ser razoablemente feliz hai que pensar de modo adecuado, non deixar completamente de pensar; hai que actuar correcta e, se é posible, desinteresadamente, non deixar do todo de actuar, etc. “O único que podo dicir a favor das receitas que ofrezo ao lector é que están confirmadas pola miña propia experiencia e observación, e que fixeron aumentar a miña propia felicidade sempre que actuei de acordo con elas” (A conquista da felicidade).
Jorge Bucay (1949) convídanos a crearnos unha maneira propia de vivir e a centrarnos no que necesitamos para atopar a felicidade. Unha felicidade á carta. Fálanos da ilusión, do desexo, da acción e do desafío que hai que empeñar para descubrir quen somos en realidade. Deste xeito, atopar a felicidade estará nas nosas mans, pois a súa consecución é froito dunha procura persoal e intransferible, dunha postura de compromiso incondicional coa propia vida.
Fernando Savater describe unha primeira aproximación á felicidade afirmando que “De la felicidad no sabemos de cierto más que la vastedad de su demanda. En ello reside precisamente lo que de subversivo pueda tener el término… La felicidad como anhelo es así, radicalmente, un proyecto de inconformismo: de lo que se nos ofrece nada puede bastar. Se trata del ideal más arrogante, pues descaradamente asume que tacharla de “imposible” no es aún decir nada contra ella. Imposible, pero imprescindible: irreductible. La felicidad es imposible, pero es imprescindible; quizás no podemos llegar a ser felices, pero estamos condenados a no dejar de intentarlo”. (El contenido de la felicidad). Con todo, acaba ofrecendo unha definición de felicidade: “Felicidad es lo que merece la persona que emplea la libertad para hacer el bien”.
Na próxima entrega imos intentar reflexionar como se pode explicar a felicidade dentro da mecánica cuántica. Terá cabida?
Outros artigos de Avelino Muleiro:
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.