A incorporación de persoal necesario para o bo funcionamento da Administración local ou as bases e as ofertas públicas de emprego que aínda están sen convocar son algunhas das tarefas pendentes do executivo das que ningunha información teñen as e os socialistas
“Ímonos enfrontar a un último trimestre de ano cheo de modificacións de crédito, coas concesións en precario, as contratacións e licitacións públicas paralizadas e débense cartos a empresas e a particulares dende hai máis dun ano”, enumeran entre algúns dos exemplos da mala xestión
Ourense, 28 de agosto de 2024. “Gustaríanos pedirlle ao goberno de Democracia Orensana e, en especial, ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que o primeiro que faga de cara a este inicio de curso político é por solución aos problemas de persoal”, comeza reclamando a edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández Ojea. A Relación de Postos de Traballo (RPT), o proceso de estabilización, a incorporación de persoal necesario para o bo funcionamento da Administración local ou as bases e as ofertas públicas de emprego que aínda están sen convocar son algunhas das tarefas pendentes do executivo das que ningunha información teñen as e os socialistas.
“Entendemos como esencial que os traballadores e traballadoras públicas poidan saír do bucle no que están somerxidos, no que nin sequera saben se cobrarán as súas nóminas íntegras a final de mes, e que se poida ofrecer estabilidade laboral”, reclama contundente ante o que semella unha nula intención política por parte do executivo de arranxar a situación, logo de meses sen querer escoitar as demandas e propostas dos colectivos sindicais.
Nesta mesma liña, dende o grupo municipal socialista sosteñen que o único que xera o modo de proceder do goberno de Jácome é unha dilación no tempo para cumprir cos dereitos constitucionais dos e das empregadas públicas que pode acumular máis sentenzas xudiciais pola súa mala xestión. “Pedímoslles que intenten chegar a acordos, paralicen a modificación das bases de estabilización e poidan aboar as nóminas, unha vez que entre en vigor a modificación orzamentaria que prantexaron como solución para pagar o que adebedan aos e ás empregadas”, enumera a edil en canto a algunhas das materias pendentes do executivo.
Así mesmo, pide a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva nacional Galega (CENG) do PSdeG que en Ourense se poida contar “cunha política de persoal que protexa de verdade os dereitos, non só os retributivos senón tamén os sociais e laborais, dos traballadores e traballadoras”.
A situación inflúe, a xuízo do grupo municipal socialista, negativamente na posta en marcha de proxectos estratéxicos e urxentes para a cidade e xera un clima de inestabilidade e descrédito na que aínda é a terceira cidade de Galicia. O diálogo é a única vía posible para que a Administración local, a máis próxima á cidadanía, funcione áxil e axeitadamente, segundo defenden. “Ímonos enfrontar a un último trimestre de ano cheo de modificacións de crédito, coas concesións en precario; as contratacións e licitacións públicas, tanto de obras como de servizos, paralizadas; débense cartos a grandes empresas e a particulares con facturas sen pagar dende hai máis dun ano”, enumera a edil entre algún dos exemplos da mala xestión do goberno de Jácome.
Finalmente, reclaman as e os socialistas que se dea marcha atrás nas últimas decisións que adoptou o executivo respecto á RPT e que se paralice a modificación das bases de estabilización e manter a existente “para dotar de seguridade e diminuir a temporalidade dos empregados e empregadas do Concello de Ourense”. “Por desgraza, todo parece indicar que neste novo curso político Democracia Orensana vai repetir”, remata María Fernández Ojea.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da edil do PSdeG María Fernández Ojea:
https://drive.google.com/file/d/18N0TwXK8Oqr8e_RbILK0inZVUoKpidMw/view?usp=sharing