A capital da comarca do Ribeiro acolle ao longo deste mes de setembro as ‘Xornadas Europeas da Cultura Xudea’, que dende a Concello de Ribadavia apuntan son unha oportunidade única para achegarse ao patrimonio sefardí que marcou a historia da vila, e nas que veciños e visitantes poderán desfrutar dunha serie de eventos que combinan cultura, música e gastronomía. Na programación desta pasada fin de semana destacou, o sábado, a inauguración na capela da Madalena da exposición “Sabores e aromas de Sefarad”, coa participación de Marta Puig, directora xerente da Rede de Xuderías de España, unha mostra que ofrece unha inmersión sensorial na rica tradición sefardí e que pode ser visitada ata o 6 de outubro.
Marta Puig destacou a Ribadavia como referente na Red de Juderías.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, valorou o legado histórico da cultura xudea.
Os participantes nestas xornadas tamén asistiron a un concerto de música sefardía a cargo do recoñecido músico Paco Díez, especialista en música tradicional ibérica e sefardí. Ademais, tamén se programou unha visita teatralizada ao Castelo dos Sarmiento, protagonizada por Platea Lúa, e unhas xornadas de portas abertas no Museo Sefardí durante toda a fin de semana.
Ao longo de todo o mes, tamén está en marcha o concurso “A árbore da Familia”, unha iniciativa da Rede de Xuderías que invita a veciños e visitantes a participar e gañar premios mentres exploran as raíces sefardís das cidades que forman parte da rede.