As e os socialistas denuncian o incumprimento “flagrante” dos acordos plenarios, logo de que fosen aprobadas por unanimidade dúas mocións socialistas que esixían a construción dun centro de día
Germán García-Ávila sinala que “este proxecto da casa do maior nada ten que ver cun centro de día e non da solucións á problemática que ten Viana do Bolo e os nosos maiores”
O edil socialista subliña que “non nos vamos a deixar enganar e seguiremos reclamando que se leven a cabo todas as xestións necesarias para a edificación dun centro de día”
Viana do Bolo, 28 de agosto de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo alerta de que o goberno municipal do Partido Popular segue facendo “oídos xordos” as reclamacións para a construción dun centro de día e trata de tapar a súa “nefasta” xestión neste senso coa construción dunha casa do maior. As e os socialistas denuncian o incumprimento “flagrante” dos acordos plenarios, logo de que fosen aprobada por unanimidade dúas mocións socialistas que esixían a construción deste centro de día.
Dende o grupo municipal socialista lembran que fai 3 anos foi aprobada por unanimidade unha moción do PSOE para a construción do centro de día e acto seguido, o bispado de Astorga cedeu un solar ao concello para a posta en marcha do centro, pero tal e como sinalan “nada se fixo”. Ante esta “desidia” e “deixadez” as e os socialistas presentaron unha nova moción nesta nova lexislatura reclamando que se levase a cabo o proxecto e novamente foi aprobado co voto favorable do PP, pero tal e como apuntan “tampouco se moveu un dedo para a súa construción”. Fai uns meses presentaron unha pregunta pedindo información sobre as xestións realizadas, pero novamente a resposta do PP “foi que estaban agardando o inicio das xestións despois da constitución do goberno da Xunta, pero seguimos sen novas”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, amosa a súa “sorpresa”, despois de coñecerse que a Xunta vén de aprobar a construción de varias casas do maior, entre elas unha en Viana. Tal e como apunta o concelleiro socialista “este proxecto nada ten que ver cun centro de día e non da solucións á problemática que ten Viana do Bolo e os nosos maiores”.
García-Ávila afirma que “estamos moi preocupados e tememos que esta proposta do PP pretenda tapar anos de desidia na construción do centro de día e que este non vexa a luz”. O voceiro socialista critica que unha casa do maior “non soluciona a problemática de Viana e non atende as necesidades presentes e futuras dos nosos maiores”. O edil socialista subliña que “non nos vamos a deixar enganar e seguiremos reclamando que se leven a cabo todas as xestións necesarias para a edificación dun centro de día”.
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presentará no vindeiro pleno outra pregunta para saber se o alcalde e o Partido Popular “fixeron xestións para a construción desta casa do maior, para tratar de silenciar o aprobado nos plenos, co voto favorable do PP, para construír o agardado centro de día, para o que xa se dispón dun solar”.