O prestixioso fotógrafo inaugura a mostra “O anxo que nunca fun” mañá mércores ás 20.30h, co apoio da Deputación e do Festival de Cine de Ourense OUFF
Ourense, 17 de setembro de 2024.
O fotógrafo ourensán Manuel Outumuro é o protagonista da exposición “O anxo que nunca fun”, que se inaugura oficialmente este mércores, 18 de setembro, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, froito dun traballo de colaboración entre o autor, a Deputación e o Festival de Cine de Ourense (OUFF).
Tiveron que pasar trinta anos de intensa produción fotográfica, de numerosos e merecidos recoñecementos á súa mestría no retrato e a fotografía de moda, para que Manuel Outumuro se decidise a explorar unha cuestión esencial que, desde hai anos, se pregunta incesantemente. De que forma a súa Galicia natal e as circunstancias da súa nenez influíron na súa forma de ser e ver o mundo?
Recibir na súa terra de orixe o premio Ourensanía 2022 foi o estímulo que necesitaba para por fin darlle resposta. En O anxo que nunca fun, puido afrontar creativamente as súas interrogantes e compartilas nesta exposición e libro, desenvoltas grazas á Deputación e ao Festival de Cine de Ourense (OUFF).
O proxecto iníciase con Lembranzas, unha poética colección de 13 fotografías acompañadas de relatos persoais, coa que Outumuro nos abre as portas da súa infancia. O autor explora os seus recordos máis temperáns, que permaneceran aletargados a causa da súa incesante actividade profesional, e permite recoñecer neles as súas primeiras experiencias de aprendizaxe, cales foron os seus desexos máis íntimos, quen os seus grandes cómplices e como a natureza, a tradición e a fantasía marcaron os seus primeiros anos de desenvolvemento.
Unha segunda colección de fotografías titulada Escolmas complementa e redondea este proxecto.
Máis dun centenar de imaxes atopadas no seu arquivo, realizadas no contexto de encargos profesionais, para medios de comunicación ou editoriais e catálogos de moda foron coidadosamente seleccionadas como testemuño da grande influencia visual que Galicia exerceu, consciente ou inconscientemente, na realización e aspecto do seu traballo. O seu inmenso legado fotográfico, revisitado coa perspectiva dos anos, dá boa mostra diso. Só agora, Outumuro toma plena conciencia de que os seus recordos son, en moitas ocasións, a inspiración que arroupa as súas imaxes e ambienta as súas reportaxes.
A exposición estará aberta ao público dende o 18 de setembro de 2024 ao 6 de xaneiro de 2025.