Natalia González ratifica que “os concelleiros e concelleiras de Jácome adicáronse os últimos 4 meses a enganar á oposición e á cidadanía cos supostos estudos de viabilidade e orzamentos para a realización das obras de eliminación do radón, mentres o rexedor tiña claro que quería cargarse a Concellería de Igualdade e a súa senlleira sede, o mellor CIMM de toda Galicia”
O goberno local confirmou aos socialistas en resposta a unha pregunta do último pleno que “as obras necesarias na antiga sede do CIMM no barrio do Couto non figuran entre as prioridades máis inmediatas de obras a acometer en dependencias municipais.”
Ourense, 24 de agosto de 2024. A mediados do mes de maio dende o Grupo Municipal Socialista denunciamos o peche dun edificio municipal chave en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero por falta de vontade e sensibilidade política para acometer obras menores de eliminación de gas radón. Solicitamos que se paralizara esta decisión política e que se procedera a executar unhas obras necesarias das que o goberno municipal tiña coñecemento dende hai xa tempo, ademais de que cesara o desmantelamento e baleirado da Concellería de Igualdade, que non responde máis que á inquina persoal do Alcalde.
No pleno de xuño propuxemos unha iniciativa conxunta para evitar un atentado máis contra a igualdade e a loita contra a violencia de xénero perpetrado por un goberno irresponsable e que pon sempre en risco ás persoas de maior vulnerabilidade da cidade. Esiximos ao goberno da Xunta de Galicia que tomara tamén partido ante esta decisión lesiva para a terceira cidade de Galicia, co peche do CIMM máis importante da nosa Comunidade Autónoma. A iniciativa plenaria foi respaldada e aprobada por parte de todos os grupos municipais, a excepción de Democracia Ourensana.
Esiximos ao goberno local a convocatoria dun Consello Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes para abordar este asunto e non houbo resposta á solicitude durante os últimos meses por parte da concelleira delegada Noa Rouco.
Nas 3 últimas xuntas de área de Servizos Xerais e de Servizos Sociais e Igualdade celebradas, dende o noso grupo municipal urximos respostas tanto ao concelleiro delegado de servizos xerais, Antonio Fernández, coma a concelleira delegada de igualdade, Noa Rouco, os cales se adicaron a “marear a perdiz e escurrir o bulto” para seguir a enganar á oposición e á veciñanza, porque nin un nin outro teñen ningún tipo de autonomía na toma de decisións do seu marco competencial, Jácome manda.
A voceira socialista lamenta que “confirmaron as nosas sospeitas iniciais: as obras necesarias de eliminación do gas radón no Centro de Información Municipal ás Mulleres do barrio do Couto foron a escusa perfecta para desmantelar outro servizo municipal máis e botar o peche a un edificio emblemático que puxo en marcha o anterior goberno progresista de PSOE e BNG en Ourense”. González engade que “hai cartos para efectuar as obras e teñen que facelo, Ourense non pode permitirse que a antiga sede do CIMM se converta noutro edificio municipal abandonado e pechado a cal e canto polos caprichos e inquinas de Pérez Jácome, como pasou xa co Museo Municipal ou co Espazo Lusquiños, entre outros”
https://drive.google.com/file/d/1JVUitmnwva-gtYYqqAxR0rX9RquOLWq9/view?usp=drive_link