Afundación conmemora o seu décimo aniversario con «Simultánea», unha grande exposición con 7 sedes e 350 obras que integran a súa colección de arte

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

I A mostra inaugurarase o vindeiro 9 de outubro simultaneamente na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo
I A Obra Social de ABANCA atesoura unha colección de 5000 obras de arte, declarada Ben de Interese Cultural

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

10.09.2024. Co gallo do décimo aniversario do seu nacemento, Afundación, a Obra Social de ABANCA, organiza «Simultánea», unha exposición que achegará ao público un total de 350 obras pertencentes á súa colección de arte, da autoría de máis de 200 artistas galegos dos últimos dous séculos e que se inaugurará simultaneamente o próximo 9 de outubro nas sedes de Afundación na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Será unha ocasión única para aproximarse á mellor colección de arte contemporánea de Galicia mostrada como nunca antes.
Durante a presentación da exposición, celebrada esta mañá na Coruña e na que xornalistas de toda Galicia puideron participar por streaming, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, sinalou que esta mostra con 7 sedes diferentes «deseñouse para celebrar con toda Galicia a riqueza dun patrimonio que lle pertence, a Colección de Arte Afundación, e que na Obra Social de ABANCA tutelamos e divulgamos desde a profesionalidade e a ética que require a xestión dun Ben de Interese Cultural (BIC)».
A Colección de Arte Afundación está formada por máis de 5000 obras e ofrece unha visión ampla da arte galega desde finais do século XIX ata a actualidade, ademais dunha destacada selección de creación española e portuguesa.

Un gran proxecto
A comisaria de «Simultánea» e coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, explicou que se trata «dunha proposta dunha dimensión inédita e un dos proxectos expositivos máis ambiciosos de cantos se expuxeron en Galicia nos últimos anos». Un equipo multidisciplinar, cunha importante presenza de profesionais de Afundación, traballou na construción destas sete miradas e na coordinación das máis de vinte empresas do sector cultural que participaron nos labores de conservación, deseño ou transporte, o que supuxo todo un desafío organizativo ao longo dos últimos dous anos.
A iso, precisamente, se referiu tamén durante a súa intervención na presentación desta mañá Miguel Ángel Escotet, destacando o traballo de planificación e execución de «Simultánea», que cualificou de «minucioso, profesional e brillante de todo o equipo de Afundación, moi especialmente da área de Cultura», e grazas ao cal «podemos presentar sete lecturas da nosa colección que tamén se recollen no catálogo complementario no que sete especialistas asinan cada un un texto introdutorio para cada capítulo no que, cun enfoque libre, se aborda o tema asignado, ben desde unha mirada xeral, ben desde unha lectura máis concreta da Colección de Arte Afundación».

Sete formas de aproximarse ás obras
Cada unha das 7 exposicións que integran «Simultánea» mostra unha lectura diferente da Colección de Arte da Obra Social de ABANCA, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse a creacións de tres séculos distintos, delimitados pola peza máis antiga, un Villaamil de 1827, e as máis actuais, unha fotografía de Xurxo Gómez Chao, unha instalación de Pilar Alonso e unha escultura de Din Matamoro, todas elas, do ano 2011.

