O grupo provincial socialista inicia en Parada de Sil unha xira para poñer en valor o seu “rol determinante” na aprobación do Cooperou pola Deputación de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O voceiro socialista, Álvaro Vila, destaca os esforzos para “arrincar” do PP un acordo para un reparto máis equitativo de fondos, que implica avances na capacidade e autonomía dos concellos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“O traballo do PSdeG-PSOE fixo posible este plan que nos outorga capacidade para levar a cabo proxectos e gastar no que compre, atendendo ás demandas da veciñanza”, sinala o alcalde de Parada Sil

Caxide (Parada de Sil), 18 de setembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista iniciou unha xira polo territorio para poñer en valor o seu “rol determinante” na aprobación do plan único de reparto de fondos da Deputación de Ourense entre os concellos (CooperOu). En Caxide, no concello de Parada de Sil, acompañado do seu alcalde, Aquilino Domínguez, os deputados socialistas na Deputación tiveron a ocasión de verificar as bondades do novo mecanismo de financiación, que desta volta permitiu a realización das obras para a mellora do sistema de abastecemento de auga nesta aldea.

“Grazas ao traballo do meu grupo na Deputación foi posible a adopción deste novo plan de financiamento que permite que os alcaldes dispoñamos de certa capacidade para levar a cabo proxectos acaídos coas auténticas necesidades dos nosos concellos, gastando no que realmente compre, atendendo ás demandas reais da veciñanza”, declara Domínguez.

“Este modesto proxecto de mellora do abastecemento en Caxide non sería posible baixo o anterior mecanismo!”, lanza o rexedor. Segundo este, “fronte ao que pasaba antes, que tiñamos que negociar proxecto por proxecto, dependendo as obras da vontade de quen gobernaba na Deputación, é moi importante que a principio de cada exercicio saibamos o diñeiro co que podemos contar para incluír nos nosos orzamentos e poidamos distribuílo e gastalo no que realmente fai falta.

“O CooperOu representa unha transformación moi importante con respecto ao anterior estado de cousas, cando os concellos non sabían con que recursos podían contar, dependendo estes nomeadamente da afinidade co grupo de goberno na Deputación, que asignaba de xeito nominativo os fondos, que non se podían dirixir cara aquelo que realmente era necesario no concello”, explica Vila.

Presións socialistas para a aprobación do CooperOu

Parada de Sil, que percibía 77.000 euros anuais e coa entrada en vigor do CooperOu pasou a recibir 155.632 euros. Despois das dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP, operadas en outubro de 2024 e en abril de 2025, o monto ascendeu a 253.632 euros. “Case catro veces máis do que antes, apuntalando a autonomía financeira do concello, que pode planificar e organizar proxectos realmente necesarios para a veciñanza”, afirma o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila.

Meses de traballo e negociacións mediante, finalmente o presidente da Deputación, Luís Menor aceptou a proposta socialista de consagrar 17 millóns de euros, se ben a proposta inicial do PP era moito máis baixa. O plan contempla o reparto dos fondos entre municipios cunha parte fixa e outra variable, segundo criterios obxectivos, como son a extensión, a poboación e a dispersión. “Grazas á nosa presión e insistencia, mirando sempre polo ben da provincia, arrincamos do PP o plan único de financiamento, acadando o compromiso do presidente de incrementar a contía a final de mandato”, lembra o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación.

Audio con valoración do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, sobre o Plan Coperou da Deputación, impulsado polo Grupo Provincial Socialista.
https://drive.google.com/file/d/1pIsq-5Y79s46ETerCuHaJ3X-1FGi5GEQ/view?usp=sharing