As Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense están xa na súa recta final. Esta noite, seis agrupacións folclóricas actuarán na Praza Maior da cidade, e mañá despedirán esta nova edición do festival en Ribadavia,
Tras percorrer diferentes comarcas ourensáns, con dúas actuacións cada día, os grupos participantes nas XXXIX Xornadas de Folclore reuniranse entre hoxe e mañá en Ourense e Ribadavia para despedir esta edición do festival. Os asistentes poderán gozar das actuacións de seis agrupacións folclóricas que viaxaron dende Colombia, Panamá, México, Serbia, Senegal e Taiwán para amosar e poñer en valor as súas culturas.
En Ourense, a cita co folclore do mundo comezará hoxe ás 22.30 da noite. Neste momento, os integrantes de todas as formación realizarán un colorido desfile pola rúa do paseo, partindo do Parque San Lázaro ata chegar á Praza Maior. Posteriormente, ás 23.00 horas, daráse comezo ás actuacións.
Mañá, á noite do mércores 21 de agosto, a capital do Ribeiro acollerá o acto de clausura destas XXXIX Xornadas de Folclore, coa actuación, nun pase único, das seis agrupacións folclóricas nesta edición de 2024. O evento terá lugar ás 23.00h no Auditorio do emblemático Castelo de Ribadavia.