Fabiola García lembra que desde hoxe se poden solicitar as axudas do Bono Concilia Familia para o pago de campamentos ou coidadores a domicilio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A conselleira de Política Social e Igualdade deu conta hoxe desta nova convocatoria de achegas nunha vista ao campamento de conciliación da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro)

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as bases que rexen a concesión deste apoio económico, dirixido a satisfacer as necesidades de conciliación que teñen as familias en momentos puntuais ou en períodos non lectivos

ENLACE ao DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240917/AnuncioG0762-060924-0001_gl.html

Como novidades, amplíase a axuda a todos os nenos que cumpren os 13 anos en 2024 e faise máis sinxela a solicitude para axilizar a súa tramitación e pagamento

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou esta tarde de que a partir de mañá e ata o vindeiro 17 de outubro estará aberto o prazo para acollerse ás axudas do Bono Concilia Familia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste programa pensado para que os pais e as nais que traballan poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual, por exemplo: por enfermidade ou cuestións laborais; ou durante os períodos de vacacións escolares.

Fabiola García recordou a publicación desta nova convocatoria de achegas durante unha vista ao campamento de conciliación que organiza en Verín a Federación Provincial e Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo. A conselleira explicou as novidades que presenta esta edición do Bono Concilia Familia: aumenta a súa dotación económica inicial en case un 70% con respecto ao ano pasado, ata acadar os 2,6 millóns de euros; e amplíase a todos os nenos que cumpren 13 anos en 2024, cando ata agora estaba limitada ata os 12.

Así mesmo, outra mellora desta convocatoria é que simplifica a petición da axuda para axilizar a tramitación e pagamento, eliminándose a presentación dalgúns documentos que a administración xa pode consultar internamente e non ten necesidade de pedilos ás familias. Tamén se retrasa a convocatoria desde mediados de setembro ata mediados de outubro para que as familias que levaron aos seus fillos a un campamento en agosto ou setembro teñan as mesmas finalidades á hora de solicitar esta achega que aquelas que os levaron en xuño ou xullo.

As contías desta axuda poden ser de 500 euros por unidade familiar para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno para o pago de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís. Polo tanto, unha familia con tres fillos pode percibir unha axuda de ata 600 euros.

O ano pasado, concedeuse o Bono Concilia Familia a preto de 11.000 familias galegas, duplicando as cifras de 2022. A previsión para a convocatoria deste ano 2024 é beneficiar a unhas 13.500 para este novo inicio do curso.

Campamento de conciliación e outras medidas

A conselleira de Política Social e Igualdade sinalou que este programa forma parte das medidas de apoio ás familias e á conciliación que ten en marcha a Xunta de Galicia, tales como: a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, as casas niño e as casas do maior, a tarxeta benvida ou os campamentos de conciliación como o que na xornada de hoxe visitou en Verín.

Esta actividade, organizada por Femuro e financiada polo Plan Corresponsables do Executivo autonómico, conta coa participación de nenos entre os 8 e os 12 anos de idade e se prolongará ata finais deste mes de setembro para que as familias teñan un recurso de conciliación mentres que non empezan as actividades extraescolares. Os nenos realizan actividades creativas, xa que a temática deste programa é ‘Artistas’.

A través do Plan Corresponsables, a Xunta de Galicia financia actividades e servizos de conciliación en 170 concellos, unha vintena de entidades sociais e 60 Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) de toda Galicia, e nas que participan arredor de 30.000 nenos.