O PSdeG vén de rexistrar unha solicitude de copia urxente dos informes emitidos, por parte da carteira de Medio Ambiente ou outras áreas administrativas, que xustifiquen a necesidade de proceder a dita tala
“Seguiremos loitando para que cheguen as 10.000 árbores prometidas, das que aínda non vimos nin a primeira. Porque está claro que, sen árbores, o único verde que nos queda é a envexa do que poderiamos ter e non temos”, sostén a edil Alba Iglesias
Ourense, 9 de agosto de 2024. As árbores teñen a importante función da captura do dióxido de carbono e a capacidade de regular a temperatura da súa contorna entre 2 e 8 grados. Neste senso, dende o grupo municipal socialista reiteran a necesidade de ampliar as zonas verdes da cidade de Ourense que en verán, moitas xornadas, supera os 40º. “Parece que os refuxios climáticos resúmense a unha piscina municipal e pouco máis”, lamenta a edil, e secretaria xeral de XX. SS., Alba Iglesias ante a pasividade do executivo de Democracia Orensana fronte a esta problemática.
Logo de coñecer a tala de árbores que se está a levar a cabo na avenida Rodríguez Castelao, o PSdeG vén de rexistrar unha solicitude de copia urxente dos informes emitidos, por parte da Concellería de Medio Ambiente ou outras áreas administrativas, que xustifiquen a necesidade de proceder a dita acción. E sinalan a sensibilidade e coidado co que é preciso planificar estas actuacións nunha poboación altamente envellecida que ve máis afectada a súa saúde cando sube o mercurio.
Por outra banda, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que as urbes conten cunha árbore e un mínimo de entre 10 e 15 metros cadrados de zona verde por cada 3 habitantes. Tamén a importancia de que ditos espazos estean a unha distancia inferior a 15 minutos das vivendas. Moitos barrios de Ourense non cumpren con estes requisitos que mellorarían considerablemente a calidade de vida.
As e os socialistas tamén inciden, unha vez máis, na necesidade de que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome poña en marcha medidas para paliar a calor que cada vez se extende máis no tempo e que en verán supón non baixar dos 20º algunhas noites. “Esta fin de semana, mesmo, prevese unha vaga de calor intensa, por iso resultan máis incomprensibles actuacións de tala en plena época estival”, destaca a edil que reclama explicacións ao respecto.
Así mesmo, insisten en que resulta fundamental a renaturalización en todas as urbes, pero en Ourense máis, se cabe, polas súas condicións climáticas. “Seguiremos loitando para que a nosa cidade non quede deserta. Seguiremos loitando para que cheguen as 10.000 árbores prometidas, das que aínda non vimos nin a primeira. Porque está claro que, sen árbores, o único verde que nos queda é a envexa do que poderiamos ter e non temos”, remata contundente.