As e os socialistas seguen insistindo na necesidade de que esta BIC pase a dominio público e se proceda a súa rehabilitación e posta en valor e lembran que xa no seu día presentaron máis de 850 firmas ante a Xunta, pero só recibiron “a calada por resposta”
Ante o “silencio” e a “desidia” por parte do concello e a Xunta de Galicia, o PSdeG-PSOE de Cartelle xa se puxo en contacto cun avogado para trasladar a situación a Fiscalía, xa que segundo apunta Jesús Pereiras “estamos ante dunha posible situación ilícita e merecente de apertura de dilixencias”
Cartelle, 24 de setembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Cartelle volverá a levar ao pleno municipal unha moción na que insta ao goberno municipal inicie os trámites coa colaboración das administracións necesarias (Deputación, Xunta de Galicia e Goberno) para que a Torre de Sande pase a ser de titularidade pública e se proceda a súa rehabilitación e posta en valor. As e os socialistas denuncian o “desleixo” e “abandono” que sofre este monumento, Ben de Interese Turístico Nacional.
Dende o grupo municipal socialista lembran que ao longo dos últimos 5 anos, as e os socialistas presentaron numerosas iniciativas, tanto a nivel municipal como autonómico, esixindo unha actuación “urxente” para frear o “abandono” que vive a Torre de Sande. Neste senso, tamén apuntan que as iniciativas a nivel municipal, foron aprobadas por unanimidade, pero tal e como explican “o goberno local non moveu un só dedo para buscar unha solución ante o grave deterioro que sofre a Torre de Sande, que encabeza a Lista Vermella de patrimonio abandonado na provincia de Ourense”.
En maio de 2023, o PSdeG-PSOE de Sande presentou un escrito dirixido a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e a consellería de Educación, Cultura, Formación Profesional e Universidades, con máis de 850 firmas de veciños e veciñas do municipio. “Máis dun ano despois non recibimos resposta algunha por parte de Patrimonio nin da Consellería, o que amosa que non teñen interese ningún por recuperar este ben patrimonial e que pase a ser de dominio público”, sinala o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez.
Ante o “silencio” e a “desidia” por parte do concello e a Xunta de Galicia, as e os socialistas xa se puxeron en contacto cun avogado para trasladar a situación a Fiscalía, xa que segundo apuntan “estamos ante unha posible situación ilícita e merecente de apertura de dilixencias”. Neste senso subliñan que “xa temos preparado un escrito xurídico e recompilada toda a documentación ao respecto para proceder ante o silencio do PP e da Xunta de Galicia”.
Jesús Pereiras afirma que nos últimos tempos a situación da Torre de Sande empeorou, xa que tal e como explica “aumentaron os esbarrigamentos de partes do muro e os danos van en progresión xeométrica, sendo cada vez máis factible un derrubamento ante a falla de acción”. O voceiro socialista esixe unha resposta “urxente e contundente” e pídelle ao Partido Popular e ao alcalde, Jaime Sousa, que “non pechen os ollos ante esta grave situación cunha das xoias arquitectónicas do municipio que cae a pedazos”.
Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle volven recalcar “a importancia dunha xestión pública, transparente e correcta da Torre de Sande, que permita recuperala en beneficio da veciñanza”. Fan fincapé tamén na necesidade de que o goberno municipal “se poña a traballar xa pola veciñanza e deixe de darlle as costas en temas de vital importancia como son a Torre ou o plan de urbanismo” e esixen que, dado o seu deterioro “se recupere a Torre de Sande en condicións idóneas para que poida servir de referente turístico de Cartelle, xa que estamos seguros de que suporá unha importante fonte de ingresos para o municipio, pola chegada de turistas e pola creación de postos de traballo”