A execución do programa ‘Rexurbe’ da Xunta de Galicia xa está a dar os primeiros froitos en Ribadavia, onde a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou a licitación para a rehabilitación dunha das vivendas contempladas neste plan de recuperación urbanística co que colabora o Concello da capital do Ribeiro. O inmoble permitirá acoller un total de cinco vivendas de promoción pública, que serán adxudicadas en réxime de aluger a persoas empadroadas ou que traballen no municipio e se inscriban coma demandantes de vivenda. O prezo de licitación das obras de rehabilitación suporá un investimento de 1,12 millóns de euros por parte do departamento autonómico.
Dos oito edificios que adquiriu a Xunta en Ribadavia, os primeiros en ser rehabilitados corresponden aos catro inmobles ubicados na rúa Cervantes e nas prazas de San Xoán e García Boente, mentres que para os catro restantes que tamén son de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo está prevista a licitación da redacción dos proxectos de restauración ao longo do presente ano.
A conselleira de Vivenda, acompañada polo alcalde, César Fernández, visitou un dos primeiros edificios en ser rehabilitados ao abeiro do programa autonómico.
César Fernández agradeceu o apoio da Xunta.
A declaración por parte do Consello da Xunta da ‘Área Rexurbe’ de Ribadavia abarca o conxunto histórico da vila, cunha superficie total de 0,108 quilómetros cadrados, e na que, según recolle a memoria presentada polo propio Concello, están ubicados 459 edificios cun total de 709 vivendas e dos cales 263 se atopan en estado deficiente, malo ou ruinoso.