A prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero será obxecto de recoñecemento polas asociacións O Potiños e Cine Club Carballiño, no marco da programación do ‘Arenteiro Fotográfico’. Deste xeito, mañá venres, día 20, a entidade cinéfila ofrece unha proxección moi especial, “Cristina García Rodero: la mirada oculta”, un magnífico documental dirixido pola cineasta Carlota Nelson, que se centra na figura desta fotógrafa española, Premio Nacional de Fotografía e a única persoa española membro da axencia Magnum. Os dous pases do documental serán ás 20,00 e ás 22,30 horas, os dous en castelán e no Auditorio Manuel María do Carballiño.
O secretario do Cineclube, Ricardo Paz, adiantounos detalles desta proxección:
Ferozmente independente, aclamada pola crítica e autodidacta, a fotógrafa española Cristina García Rodero deu testemuña, durante máis de medio século, dunha España insólita. Pero as súas extensas reportaxes sen presa e dende dentro tamén buscaron outras culturas e realidades. Hoxe, esta artista de 73 anos continúa autofinanciándose os seus proxectos a longo prazo e documentando como se celebra a vida, o amor, a beleza e a morte no mundo, aquilo que move e conmove a alma, espírito e corpo humano.