Menor fixa o gran reto do Turismo na Ribeira Sacra: “Conservar os valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que a conforman, con sustentabilidade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial participou hoxe no Mosteiro de Montederramo nos actos conmemorativos do 900 aniversario da aparición do nome da Ribeira Sacra nun documento oficial, no que a raíña Teresa de Portugal, xunto co conde Fernando Pérez e co seu fillo Alfonso Enríquez, doan ao mosteiro de Santa María de Montederramo, o lugar de “Rovoyra Sacrata” 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Luis Menor conminou aos responsables das administracións e entidades, a “impulsar este destino como un espazo sustentable e como exemplo do traballo coordinado entre o público e o privado. Cooperando, alcanzaremos ese milenio para culminar un fito histórico que suporá situar a este máxico territorio no lugar do mundo que lle corresponde” 

Montederramo, 20 de agosto de 2024

O Mosteiro de Montederramo acolleu esta mañá o acto conmemorativo do 900 aniversario da aparición do nome da Ribeira Sacra nun documento oficial, concretamente nun no que a raíña Teresa de Portugal, xunto co conde Fernando Pérez e co seu fillo Alfonso Enríquez, doan ao Mosteiro de Montederramo o lugar de “Rovoyra Socrata”, cuxos termos se delimitan no territorio de Caldelas, e concede sobre o mesmo privilexio de exención xurisdicional; datado o 21 de agosto de 1124 en Allariz, Ourense. 

Na súa intervención, o presidente provincial deixou patente o gran reto ao que se enfronta o desenvolvemento turístico na Ribeira Sacra: “conservando os valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que a conforman, sentando as bases da sustentabilidade”. Do mesmo xeito, Luis Menor conminou aos responsables das administración e entidades a “impulsar este destino como un espazo sustentable e como exemplo do traballo coordinado entre o público e o privado. Cooperando, alcanzaremos ese milenio para culminar un fito histórico que suporá situar a este máxico territorio no lugar do mundo que lle corresponde”.  

Lembrou o presidente provincial que nos últimos anos “asistimos a un despegue turístico desta zona que trouxo vantaxes económicas, de xeración de riqueza, emprego, e, sobre todo, fixación de poboación. Temos que engadir a todos estes factores a sustentabilidade, que sen dúbida converteranos nun destino más forte e sólido fronte as explotacións masivas”. E, en segundo lugar, avanzou que cómpre darlle pulo a colaboración público-privada.  

Un fito histórico 

Quixo referirse Menor á efeméride que hoxe se conmemora, “un fito histórico que marca a identidade dun territorio que é moito máis que un simple lugar de singular beleza”, dixo, recalcando que “estamos nun enclave do mundo onde conflúen as provincias de Ourense e Lugo, a historia, a natureza, o patrimonio e un xeito de vivir e de entender a vida que lle confire á Ribeira Sacra ese aura tan especial que vén cultivando, como se vive a viticultura na súa impactante paisaxe: dun xeito heroico”. 

Tamén abundou o presidente provincial nos recoñecementos a este universo: ” comezaron coa declaración da Ribeira Sacra por parte da Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural o 27 de decembro de 2018, e a declaración, o 15 de setembro de 2021, como Reserva Mundial da Biosfera. E en abril deste ano chegaba a gran noticia: a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, froito do excelente traballo desenvolvido polos responsables desta candidatura”. 

Unha oportunidade que a provincia non pode perder 

Luis Menor explicou a idiosincrasia dos moitos concellos que viven unidos Ribeira Sacra: “Nin tan sequera o río Sil é unha fronteira. O Sil atravesa a Ribeira Sacra, pero non a divide. Nin hai 900 anos, nin hoxe”. Neste senso, proclamou que a provincia de Ourense “non pode perder as oportunidades que se lle presentan. Para a provincia que represento, ter unha parte do seu territorio baixo a distinción de Patrimonio da Humanidade constituiría unha enorme vantaxe competitiva”, lembrando como oportunidade o AVE ou mesmo recursos naturais como o Termalismo. “A Ribeira Sacra sempre estivo, máis nunca como ata o de agora fomos tan conscientes da súa importancia, da súa singularidade e do altísimo valor que sempre tivo e que continúa a manter”, explicou o presidente provincial. 

O acto, organizado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, presidido por Luis Fernández Guitián, contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; do alcalde de Montederramo, Óscar Diéguez González; da directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua; do deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Carlos López López; e do catedrático de Historia Medieval da USC, José Miguel Andrade Cernadas, que leu o escrito “Montederramo, 900 agostos despois”.