- Manuel Pardo reafirmou o apoio da Xunta a esta entidade coa que colabora desde hai anos no desenvolvemento de diferentes programas como o acompañamento a pacientes oncolóxicos durante a súa estancia no hospital de día
- O delegado territorial salienta que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia co obxectivo de reducir a incidencia desta patoloxía e mellorar a atención aos pacientes
Ourense, 26 de setembro de 2024.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación Española contra o Cancro de Ourense, Germán Rodríguez-Saa.
Na xuntanza o delegado territorial e a asociación puxeron en común a relevancia dos programas de cribados poboacionais e coincidiron na necesidade de previr o tabaquismo na xuventude e regular os límites de novos produtos como os vapeadores, tal e como contempla a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas que o Goberno galego está a tramitar.
Manuel Pardo reafirmou o apoio da Xunta a esta entidade coa que colabora desde hai anos no desenvolvemento de diferentes programas, o reparto de revistas, bebidas ou alimentos ás persoas que agardan pola quimioterapia, campañas de sensibilización ou actividades específicas para pacientes laringuectomizados ou con cancro de mama.
Resaltou tamén o delegado territorial que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia co obxectivo de reducir a incidencia desta patoloxía e mellorar a atención aos pacientes. Inclúe medidas para controlar os factores de risco, fomentar os hábitos saudables e aumentar os diagnósticos temperás.