Resposta da Consellería de Sanidade ó requerimento da Valedora do Pobo:
1.- O Centro de Saúde do Carballiño é un dos centros de maior dimensión e dotación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, como corresponde ao volume de poboación que atende, ao dar cobertura, xa non só a persoas residentes no concello senón a persoas dos concellos da contorna.
A nivel estrutural, o centro foi construído no seu momento nun espazo distante do núcleo urbano e dadas as características dos terreos nos que asenta sofre eivas estruturais que nos fixeron propoñer a posibilidade de construción dun novo centro de saúde para o concello e a comarca. Esa posibilidade foi atendida e o novo centro de saúde do Carballliño foi incorporado dentro do Plan de lnfraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia, en concreto na fase 1.
Desde entón e tras a valoración de diferentes alternativas optouse, dacordo co Concello do Carballiño, en ubicar o centro no espazo da antiga estación de autobuses, estando o proceso na súa oportuna tramitación.
lndependentemente desta circunstancia, que permitirá mellorar a accesibilidade ao centro e integralmente a súa estrutura, foron moitas as melloras dotacionais que se teñen realizado. Simplemente citaremos as máis relevantes, como a recente adquisición dun monitor desfibrilador con marcapasos externo, unha nova padiola de exploración xinecolóxica eléctrica, un escáner dixital odontolóxico, un retinógrafo, etc; aínda que seguramente a dotación máis importante sexa a nova sala de Radioloxía Dixital, xa licitada e adxudicada, por valor de 99.200 euros, e cuxa instalación está prevista en breve.
Todo isto deixa ben ás claras a aposta constante e permanente do Servizo Galego de Saúde por mellorar as dotacións do centro e a resolutividade dos profesionais que nel traballan.
2.- No que respecta ás necesidades de persoal, temos que dicir, en primeiro lugar, que O Carballiño, e a contorna, sofre, as mesmas dificultades que outras comarcas de Galicia e de España en canto ao déficit de profesionais, especialmente en Medicina Familiar e Comunitaria. Para paliar ese déficit, é
evidente que resulta imprescindible formar máis profesionais, e este é a demanda que desde 2018 ven realizando a Xunta de Galicia ante a autoridade competente para tal fin que é o Ministerio de Sanidade. Con máis médicos dispoñibles non estariamos falando destas dificultades.
Non obstante, e facéndonos responsables das nosas decisións naquelas áreas nas que a Comunidade Autónoma si ten competencias, decidíronse adoptar determinadas medidas orientadas a reter e atraer talento, algunhas delas sen precedentes.
Tras a aprobación do oportuno marco legal, incluíse O Carballiño como unha área de difícil cobertura. Sorpréndenos a cualificación de “absurda” desta decisión por parte dos reclamantes, pero seguro que teñen as súas fundadas razóns. Esta decisión ten permitido convocar prazas no oferta pública pertinente, para a súa cobertura por concurso de méritos (sen oposición), primando por tanto a cobertura das mesmas no Carballiño fronte a outros territorios. Grazas a esa tipificación, xa non só se cobren as prazas como a de pediatría recentemente convocada, e á que nos referiremos máis adiante, senón que se teñen convocado outras 3, de medicina familiar e comunitaria, que permitirán reducir a presión do cadro de persoal actual.
3.- No caso concreto da Pediatría, e en previsión dunha convocatoria de prazas de difícil cobertura para aqueles centros e prazas de Galicia con esa tipificación, esta Xerencia, ante a ausencia de vacantes no momento da citada convocatoria, decide dotar unha praza adicional de Pediatría ao Carballiño, co obxectivo de anticiparnos a unha xubilación non producida, pero si comunicada. Este feito permítenos ter agora unha pediatra incorporada nesa praza, cando no momento da convocatoria non había ningunha delas vacante.
Ningún dos chamamentos feitos para a cobertura das vacantes polo procedemento regulamentariamente establecido foi de interese para ningún dos especialistas nas listas de cobertura temporal en ningunha das reiteradas convocatorias.
Si fomos capaces de facer cobertura cunha médica puericultora, que sigue facendo o seu labor nestes momentos cos nenos e nenas da comarca, ante a indispoñibilidade de pediatras. O seu labor, ata onde nos consta, non ten xerado ningún tipo de queixa ou reclamación.
Cómpre lembrar tamén que as demoras para a atención pediátrica na comarca están entre as máis baixas de Galicia, con moitos días onde a cita ordinaria está dispoñible en 24 horas.
Entendemos que as necesidades asistenciais da poboación pediátrica da comarca están perfectamente cubertas, tanto polo tamaño dos cupos como pola asistencia que se dispensa, en tempo e forma.
En sucesivas convocatorias públicas, ante a imposibilidade de cobertura, cando menos nestes momentos, con especialistas en pediatría como interinidade en vacante, procederemos a incorporar as prazas que sexan precisas.
En calquera caso, seguiremos facendo sucesivos chamamentos por se, en calquera momento, algún dos especialistas en pediatría das listas de substitución aceptase ocupar a praza en cuestión.
4.- Reiteramos, como xa temos feito con anterioridade, o firme compromiso do Servizo Galego de Saúde pola resolución dos problemas sanitarios da Comarca do Carballiño ao igual que os do resto de comarcas da Área Sanitaria, coas ferramentas e recursos das que dispoñemos, do mesmo xeito que fixemos ata agora. Ese é o noso labor e así seguiremos exercéndoo.
Resposta da Valedora do Pobo
Analizado o seu escrito de queixa e o exposto no informe da citada consellería, dedúcese que a administración revisou o asunto que motivou o seu expediente e trasladou no informe remitido que, o novo centro de saúde do Carballliño foi incorporado dentro do Plan de lnfraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia, estando na fase 1 . Tamén se traslada que, se introduciron diferentes melloras nas instalación e recursos do centro coma a sala de Radioloxía Dixital cuxa instalación está prevista en breve.
Ao respecto das dúas prazas de facultativos especialistas en pediatría trasládase que se cubriu con unha pediatra e unha puericultora con experiencia en pediatría namentres ningún especialista na materia acepta cubrir a devandita praza matizando ao respecto da asistencia sanitaria dispensada por esta profesional que non se rexistrou ningunha queixa ou reclamación. Trasládase asemade que, as demoras para a atención pediátrica na comarca de Carballiño están entre as máis baixas de Galicia, con moitos días onde a cita ordinaria está dispoñible en 24 horas.
Por todo o sinalado, en principio non parece preciso continuar a investigación iniciada como consecuencia do seu escrito de queixa e conclúese este expediente, sen prexuízo de reabrilo á súa instancia se vostede nos comunica novos datos ou circunstancias non coñecidos ou tidos en conta nas actuacións realizadas ata este momento.