Valoración do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense do acontecido na Comisión de Pleno e na Xunta de Portavoces

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Desde a formación nacionalista reiteran cal foi e segue a ser o seu posicionamento en relación á situación económica do Concello e ao proceso de estabilización do persoal interino

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 20 de setembro de 2024. Este venres celebrouse no Concello de Ourense unha Comisión de Pleno co obxecto de dictaminar até un total de 10 modificacións de crédito que sumadas, ascenden a un total de 22.293.576 euros e referidas a temáticas moi dispares pois preténdense mobilizar recursos nas Concellerías de Servizos Xerais, Seguridade, Benestar Sociais, Infraestruturas, Medio Ambiente ou Deportes entre outras.

Ditos expedientes foron retirados da orde do día a petición de PSdeG-PSOE e PP para, segundo eles, “un mellor estudo dos mesmos”, petición que contou co apoio do BNG. Ao tempo, ambos Grupos solicitaron a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces, Xunta que o Alcalde fixou para as 12:00 horas de hoxe.

Á mesma acudiu o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, quen manifestaba ao remate da reunión que “PSOE e PP tiveron unha oportunidade de ouro no momento en que o BNG puxo a súa sinatura para unha moción de censura, oportunidade que deixaron pasar”, referíndose ao feito de que ambos Grupos esgriman agora os mesmos argumentos incluso a través de comunicados idénticos.

No relativo ao proceso de estabilización, un dos temas tratados na reunión e un dos argumentos esgrimidos tanto por Populares como por Socialistas, Seara lembra que “desde o BNG xa dixemos desde o primeiro momento que nos opúñamos á modificación das Bases do proceso, unhas bases que xa foron empregadas, por certo, no Consello Municipal de Deportes e que agora o Alcalde pretende cambiar caprichosamente”.

En relación á situación económica do Concello, outro dos asuntos tratados, Luís Seara sinala que, “temos falado abondo da mesma. Temos denunciado a existencia dunha débeda oculta que negaba o Alcalde, que supera os trinta millóns de euros e que agora comeza a sair á luz”, e engade, “o que nos chama poderosamente a atención é que agora poñen o berro no ceo aqueles que lle teñen posto a Jácome unha alfombra vermella tras outra para seguir facendo o que lle peta”.

Finalmente e no que ten que ver coas dez modificacións de crédito que quedaron pendentes de ditaminar na Comisión de Pleno ao seren retiradas da orde do día, o Portavoz nacionalista di que “cando sexa convocado o Pleno, acudiremos como é lóxico e alí exporemos os nosos argumentos e diremos o que teñamos que dicir”.