Convírtense así en pioneiros na consecución dun importante volume de fondos da Rede Eusumo, a través dunha candidatura conxunta, destinados a promoción de dúas Feiras nos seus territorios.
Os Concellos veñen de desenvolver nos últimos anos numerosas actividades en prol do Emprendemento e a Economía Social, mantendo diferentes servizos para informar, asesorar, motivar, formar e impulsar a todas aquelas persoas interesadas en emprender a través das diferentes fórmulas, así como prestar apoio a aquelas entidades xa constituídas que precisan dun empuxe para darse a coñecer, mellorar a súa competitividade e impulsar o seu negocio.
Con esta iniciativa conxunta queren dar un importante salto para impulsar dun xeito máis notorio a Economía Social e o desenvolvemento de proxectos sostibles, asegurando a xeración de novas iniciativas e proxectos innovadores a través dunha actividade pioneira na contorna: As FEIRAS SECTORIAIS DO COOPERATIVISMO.
A través da organización deste tipo de evento preténdese fomentar entre a cidadanía e o público en xeral os valores transmitidos pola economía social e o cooperativismo, darlles a posibilidade ás entidades de amosar os seus produtos e/ou servizos ao público e ofrecer unha vía de emprendemento entre as persoas traballadoras da zona mediante un contacto directo durante todo o evento coas entidades expositoras.
Así mesmo, este espazo busca promover o papel da Muller na Economía Social e acrecentar o xerme emprendedor entre os mozos e mozas que están a formarse facendo que comproben de primeira man a través das persoas convidadas a expoñer as experiencias das entidades e proxectos participantes.
As Feiras Sectoriais do Cooperativismo serán de carácter anual, centradas nas iniciativas lideradas por mulleres en diferentes sectores, organizándose a primeira en San Xoan de Río este ano 2024 e a seguinte no Concello de Boborás ao longo do 2025.