O BNG pide explicacións á Xunta sobre a seguridade do parque acuático de Monterrei no Concello do Pereiro de Aguiar

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O deputado Iago Tabarés sinala que “existe unha importante preocupación sobre a seguridade das instalacións froito dos múltiples percances que exixiron intervención médica e mesmo o traslado a centros sanitarios. Nun só día do mes de agosto até en catro ocasións houbo de requirir a intervención de ambulancias”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 26 de setembro de 2024. A finais do pasado mes de xuño produciuse a reapertura ao público das piscinase tobogáns do espazo acuático sito no Complexo deportivo de Monterrei, no Concello do Pereiro de Aguiar. As instalacións postas en servizo están comprendidas dentro do que constituía a primeira das catro fases previstas do que se agardaba fose o gran parque acuático prometido polo Señor Núñez Feijóo en setembro de 2016.

En setembro de 2021 adxudicouse a execución das obras da primeira fase por un importe superior aos 4,7 millóns de euros, e o cal, representaba unha porcentaxe superior ao 50% do orzamento previsto para o total do proxecto. Unha continuación de incumprimentos impediron, tal e como sinala o deputado Iago tabarés, “que a cidadanía de Ourense puidera desfrutar dun dos poucos espazos acuáticos públicos para o lecer en época estival”. Finalmente o pasado 20 de xuño, produciuse a apertura das piscinas coa súa entrada en funcionamento incluída a de varios tobogáns.

Mais o certo é que, segundo Tabarés, “existe unha importante preocupación sobre a seguridade das instalacións, derivada fundamentalmente de múltiples percances no alcumado tobogán dos flotadores”, e engade, “dita instalación exixiu a asistencia e intervención médica das usuarias lesionadas e o traslado a centros médicos”.

Desde a formación nacionalista insisten en que, “nun só día do mes de agosto até en catro ocasións houbo de requirir a intervención de ambulancias para o traslado de usuarios ao Complexo Hospitalario de Ourense a fin de ser atendidos de golpes e lesións producidas no tobogán antes indicado”.

O acontecido nese día de agosto veu precedido, segundo Tabarés, “doutros episodios anteriores, sempre orixinados no mesmo tobogán, nos que outras usuarias tamén sufriron diferentes golpes e lesións que requiriron a aplicación de puntos de sutura na cabeza. O número de accidentes, a localización e orixe dos mesmos, así como o potencial alcance dos mesmo exixe examinar a total seguridade das instalacións postas en funcionamento para que a cidadanía poda desfrutar con confianza e tranquilidade dun dos escasos espazos acuáticos públicos dos que dispón”.

Diante do acontecido, desde o Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego veñen de rexistrar unha batería de preguntas dirixidas á Xunta de Galiza co obxectivo “de coñecer cal é o número total de incidencias contabilizadas este verán nas instalacións, se é consecuencia de deficiencias na construción, se se vai esixir algún tipo de responsabilidade e, sobor de todo, que medidas se van adoptar para corrixilas e evitar que se sigan producindo máis percances no futuro”.