As e os socialistas esgrimiron dende o comezo da sesión plenaria que esta debía ser anulada, xa que tal e como sinalaron “antes de vir o pleno, os orzamentos deben someterse primeiro a estudo na comisión de contas, algo que non sucedeu”
Germán García-Ávila considera que esta situación “pon de manifesto que temos un alcalde que descoñece as normas da política municipal e que pretende impor a súa lei, sen pasar primeiro polos órganos competentes”
“Estamos ante un orzamento no que a transparencia brilla pola súa ausencia, xa que practicamente todas as partidas ocultan o destino dos cartos e non hai detalle dos mesmos”, denuncia o voceiro do PSOE
Viana do Bolo, 30 de xullo de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo amosa a súa “perplexidade” e “incredulidade” tralo pleno extraordinario celebrado no día de hoxe e no que se debatían os orzamentos municipais, pero que foi declarado nulo, ao non convocarse previamente a comisión de contas. As e os socialistas esgrimiron dende o comezo da sesión plenaria que esta debía ser anulada, xa que tal e como sinalaron “antes de vir o pleno, os orzamentos deben someterse primeiro a estudo na comisión de contas, algo que non sucedeu”.
Dende o grupo municipal socialista en Viana do Bolo consideran “inadmisible” que o alcalde do Partido Popular e o seu equipo de goberno “descoñezan as regras municipais” e que convoquen un pleno extraordinario en plena época estival para falar sobre os orzamentos, sen convocar a pertinente comisión de contas previamente. As e os socialistas esíxenlle ao rexedor “seriedade”, nun tema tan importante como os orzamentos municipais e explican que ao quedar anulado o pleno “deberán convocar en próximas datas a comisión de contas e un novo pleno extraordinario para debater sobre os orzamentos”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, considera que esta situación “pon de manifesto que temos un alcalde que descoñece as normas da política municipal e que pretende impor a súa lei, sen pasar primeiro polos órganos competentes”. O voceiro socialista explica que ao comezo do pleno “fixemos alusión da anomalía que supón convocar un pleno extraordinario para debater sobre os orzamentos, cando estes non pasaron previamente pola comisión de contas” e apunta que “tal e como advertimos, o pleno foi declarado nulo”.
Con respecto ao orzamento presentado polo Partido Popular, García-Ávila Arias, afirma que “estamos ante un orzamento no que a transparencia brilla pola súa ausencia, xa que practicamente todas as partidas ocultan o destino dos cartos e non hai detalle dos mesmos”. Neste senso, o voceiro socialista alerta de que o PP “esta seguindo o mesmo modus operandi que anteriormente seguía o BNG e que non é outro que presentar os orzamentos sen permitir aportacións do resto de grupos, nin opinar sobre as partidas”.
“Reivindicamos que os orzamentos sexan participativos, que se consensúen e que se permita unha análise conxunta dos mesmos para realizar todas as aportacións necesarias”, sinala Germán García-Ávila. As e os socialistas puxeron o foco no plan Cooperou, xa que tal e como apuntan “hai partidas de investimentos, pero non se detalla onde se van a realizar os mesmos”. Tamén alertaron de “numerosas deficiencias nos orzamentos”. En relación ao Cooperou, Viana do Bolo percibirá 348.687,73 euros, algo que ata o de agora non sucedía e que tal e como apuntou o voceiro socialista “foi gracias ao traballo e a unha iniciativa do PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación, que permite que os fondos se repartan de xeito xusto e equitativo”.
Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo aproveitaron para advertirlle ao rexedor que “non empregue o incremento do 2% que ten lle corresponde aos funcionarios para atacar e condicionar o voto do PSOE”. Neste senso, tamén sinalaron que “o seu é que presente unha modificación de crédito para crear dita partida e que de ser así, contará co apoio socialista”.
Tras declararse nulo o pleno, agora toca agardar a convocatoria da comisión de contas e a outra sesión plenaria para que os orzamentos municipais poidan ser debatidos e votados.