Ribadavia continúa este mes de setembro coa celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, unha oportunidade única para achegarse ao patrimonio sefardí que marcou a historia da nosa vila. Durante a segunda semana de actividades, veciños e visitantes poderán desfrutar dunha serie de eventos que combinan cultura, música e gastronomía.
O sábado 21 de setembro, ás 19:00h, inauguraremos na Igrexa da Madalena a exposición “Sabores e aromas de Sefarad”, coa participación de Marta Puig, Directora Xerente da Rede de Xuderías de España. A mostra ofrecerá unha inmersión sensorial na rica tradición sefardí e poderá ser visitada ata o 6 de outubro.
De seguido, ás 19:30h, o recoñecido músico Paco Díez ofrecerá un concerto de Música Sefardí. Especialista en música tradicional ibérica e sefardí, Paco Díez foi galardoado coa Ladino Medal en 2007 e ten actuado en eventos históricos como o celebrado no Palacio Real de Madrid ante o Rei Felipe VI, en recoñecemento á herdanza sefardí. A súa labor foi tamén recoñecida internacionalmente pola Ligue Universelle du Bien Publique en París. Será unha ocasión única para gozar da música que conecta o presente co pasado da nosa comunidade.
Ese mesmo día, ás 21:30h, os asistentes poderán participar nunha Visita Teatralizada ao Castelo dos Sarmiento, a cargo de Platea Lúa. Ademais, tanto o sábado como o domingo, o Museo Sefardí celebrará unha xornada de Portas Abertas, ofrecendo unha oportunidade especial para coñecer máis sobre a presenza xudía na nosa vila.
Ao longo de todo o mes, tamén está en marcha o concurso “A Árbore da Familia“, unha iniciativa da Rede de Xuderías que invita a locais e visitantes a participar e gañar premios mentres exploran as raíces sefardís das cidades que forman parte da rede.
Para a próxima semana, dentro do marco das celebracións das Xornadas de Cultura Xudía, terán lugar as Xornadas Gastronómicas de Pinchos Sefardíes. Un total de 10 establecementos hostaleiros de Ribadavia ofrecerán deliciosos pinchos inspirados na tradición culinaria sefardí: Alaba’o, Meu, Huella del Gato, Kopa, O Birrán, O Caracas, Plaza, Rogelio, Salto del Ángel e The Boot.
Non perdas esta oportunidade de achegarte á cultura sefardí a través das diferentes actividades programadas en Ribadavia durante este mes de setembro.