O titular de Emprego tamén visitou a Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), á que agradeceu o seu compromiso na promoción e captación de investimentos
González mantivo ademais un encontro coa colectividade do Centro Orensano de Montevideo: “Como ourensán síntome orgulloso de ver como os centros que representan a miña provincia no exterior manteñen vivos os lazos con Galicia”
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou durante a súa visita ao Uruguai a importancia do Hogar Español de Ancianos en Montevideo para a comunidade galega e para o país en xeral. Acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez Alonso, González comprometeuse a asegurar a continuidade do centro no marco da colaboración da Xunta coas institucións sociais que acollen os galegos no exterior, destacando a súa relevancia como punto de encontro e apoio para as persoas de máis idade.
Durante a súa estancia no Uruguai, José González, xunto a Rodríguez Miranda e Domínguez Alonso, tamén visitou a Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU). Nesta visita, agradeceu aos empresarios o seu compromiso coa promoción e captación de investimentos, subliñando a importancia do seu traballo para fortalecer os lazos económicos entre Galicia e O Uruguai.
O conselleiro mantivo ademais un encontro coa colectividade do Centro Orensano de Montevideo, onde expresou: “Como ourensán síntome orgulloso de ver como os centros que representan a miña provincia no exterior manteñen vivos os lazos con Galicia”. Este encontro permitiu fortalecer as relacións coa diáspora e reafirmar o compromiso de apoio por parte da Xunta de Galicia.