O Carballiño celebrou este sábado o gran espectáculo estival das Xornadas de Folclore, coa actuación dos grupos de Panamá, Senegal e México.
As Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense, chegaron este sábado ao Carballiño para encher á vila de música e tradición. Dende as 22.30 horas, a Praza Maior da localidade convertiuse no escenario que acolleu ás danzas e ritmos de Panamá, Senegal e México nun acto que celebra a multiculturalidade dos folclores do mundo.
Cada grupo actuou dous espectáculos distintos. A noite comezou co grupo de Panamá, a Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas; seguida dunha das actuacións máis enérxicas de todo o evento, a de Senegal, a cargo de grupo Ballet Jammu; e, para pechar o evento, actuou o grupo de México, o Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya.
O repertorio de cada agrupación participante foi tan só unha pequena mostra da riqueza e variedade cultural que acolle cada país. As Xornadas son unha forma de amosar a arte e o talento dos participantes de cada agrupación. A través dos seus traxes, danzas e ritmos, os grupos poñen en valor os seu arduo traballo de investigación e recuperación do folclore tradicional dos seus países.
As Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense son un dos eventos máis agardados do verán cultural ourensán todos os anos. Cada edición, unha media aproximada de 25.000 espectadores desfrutan deste evento, grazas a ese carácter itinerante pola provincia. O director das xornadas, Xulio Fernández, asistiu á quenda de Carballiño, e destacou a boa acollida que ten o evento todos os anos.
As Xornadas continuarán na provincia este mércores 21 de agosto en Ribadavia.