“O CooperOu implica un cambio substancial para pequenos concellos que antes non acadaban da Deputación fondos para pequenos proxectos necesarios para a veciñanza”, destaca Álvaro Vila.
Alén de varios traballos de asfaltado en marcha, “tamén puidemos contratar un condutor de tractor e un peón forestal, e conmemorar os 400 anos do Santuario das Ermidas”, afirma o rexedor do Bolo.
Para Vila, “os concellos por fin somos autónomos financeiramente e podémonos planificar a medio e longo prazo da man do CooperOu, que se aprobou grazas ao PSdeG-PSOE”.
Fornelos (O Bolo), 25 de setembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista continúa a recoller as impresións dos alcaldes da provincia sobre a práctica do novo mecanismo de reparto de fondos da Deputación de Ourense entre concellos (CooperOu), adoptado grazas á iniciativa e traballo do PSdeG-PSOE.
“Da man de Alberto (Vázquez), o alcalde do Bolo, estamos a comprobar con satisfacción que que por fin puido incluír nos orzamentos as partidas que lle permitiron acometer obras moi necesarias para o seu concello, e todo grazas ao CooperOu”, destacou o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, desde o pobo de Fornelos onde, acompañado doutros edís socialistas visitou as obras de asfaltado dunha vía.
O alcalde do Bolo fixo fincapé na importancia deste asfaltado da estrada que une San Pedro con Fornelos, que foi financiado con cargo ao Plan CooperOu da Deputación de Ourense. “Tamén fomos quen de planear outros proxectos, como o asfaltado da estrada de Celavente, o dunha vía no barrio da Fraga de Biduedo e outro asfaltado no lugar de Valdanta, no acceso á Veiga Florida”, repasou Vázquez.
Alén das obras públicas, os fondos da Deputación tamén se poden destinar a gasto corrente. “Con cargo ao CooperOu puidemos contratar un condutor de tractor e mesmo un peón forestal, así como financiar a conmemoración dos 400 anos da construción do Santuario das Ermidas, cuxos actos sufragamos en parte co plan da Deputación”, destacou o alcalde do Bolo.
Cambio substancial para os pequenos concellos
O Bolo percibía apenas 77.000 euros anuais. Coa entrada en vigor do CooperOu o concello pasou a recibir 157.362 euros, que tralas dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP na Deputación, que tiveron lugar en outubro de 2024 e en abril de 2025, acadou os 255.362 euros.
Para Vila, “o CooperOu representa un cambio substancial para os pequenos concellos que antes, por moito que petaran á porta da Deputación, non conseguían financiamento para pequenos proxectos necesarios para a veciñanza”.
“Os concellos por fin somos autónomos financeiramente e podémonos planificar a medio e longo prazo da man do Plan CooperOu, que se aprobou grazas ao PSdeG-PSOE”, conclúe o voceiro socialista na Deputación.
audios con valoracións sobre a aplicación do Plan CooperOu de reparto de fondos entre concellos da provincia, aprobado pola Deputación de Ourense grazas ao PSdeG-PSOE.
Valoración do voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila:
https://drive.google.com/file/d/1jk0k7mSxrTbkbtefxmmOewsKsltsBH3g/view?usp=sharing
Valoración do alcalde do Bolo, Alberto Vázquez:
https://drive.google.com/file/d/1mV7SZKCL-WvUUh5rmFo9vN87dm0mRr6I/view?usp=sharing