Sede a sede
A Coruña. Capítulo «Modo retrato». Permítenos achegarnos á utilización do xénero do retrato como vehículo para profundar na análise de identidades e complexidades da alma humana, ademais de ser un fantástico campo de experimentación para as diferentes linguaxes que caracterizan a arte contemporánea. Unha exposición que nos anima a participar das preocupacións, temas e características sociais desde o século XIX e a profundar na dimensión psicolóxica, simbólica e emocional do retrato. Obras que van desde o clasicismo romántico ou o realismo, ata o expresionismo ou a arte conceptual, conformando un grande exemplo da creación contemporánea galega. Conforman a mostra as obras de cincuenta e nove artistas, tales como Colmeiro, Laxeiro, Antón Lamazares, Xaime Quessada ou os coruñeses José María Labra, Román Navarro, Antón García Patiño, Victoria Diehl ou María Corredoira, entre outros.
Ferrol. Capítulo «O obxecto contemporáneo e doméstico». Acolle as obras dedicadas ao ámbito íntimo e familiar do ser humano. Traballos que reflexionan sobre a intimidade a través de obxectos da cotiandade doméstica utilizados por algúns artistas para transmitir as súas experiencias persoais, as súas inquietudes e as súas mensaxes. Abarca formulacións formais próximas ao impresionismo, o cubismo ou o hiperrealismo e chega ao conceptual, un exemplo da riqueza expresiva da plástica galega. Unha nómina de corenta e nove artistas narran este capítulo correspondente á cidade ferrolá. Nomes como Luís Seoane, Elena Gago, Tino Grandío, Alfonso Abelenda, Carlos Maside, Xaime Quessada ou os veciños de Ferrolterra Segura Torrella, Jorge Llorca e Loureiro.
Lugo. Capítulo «Escenas de costa e mar dentro». O mar, coas súas múltiples facetas, é o protagonista da sede de Lugo, abordado nun percorrido que avanza desde a representación dos portos, ata os mares imaxinados e irreais pasando por unha chamada á sustentabilidade dos nosos océanos. As obras que se mostrarán, asinadas por trinta e un artistas, en Lugo transcenden as formulacións meramente estéticas para presentar unha mirada multidimensional dun elemento esencial da nosa historia e cultura. Entre os autores figuran Urbano Lugrís, Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Vari Caramés, Prego de Oliver ou os lucenses Tino Grandío, Antonio Murado e Christian Villamide.
Ourense. Capítulo «Espazo aberto e natureza». A Sede de Afundación en Ourense albergará aquelas obras nas que a arte centra a súa mirada sobre a natureza con pezas que mostran tanto a impresión da orografía como a expresión daquilo que os artistas senten fronte ao mundo natural. É un relato plural que transita desde o século XIX ata a actualidade a través do clasicismo romántico, pasando polo rexionalismo, ata chegar ás linguaxes máis actuais. Entre os trinta e nove artistas presentes nesta mostra, atópanse nomes como Castelao, María Antonia Dans, Serafín Avendaño, Pamen Pereira, Manolo Paz, e os vinculados a Ourense como Prego, Xaime Quessada, Antonio Quesada ou Virxilio.
Pontevedra. Capítulo «Abstraccións e mensaxes cifrados». Anímanos a relacionarnos coa linguaxe abstracta como forma de interpretar o mundo en clave subxectiva. A transmisión de emocións e estados de ánimo a través de cores, texturas e formas, a súa capacidade para xerar unha linguaxe visual propia e unha experiencia emocional no espectador, converte estas obras nunha poderosa canle comunicativa de inquietudes, mensaxes e conceptos. Unha formulación que se mostra a través das pezas de trinta e tres autorías, como Basallo, Laxeiro, Lodeiro ou Mampaso, ademais de artistas vinculados á cidade como Huete, Ruibal, Rafael Úbeda ou Almudena Fernández.
Santiago. Capítulo «Arquitecturas narradas». Preséntanos obras que reflexionan sobre as relacións da cidade e a arte, sobre a urbe como reflexo dunha contorna cotiá ou como destino exótico, como recurso existencial ou opresivo, ou como testemuño dunha realidade imaxinada. Acolle unha ampla representación da creación artística galega desde o século XIX ata os nosos días. Corenta e dous artistas asinan o relato sobre o diálogo entre a cidade e a arte, entre quen está Mario Granell, José Villamil, Tatiana Medal, Segura Torrella ou os santiagueses de nacemento Alfonso Costa, Manuel López Garabal, Aymerich, Romero Masiá e Antón Cabaleiro.
Vigo. «Voar coa imaxinación». Aborda o concepto de fantasía como elemento fundamental da creación artística. A identidade galega sempre estivo moi preto da fantasía e o irreal: mitos, lendas e contos poboaron o noso imaxinario, permitindo unha convivencia natural entre o imaxinado e a realidade. Desta fonte e das correntes artísticas contemporáneas beben as obras desta exposición que nos permiten trazar un percorrido por algúns dos mellores exemplos da fuxida do real na arte galega. Cincuenta e seis autorías conducen a proposta da exposición viguesa, con nomes da talla de Eugenio Granell, Pamen Pereria, Manuel Vilariño ou Carlos Alcolea, ademais dos estreitamente vinculados á cidade de Vigo como Menchu Lamas, Jorge Barbi, Antón Puído ou Din Matamoro, entre outros.

Máis información sobre «Simultánea», na propia páxina da mostra nesta ligazón.
Imaxes, dossier e vídeo da rolda de prensa, dispoñibles nesta ligazón.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.