Colombia, Taiwán e Serbia amosarán na Alameda de Entrimo, a partir das 20,30 horas, a riqueza do folclore que asenta as súas raíces en tres continentes
A segunda cita desta noite será na Praza Maior de Viana do Bolo coas danzas de Panamá, Senegal e México, que farán vibrar ao público a partir das 22,30 horas
As citas de mañá, venres, serán no Parque do Aguillón, en A Rúa, e no Campo da Barreira en Allariz, ás 22,30 horas
Ourense, 15 de agosto de 2024.
Entrimo e Viana do Bolo serán hoxe o epicentro das Xornadas de Folclore, o evento cultural máis importante da provincia ourensá do mes de agosto, organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
As manifestacións folclóricas que amosan a tradición e a música doutras partes do mundo comezarán na Alameda de Entrimo coas agrupacións Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia, o grupo de Taiwán Yuan Yuan Dance Group e Kud Srem, de Serbia. Arredor de 90 artistas pasarán polo escenario en dous pases diferentes.
Na Praza Maior de Viana do Bolo o protagonismo recaerá en Panamá, Senegal e México. Os primeiros serán os danzantes e músicos panameños da Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, grupo creado en 1995 na provincia de Colón. O seu principal obxectivo é a divulgación das danzas folclóricas, con propostas creativas, pero sen perder a esencia da tradición. Co seu traballo buscan contribuír na salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial do Panamá e a súa transferencia de xeración en xeración. A nivel internacional ten representado a Panamá en máis de 19 países, tanto de América como de Europa, sendo membro do CIOFF Panamá dende hai 13 anos. Seguidamente actuarán o Ballet Jammu de Senegal e o festival finalizará coas danzas do Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, México.
Mañá, 16 de agosto: A Rúa e Allariz
A XXXIX edición das Xornadas de Folclore continúa mañá o seu percorrido pola provincia, con parada nas vilas de A Rúa e Allariz.
As agrupacións de Panamá, Senegal e México actuarán no Parque do Aguillón, A Rúa, ás 22,30 horas.
O campo da Barreira en Allariz recibirá aos músicos e danzantes chegados dende Colombia, Taiwán e Serbia, a partir das 22,30 horas.