Para os nenos e mozos que participan no campamento de verán do concello de Avión hoxe foi unha mañá diferente, pero moi divertida. Os membros de Protección Civil e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal quixeron amosarlles cal é o funcionamento do servizo de emerxencias, tanto con vehículos coma con charlas prácticas de primeiros auxilios. Repartidos en grupos, puideron ver o material dos bombeiros e o seu equipamento, unha zódiac dentro do embalse de Albarellos para os maiores e nunha poza para os máis pequenos, traxes contra velutinas e unha diana para practicar con pistola de paitball.
Esta é a primeira vez que dende a agrupación e o campamento realizan unha actividade en conxunto. A finalidade de ambas partes é traballar na sensibilización dos máis pequenos, ao mesmo tempo que poden pasar un día diferente. Iniciativas de sensibilización coma esta xa a puxeron en marcha con outras empresas como foi o caso de Ecoembes para traballar sobre o medio ambiente e seguirán apostando por estas actividades.