O Bng do Carballiño leva unha moción a pleno para o rexeitamento da subida do canon de Sogama e por un novo modelo de xestión de residuos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Carballiño, 25 de setembro de 2024. A voceirado grupo municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, ven de presentar unha moción ao vindeiro pleno municipal para abordar o problema da suba do canon de SOGAMA e para traballar por un novo modelo de xestión de residuos.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O anuncio da Xunta de Galiza do incremento do canon de SOGAMA para 2025, logo da suba xa aprobada en xullo de 2024, suporía un incremento acumulado de máis do 60%: o canon tipo pasaría dos 68 euros/tonelada da primeira metade de 2024 aos 108 euros en 2025. Un auténtico sablazo e un atraco que merece unha resposta contundente por parte dos concellos.

No outono de 2022 a Xunta incluiu no borrador de orzamentos para 2023 a supresión da bonificación do 10% do canon para aqueles concellos que implantasen a recollida separada dos biorresiduos e repercutisen a bonificación nos recibos que paga a veciñanza. Logo dun rexeitamento xeneralizado en vésperas das municipais, Rueda anunciou no parlamento o incremento da bonificación até o 15% nos concellos con recollida separada de biorresiduose quinto colector ou colector marrón, medida que se comezou a aplicar no ano 2023. 

A mediados do ano 2024 a Xunta elimina a bonificación e incrementa o canon nun 30%, dos 68 aos 88 euros por tonelada (os concellos con bonificación do 15% pagaban 56 euros por tonelada). E agora anuncia un novo taxazo para 2025 que elevaría a factura até os 108 euros.

Desde o BNG consideramos que este incremento unilateral, desproporcionado e abusivo do canon aos concellos é consecuencia do fracaso estrepitoso do sistema SOGAMA, baseado en solucións finalistas como a incineración e o depósito en vertedoiro, penalizados pola normativa europea de residuos. 

O modelo de Sogama é obsoleto, centralizado e antiecolóxico, como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda dos criterios que marca Europa, pois a porcentaxe de reciclaxe en Sogama no 2020 foi do 21%, cando a UE marcaba case o 50%. Somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe, xa que o propio plan da Xunta prorrogado até 2022, establecía a necesidade de tratar mediante compostaxe 245.000 toneladas cando a cifra oficial de 2022 apunta a que só se chegou ás 3.000. 

Para o BNG é urxente dar un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao costoso e antiecolóxico sistema SOGAMA baseado na incineración.