XXXIX Xornadas de Folclore
A Praza Maior de O Carballiño será o escenario onde as agrupacións folclóricas de Panamá, Senegal e México amosarán hoxe a riqueza das súas danzas, a partir das 22,30 horas
Colombia, Taiwán e Serbia serán as protagonistas indiscutibles dunha noite especial na Rúa de San Martín, en Trives, ás 22,30 horas.
Mañá domingo, un desfile dende o Toural ata a Praza, ás 20,00 horas, dará inicio as Xornadas en Xinzo. A Praza do Prado, de Castro Caldelas, acollerá o segundo festival da noite, ás 22,30 horas
Ourense, 17 de agosto de 2024.
As noites das vilas ourensás continúan cunha cor e son moi especiais nesta semana, por mor das actuacións das seis agrupacións folclóricas que forman parte da XXXIX edición das Xornadas de Folclore. A vistosidade dos traxes, as danzas e os ritmos que o público goza son o resultado de anos de intenso traballo de investigación e recuperación do folclore tradicional que os grupos participantes levan a cabo nos seus países.
As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
O repertorio de cada agrupación participante é tan só unha pequena mostra da gran riqueza e variedade cultural que acolle cada país. Os asistentes esta noite ao Festival na Praza Maior de O Carballiño poderán gozar coas danzas e o os ritmos de Panamá, Senegal e México cos grupos Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, Ballet Jammu e o Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya.
En Trives será a quenda para o grupo composto pola Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia, Yuan Yuan Dance Group de Taiwán e Kud Srem de Serbia, fundado por un grupo de mozos en 1948, como “Grupo Educacional Cultural, Estrela Vermella”. Este grupo serbio, a principios dos 60, gañou o nome que hoxe ten, liderado por Slavka Jezdimirovic-Zelenika. Nos últimos anos, Branko Puric, un dos maiores expertos en coreografía e estilo, partiu de cero e formou un grupo de alto nivel, levando a Srem á cima da sociedade folclórica de Belgrado e Serbia. Nos seus 75 anos de existencia formáronse 7.500 mozos no campo do folclore, actuando en máis de 20 países e en máis de 75 festivais internacionais de folclore.
Mañá, 18 de agosto: Xinzo e Castro Caldelas
Xinzo acollerá un pequeno desfile que partirá, ás 20,00 horas, dende o Toural ata a Praza para comezar o Festival ás 20, 30 horas cos grupos de Colombia, Taiwán e Serbia
A Praza do Prado, de Castro Caldelas, acollerá o segundo festival da noite, ás 22,30 horas coas agrupacións procedentes de Panamá, Senegal e México