O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na presentación da XVIII Festa Mexicana de Avión coa que colabora a Deputación de Ourense.
Trátase dun dos eventos festivos máis notables do municipio por ser tamén unha festa homenaxe aos emigrantes en xeral e con especial protagonismo a México, principal país receptor da emigración procedente do municipio de Avión.
Avión conta cun nutrido grupo de habitantes que noutrora emigraron a México e que agora regresan cos seus descendentes cada verán. A festa é unha homenaxe dos aviónses aos seus familiares do outro lado da charca. Este ano terá lugar o venres 9 de agosto.
Esta festa xurdiu como homenaxe a México, principal país receptor dos veciños deste concello ourensán. Cada ano, na época estival, ten lugar esta celebración na que centos de persoas se reúnen para gozar de actuacións musicais de mariachis e degustar deliciosas propostas culinarias deste país centroamericano, elaboradas polos mellores restaurantes mexicanos de Galicia.
A celebración terá lugar o venres, 9 de agosto na praza da Igrexa, a partir das 17.00 horas coa degustación de tacos e outros pratos mexicanos que ofrecerán os cinco restaurantes participantes. Ás 18.00 horas comezarán as actividades gratuítas para os cativos e haberá música en directo durante a festa a cargo de dúas agrupacións: Mariachi de Leonardo Flores e Mariachi Acapulco de México.